ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de Maio de 2006

Máis Garda Civil en Cataluña

Deixo un artigo de opinión de La Vanguardia redactado con ácida ironía sobre a inseguridade en Cataluña e o envío de axentes da Garda Civil a esta comunidade autónoma. Non comparto co autor a análise que fai do feito e as conclusións que extrae, pero creo que contén algunhas reflexións interesantes:

¡Viva la Guardia Civil!

MANUEL TRALLERO - 29/05/2006

Después de haber echado a la Benemérita como si fueran apestados, de haber expulsado a las tropas de ocupación, ahora resulta que los alcaldes van corriendo a Madrid a postrarse de hinojos ante el ministro del Interior a pedirle protección. ¿Dónde está la Generalitat? Porque Catalunya, la Catalunya que quiere ser como Montenegro, la Catalunya que es una nación, es un Far West donde campan por sus respetos los cuatreros y salteadores como si ésta fuera la tierra de Luis Candelas o como si Serrallonga hubiera vuelto por el túnel del tiempo. Y como nuestro sheriff no está por la labor, hemos llamado al Séptimo de Caballería, a los guardias civiles, a la potencia colonial, al Todo por la patria. Una metáfora preciosa sobre la Catalunya actual. ¿Les exigirán a los recién llegados tricornios tener el nivel C de catalán, o ahora da igual mientras acaben con los bandidos que nos vacían las casas y los pisos?
Ler máis

Seis millóns de Ruiz-Mateos ós Lexionarios de Cristo

José María-Ruíz Mateos saiu onte en defensa dos Lexionarios de Cristo cunha xenerosa doación económica de seis millóns de euros. Só unha semana despois de que a Santa Se inahibilitase ó fundador desta congregación relixiosa, Marcial Maciel, para calquera cargo na Igrexa por un escándalo de abuso sexual a seminaristas menores de idade, tal e como xa contei neste blog, a familia Ruíz-Mateos quixo apoiar á orde: “o donativo vai destinado a todos eses sacerdotes e seglares que traballan con tenacidade e amor para a formación da mocidade e no servizo ós máis necesitados por medio de traballos e proxectos sociais”, reza no seu comunicado.

Visto o visto, ocórreseme que Ruiz-Mateos tamén podería ter financiado a ese novo partido holandés que comentamos no anterior post, xa que defende o mesmo que aconteceu, tal e como comprou o Vaticano, en varios seminarios de España e Italia cos Lexionarios de Cristo, sexo con menores. ¡Igual de repugnante!

Pedófilos holandeses queren formar un partido político

(Periodista Digital) Pedófilos holandeses van lanzar un partido político para presionar pola reducción da idade legal para manter relacións sexuais de 16 a 12 anos e para legalizar a pornografía infantil e o sexo con animais.

O partido Caridade, Liberdade e Diversidade (NVD) dixo na súa páxina web que se rexistraría oficialmente o mércores, proclamando: ‘¡Imos sacudir á Haia para que esperte!’. A formación dixo que quería reducir a idade legal para as relacións sexuais ós 12 anos e eventualmente eliminar tódolos límites. “Unha prohibición só fai que os nenos sintan curiosidade”, dixo Ad van den Berg, un dos fundadores do partido, ó xornal Algemeen Dagblad (AD).

Son defensor a ultranza da liberdade individual, e admirador da política holandesa en moitos campos, pero esta idea paréceme simplemente repugnante, porque alguén lle tería que explicar a estas persoas sexualmente enfermas que a liberdade só ten un límite, pero ese teno que ter, a liberdade dos demais e, dende logo, un neno/a de 12 anos, en pleno desenvolvemento mental e intelectual, non é aínda libre para decidir sobre as súas relacións sexuais con persoas adultas. Por iso os menores teñen que gozar, como recoñecen tódolos ordenamentos xurídicos actuais, de especial protección.

Do Alcalde de Fene e a Secretaria Municipal

Esta semana, Xosé María Rivera Arnoso, anunciounos ós grupos da oposición pola prensa, como é habitual nel, que recupera as competencias que tiña delegadas na Xunta de Goberno Local, debido ás novas e múltiples esixencias legais que a nova secretaria lle pon ós acordos do goberno municipal.

