¿Onde está Acebes?
Hai unha nova que Pedro J. aínda non foi quen de publicar entre o relatorio de conspiracións xudeo-masónicas coas que cada día imprime o seu xornal, a desaparición de Ángel Acebes, ínclito representante da Aznaridade no presente.Trala declaración do alto ó fogo permanente por parte de ETA, iniciamos un novo proceso político que será, como sinalaba o Presidente do Goberno, difícil, duro e largo, pero que en menos dunha semana, nunhas poucas horas, derrubou o castelo de naipes mentireiros no que o PP sustentaba toda a súa estratexia de oposición dos últimos dous anos.
A clausura de Acebes é a primeira mostra do que eu agardo que sexa a fin efectiva do que Vázquez Montalbán definiu como “La Aznaridad”, o “reinado laico” de José María Aznar. Este, como todo caudillo que se prece, antes de abandonar o poder deixou ben colocados ós seus “mamporreros”, encargados de controlar os excesos e de dirixir a acción política do PP cara a consecución da grande obra iniciada por el.
Acebes no PP de hoxe é unha fotografía en branco e negro, representa máis que ningún outro a conexión cunha época e uns modos de facer política que os cidadáns rexeitaron amplamente nas urnas e, por riba, tamén representa mellor que ninguén a sucia e miserable labor de oposición do PP de Rajoy, baseada na mentira, nos insultos, na falta de toda ética e, sobre todo, na pobreza ideolóxica e argumental dos seus posicionamentos.
Por isto Acebes é o primeiro en caer, pero tras del irán outros. O PP foi máis aló do que a prudencia política recomenda, opúxose de modo histriónico a absolutamente todo o feito polo goberno socialista, profetizando a fin da familia, a fin de España ou o inicio do imperio do terrorismo; pero ó final o futuro chega cada día vestido de feitos presentes e nada do vaticinado se materializa. O Partido Popular apostou todo ou nada á mala sorte do Presidente en polo menos un dos grandes asuntos destes dous anos, as reformas estatutarias e a fin de ETA, e perdeu. É o momento de esixir responsabilidades.
Os demócratas, de esquerdas e de dereitas, merecemos un PP mellor, pilotado por xente responsable, que discrepe ideoloxicamente do Goberno, pero que antepoña os intereses dos cidadáns ós partidistas ou persoais. E merecemos que os Acebes non sexan máis que personaxes das fábulas históricas de Pío Moa ou César Vidal. Como dirían os Guiñoles parodiando a Zaplana, “alomojooó” é o momento de que PP leve a cabo a renovación que non soubo facer logo do 14 de marzo de 2004.
Non hai comentarios pero ainda estás a tempo
Deixa unha resposta

