¡Viva a República!

“España é unha república democrática de traballadores de toda clase, que se organiza en réxime de liberdade e de xustiza”; así define o estado no seu artigo 1º a Constitución da II República. O 14 de abril de 1931 España inicia un dos camiños máis transformadores e máis ilusionantes da súa historia, transformación e ilusión que, pese a todo o padecido despois, seguen a estruturar o noso presente. Pasaron dende entón 75 intensísimos anos marcados irremediablemente por este acontecemento, máis de 27.000 días de xúbilo, de ilusión, de esperanza, de reformas, de incredulidade, de dor, de loita, de resistencia e novamente de esperanza.
Na súa intervención de hai unhas semanas ante o Congreso no que as Xuventudes Socialistas celebraron o centenario da súa Constitución, Alfonso Guerra apuntaba que hai 30 anos, cando España ía testar por segunda vez o experimento da democracia, tiña claro que naquel momento era incompatible a consolidación dun réxime democrático co necesario exercicio de memoria colectiva e de restitución da honra da II República e de todos e todas cantos loitaron por ela. Isto, adoptando unha postura pragmática, obviase naquel momento, pero non se esquece.
Transcorridos xa 28 anos de democracia e perfectamente consolidado o réxime actual, chegou o momento no que este país, comezando polas súas institucións, ordene correctamente o seu pasado e abandone a postura cómoda e pragmática de equiparar ós defensores da democracia e da liberdade cos defensores da tortura e a ditadura. Facer isto é moi importante para ter claro que modelo de estado e de sociedade queremos e, neste senso, en que exemplos do pasado nos podemos inspirar e, pola contra, cales deben ser lembrados e coñecidos para non repetilos xamais.
A memoria histórica é ademais un exercicio de responsabilidade e de lealdade cos milleiros de cidadáns e cidadás, moitos deles compañeiros/as do Partido Socialista, que foron asasinados, torturados, encarcerados, reprimidos ou exiliados por defender e implantar definitivamente neste país uns valores cos que hoxe todos/as, dende a esquerda á dereita, enchemos o peito ó pronuncialos. Condenalos ó esquecemento ou poñelos no mesmo plano que os verdugos fascistas é hipócrita e vergoñento.
Guerra dicía tamén que, fronte á vella dicotomía socialista entre reforma ou revolución, o importante son as reformas revolucionarias, é dicir, aquelas reformas que se fan tan ben que, pase o que pase, é xa imposible desfacelas. A II República é un bo exemplo, durou como tal só cinco anos, pero 75 anos despois o modelo de sociedade e de estado que creou segue máis vivo que nunca. Corenta anos de fascismo franquista non foron quen de derrubar a reforma revolucionaria que o pobo español iniciou democraticamente o 12 de abril de 1931 e, así, trala morte do ditador España retoma o camiño democrático e dótase dunha constitución moi similar á republicana.
Aos cidadáns/ás que votaron polas candidaturas republicanas en 1931, aos políticos/as de diferente ideoloxía que soñaron cun país mellor e o puxeron en práctica na II República, a tódolos/as socialistas que crendo firmemente nas súas ideas deron a vida por elas, a todos/as os que mantiveron acesa a chama republicana durante o franquismo e a todos os que hoxe, moitas veces dende a soidade, seguen a traballar pola recuperación da memoria histórica e a dignificación dun réxime que implantou neste país a liberdade e a democracia das que gozamos actualmente, a todos eles e elas, Grazas. ¡Viva a República!.
Non hai comentarios pero ainda estás a tempo
Deixa unha resposta