Dende o punto de vista práctico a nova non é relevante, o que antes decidían colexidadamente tódolos concelleiros/as do BNG agora aprobarase unicamente coa sinatura do Alcalde, pero políticamente o asunto ten a súa trascendencia. En setembro chegou, logo de aprobar a súa oposición, unha secretaria de carreira que desplazou deste posto ó anterior secretario, accidental, é dicir nomeado directamente a dedo polo Alcalde. Este era o problema. O BNG intentou por tódolos medios a que nova Secretaria non tomase posesión da súa plaza, esgrimindo argumentos de tanto peso e tan progresistas como que é moi nova e sen experiencia ou que é socialista porque fala (crea contubernios en palabras dun concelleiro do BNG) coa oposición.

En marzo este Secretaria marchou, porque lexitimamente chegou a actual, con maior categoría profesional, pero marchou cunha seria depresión logo de soportar durante seis meses a incómoda situación laboral á que a sometía o Grupo de Goberno; dixéronlle ademais, segundo ela, que se tiña que marchar por ser socialista, pese a non se ter manifestado nunca sobre a súa ideoloxía, e falar coa oposición. O Alcalde, en público e en privado, adicouse sistematicamente a desprestixiar a esta muller e xactouse reiteradamente ante a oposición de conseguir que marchase e que viñese por fin unha secretaria seria e competente.

Non farei máis comentarios ó respecto, remato só cun refrán castelán que lle lembraremos ó Alcalde no seguinte pleno, “detrás vendrá quien bueno te hará”.

Noraboa, Nacho

Confirmacion Nacho

Nacho é unha persoa excelente, como poucas que teña coñecido, e é un dos meus mellores amigos. Dende que o coñezo sempre fixo gala dun ateísmo activo, pero onte, ós 26 anos, recibiu o sacramento da confirmación, algo que, logo das horas que temos investido en falar sobre a relixión e a Igrexa Católica, os seus efectos na sociedade e no individuo, a liberdade persoal… merece sen dúbida ser noticia neste blog.

Non é que a Nacho o iluminase de repente o camiño da fe; a explicación é moito máis mundana, quere casar con Lidia, que non se conforma cunha cerimonia civil, senón que quere pasar polo altar. É difícil renunciar ós nosos principios, pero a pesar de tódolos vaciles ós que o veño sometendo dende que me deu a noticia, entendo a Nacho, casar con Lidia ben vale ese esforzo.

Retrateino axeonllado ante o Vicario do Bispo no mesmo intre no que ese o unxía cos óleos sagrados para recibir ó espírito santo. Esta sería a foto coa que me gustaría ilustrar este post, pero estou ameazado; aínda que se vos animades podemos facer unha poxa. Mentras tanto, deixo esta outra das cervexas de despois da misa, na que aparece Alejandro, o padriño, e Nacho exaltando por riba de todo a súa ideoloxía socialista. Aínda así, Nacho, noraboa.

Represión Gai en Moscú: “Rusia non é Sodoma”

Este home que aparece na imaxe co nariz e a cara ensngrentados é Volker Beck, deputado dos Verdes en Alemaña, tras recibir o impacto dunha pedra e un puño neonazi por participar onte en Moscú na primeira manifestación do orgullo gai na historia de Rusia.

A manifestación fora prohibida días antes polo alcalde moscovita e mesmo por un tribunal da capital con argumentos de tanto calado como a necesidade de non alterar o tráfico, evitar brotes de violencia, non arrastrar a Rusia a algo para o que non está preparada ou que si os gais elixiran unha zona das aforas para manisfestarse a visión das autoridades sería outra. ¿A que me sonará a min esta letanía?

A marcha rematou cunha carga violenta dos antidisturbios que, axudados por grupos relixiosos e neonacis ó elaborado berro de “Sodoma non pasará“, agrediron ós manisfestantes e detiveron a máis de 70 persoas, máis de medio cento de activistas homosexuais e uns 20 agresores.

Dende os tempos da URSS e ata 1993 a homosexualidade era castigada en Rusia con penas de ata cinco anos de cárcere. Hai 13 anos despenalizouse, pero parece que aínda nos queda moito por facer para que ós/ás homosexuais rusos podan acadar simplemente un dereito tan básico como a liberdade de expresión.

