Chernóbil 2006

01:24 horas do 26 de abril de 1986, o reactor número catro da central nuclear de Chernóbil (Ucraína) explota. Libérase unha radiación similar á 500 bombas atómicas como a de Hiroshima. O resultado: 2.300 localidades contaminadas e máis de 6 millóns de cidadáns/as afectados en Ucraína, Rusia e Bielorrusia, onde un 23% do territorio foi contaminado pola choiva radioactiva e preto do 20% da poboación aínda padece as secuelas daquela catástrofe.
Chernóbil marcou un antes e un despois no desenvolvemento da enerxía atómica. Logo do accidente moitos países suspenderon os seus programas nucleares e, sobre todo, a sociedade occidental concienciouse dos perigos reais que este tipo de enerxía entraña. Xa non se volveu falar da enerxía nuclear segura.
Vinte anos despois, relacionándoo co pronto esgotamento das reservas de petróleo e carbón, certos grupos de presión, con ramificacións en tódolos eidos da sociedade, están forzando a reapertura do debate nuclear. O argumento é sinxelo: as fontes de enerxía clásicas, as fósiles, esgótanse e só o recurso á enerxía nuclear pode garantir o mantemento do actual nivel de produción enerxética e, polo tanto, de desenvolvemento. Pero esta dicotomía é falsa, hai unha terceira vía, as enerxías renovables.
Os “pro-nucleares” dirán que non, que estas non están suficientemente desenvolvidas. É certo, pero non o están porque case ninguén se tomou en serio este problema; incluso é probable que moitos fixeran todo o posible para que non se desenvolvesen, pensando no atómico negocio que poderían facer unha vez que chegase este momento, o da inevitable busca de alternativas enerxéticas.
Dinnos que é unha fonte de enerxía segura e incluso ecolóxica, porque só se coñece un accidente de grandes dimensións e porque non emite gases á atmosfera, o que permitiría solucionar en parte o efecto invernadoiro e o cambio climático. O problema é que un só accidente afecta a millóns de persoas durante moitas xeracións e non emite gases, non, pero xera residuos radioactivos que tardan centos, incluso miles de anos en eliminarse.
A moratoria nuclear que mesmo antes de Chernóbil se decretou en moitos países, como aconteceu en España en 1984, foi un dos grandes triunfos da sociedade e do ecoloxismo sobre o capitalismo voraz. Agora, cando de verdade se vai decidir o modelo enerxético a seguir nas vindeiras décadas, séculos incluso diría eu, é cando máis temos que defender as nosas posicións e gañar definitivamente a batalla emprendida hai máis de vinte anos.
Un rasgo identitario do socialismo actual é a aposta polo desenvolvemento sostible, algo totalmente incompatible coa tecnoloxía de enerxía nuclear empregada ata a actualidade. Estamos a tempo de investir en serio na investigación e desenvolvemento de enerxías non contaminantes e renovables e de lograr que este sexa o modelo enerxético do futuro. Fagámolo e esixámolo, por principios e porque un novo Chernóbil, aínda que fose un só caso máis, sería imperdoable.
Non hai comentarios pero ainda estás a tempo
Deixa unha resposta

