ivanpuentes.com

Prostitución: Abolición ou Regulación

Bombilla vermella

Un deses vellos debates, xeralmente relativos a conflictos morais, que latexan constantemente na sociedade e que de xeito cíclico, pero constante, se manifestan e repousan, é o da prostitución. A conveniencia de exterminala ou normalizala, considerándoa unha profesión máis, parece que cobra de novo vixencia a raiz de sendas comisións sobre o tema no Parlamento de Galicia e nas Cortes Xerais; sen esquecer as recentes sentencias dos Tribunais Superiores de Xustiza de Galicia e Andalucia a prol dos dereitos laborais das prostitutas.

As fins semellan estar claras, mellorar as condicións de vida dos homes e mulleres que se prostitúen e poñer fin ós escuros negocios e á economía mergullada (en Galicia, 200 milóns de euros ó ano) que vigorosamente medran ó seu redor; as diferencias radican nos medios. Tal e como sinala a profesora Quiroga Parra (Universidade Pompeu Fabra de Barcelona), a primeira discusión que se prantexa é a dicotomía entre voluntarismo e determinismo, é dicir, entre aqueles que parten do suposto da liberdade que toda persoa ten para decidir que facer coa súa vida, incluindo o seu corpo e a súa sexualidade (visión voluntarista) e aqueles que consideran que a prostitución é consecuencia dunha serie de condicións económicas, sociocultarais e psicolóxicas concretas, pero nunca unha actividade elexida libremente (visión determinista).

En función disto, defenderemos a regulación ou non da prostitución. Os partidarios da regulación afirman que esta, sempre e cando sexa decidida polos afectados, é unha opción de vida tan respetable coma outra e que as persoas que se prostitúen deben ter os mesmos dereitos que os/as demais traballadores/as. Os/as abolicionistas e partidarios/as da prohibición consideran a prostitución coma un atentado contra a dignidade humana porque supón rebaixar o corpo da muller á condición de obxecto ou mercadoría, polo tanto, esta visión non admite a diferencia entre prostitución voluntaria e forzada.

O certo é que, tal e como revelan numerosos estudios e experiencias con prostitutas e prostitutos (se se me permite o neoloxismo) de todo o Estado, a meirande parte deles elexiron libremente esta profesión. Concretamente, unha investigación da Universidade da Coruña, dirixida pola profesora Laura Oso, cifra nun 4% a porcentaxe de extranxeiros/as que se adican á prostotución e que chegaron a Galicia enganados con respecto ó traballo que viñan realizar ó noso país.

Como todos sabemos, é certo que, especialmente no caso dos inmigrantes, a prostitución soe ser unha saída rápida e fácil a situacións de miseria, pero non é menos certo que moitos deles/as, logo de pagar a débeda que contraen algúns/as co proxeneta que lles facilita a viaxe ou incluso tendo os papeis en regla, deciden adicarse libremente a este oficio. Non falemos xa dos estudiantes ou persoas que teñen outros traballos e que empregan a prostitución como fonte ingresos extras, ou da prostitución de luxo.

En definitiva, é certo que hai xente que se adica á prostitución forzada polas circunstancias desfavorables que rexiron a súa vida, que ve este oficio como a saída máis fructífera a unha situción de miseria e/ou marxinalidade, pero tamén é certo que hai moitos homes e mulleres que, á marxe do anterior, escollen libremente a prostitución como o seu medio de vida e, dende logo, non é xusto que os prexuizos derivados da “moral oficial” do país lles impoñan un estilo de vida ou lles priven de facer co seu corpo e a súa sexualidade o que desexen.

O movemento feminista, tradicionalmente partidario da abolición, interpreta nas súas teorías máis actuais as tendencias abolicionistas como un aspecto máis da sociedade machista e patriarcal que todavía padecemos. A estigmatización das prostitutas é consecuencia da súa “autodeterminación” sexual, algo intolerable para a mentalidade machista. As “boas” mulleres son recatadas e sumisas sexualmente, ademais de nada promiscuas; as prostitutas manifestan abertamente a súa sexualidade e incitan ós homes, son independentes economicamente, poden fixar o tipo de servicio que prestan… son, en definitiva, transgresoras da norma e, polo tanto, son as “malas” mulleres.

Aínda así, segundo Hetaira (Colectivo en Defensa dos Dereitos das Prostitutas), máis que a súa liberdade sexual, o que de verdade altera os roles de comportamento da sociedade patriarcal, e polo tanto se castiga, é o feito de que as prostitutas cobren polos seus servicios. As “boas mulleres” están sempre dispostas a satisfacer as necesidades sexuais dos homes; enténdese case como un privilexio que un home desexe gozar sexulamente con elas (de ahí a expresión “facer un favor”), polo tanto, nesa elección está xa implícita a recompensa. O que non se acepta é que a recompensa para a muller sexa económica, máis todavía cando esta recompensa económica non é un favor que dispensen os homes (caso das amantes), senón un prezo fixado de antemán pola prostituta.

Como conclusión final, creo que é interesante reflexar o punto de vista da senadora do PSOE Carmen Montes. Ela afirma que tendemos sempre a posicionarnos nun dos dous extremos, desincentivar ou regular, cando, en realidade é posible acompasar os dous tipos de intervencións, xa que, lonxe de seren contradictorias, son complementarias. Eu vexo esta solución como a máis realista e a máis xusta, por unha banda deberiamos evitar ó maximo os determinismos, é dicir, a través de políticas sociais efectivas evitar que nin unha soa persoa se vexa obrigada a buscar na prostitución a saída a unha situación de marxinalidade e/ou miseria, pero ó mesmo tempo, e por outra banda, debemos ser conscientes do voluntarismo que existe en moitos casos e, polo tanto, regular e normalizar a situación laboral destas/es traballadoras/es, que deben gozar de exactamente os mesmos dereitos que o resto; e deixar a un lado os lastres e prexuizos morais.

En calquera caso, toda medida que se adopte debe contar coa opinión das/os afectadas/os e ter por obxecto, única e exclusivamente, a mellora das condicións laborais e de vida das persoas que se prostitúen.

3 comentarios

  1. […] Logo do acto aínda tivemos tempo para tomar unha cervexa longa na República Checa e discutir amigablemente sobre a prostitución, a raiz da pregunta que fixo unha das asistentes ás xornadas. María é abolicionista e eu son máis ben partidario da regulación; non nos puxemos de acordo, pero achegamos posturas. Xeral, Política, Ferrolterra, gl […]

  2. manu | 16 de June de 2008 - 5:01 pm

    hola ivanpuentes,
    por curiosidad me podrias decir de donde has sacado,
    o donde has encontrado esta foto???
    es un fotograma de un corto que hicimos (hola leire!)
    que dudo que se haya prodigado mucho por la red…
    gracias!

  3. Iván | 16 de June de 2008 - 6:36 pm

    Pues creo que la saqué precisamente de la red, pero no recuerdo de donde; hace ya mucho tiempo. Lo siento! Saludos ;-)

Deixa unha resposta