Lexionarios de Cristo e Violadores

Hai un par de semanas enterámonos de que o Papa decidiu apartar do sacerdocio ó fundador dos Lexionarios de Cristo, o mexicano Marcial Maciel, logo de que varios seminaristas o denunciaran xa ante Xoan Paulo II por abusos sexuais.

El País afirma que a congregación ultracatólica conta en España con varios seminarios, unha universidade privada —a Francisco de Vitoria, en Pozuelo de Alarcón, Madrid—, media ducia de colexios e decenas de garderías. Entre os seus seguidores figuran Ana Botella, e os ex ministros do Partido Popular José María Michavila e Ángel Acebes.

José Martínez de Velasco, redactor xefe da axencia de noticias Efe, recollía no seu libro de 2004 Los documentos secretos de los Legionarios de Cristo (Ediciones B) os testimonios de supostas víctimas de casos de pederastia que tiveron lugar nos seminarios españois. Alejandro Espinosa, ex membro da congregación, conta nesta obra como foi violado por sacerdotes durante a Semana Santa de 1991, cando tiña 13 anos, no centro vocacións cántabro de Ontaneda.

Celebro, sendo claramente insuficiente, a condena do vaticano a Maciel, pero parece que o problema non se cingue a unha soa persoa, senón que aínda queda moito por rascar nas entrañas deste grupo fanático.

Campaña Machista de Novas Xeracións

Campaña NN.GG.

Primeiro foi a campaña na que pintaban a fronte dos deputados socialistas de León coa palabra “traidor”, logo sorprendéronnos con carteis, insultantes como mínimo, contra o proceso de paz en Euskadi, que o PP lles obrigou a retirar, e agora as Novas Xeracións do PP volven a facer gala do seu pésimo gusto e nulo sentido da comunicación coa campaña de afiliación “Abre los ojos…Libérate”. Poderiamos falar moito sobre a concepción da liberdade no Partido Popular, sobre como cultivaron a liberdade de expresión, de crítica e de información dureante os oito anos de goberno de Aznar, pero prefiro centrarme estrictamente na campaña.

Paréceme un cartel machista. Á marxe da postura máis ou menos sexualmente dominante do rapaz nas dúas imaxes, na da esquerda é o home o que somete á muller, e na da dereita, que teoricamente ilustra a liberación da rapaza, esta está totalmente abrazada, atada e sometida ó macho protector. Dende logo ¡Canto nos queda por avanzar en igualdade de xénero!

Acebes, tamén xenófobo

Hoxe Ángel Acebes abraioume con outro dos seus pinchacarneiros argumentais, que nos revelou ademais o seu lado xenófobo: en Cataluña están incrementándose os asaltos a vivendas particulares, La Razón publica que a fronteira con Francia está pouco vixiada, que é un “coladoiro”, e Acebes con estes bimbios afirma que a causa disto prodúcense avalanchas de sin papeis, o que están aproveitando as bandas de delicuentes para introducirse en España. Todo debido, claro está, ó efecto chamada provocado por ZP ó regularizar a preto dun millón de inmigrantes; ergo ZP é o culpable dos asaltos en Cataluña.

¡Que rancio e que repugnante é vincular a emigración coa delincuencia! Pero nesta argumentación faia algo: se o PSOE regularizou a un millón de inmigrantes é porque xa estaban aquí, porque entraron en España cando Acebes era Ministro do Interior e esta dereita resesa miraba para outro lado e non lles recoñecía os máis elementais dereitos. Creo máis no efecto chamada da fame que no de ZP e ¿Que fixeron Acebes ou Aznar por mellorar as condicións de vida en África?

Actualización (26/05): Teño que engadir a este post a reflexión dun oínte de Hoy por Hoy ó respecto que me pareceu brilante; preguntábase él “¿Cantos dos propietarios dos chalets asaltados en Cataluña teñen esas casas gracias á inmigración? ou ¿Cantos teñen gracias a esta incluso máis dun chalet?

¡Fóra Peaxes!

Supresión da Peaxe na Barcala

Noraboa ós veciños/as das comarcas da Coruña e Vigo e ós/ás que habitualmente circulamos por elas, por fin se nos libra do atraco de Rande e a Barcala. Atraco ó que por certo nos condenou o Partido Popular de Galicia cando decidiu renovarlle a AUDASA a concesión da Autoestrada do Atlántico, que finalizaba en 2007, corenta anos máis, para por riba privatizar logo esta empresa pública. ¿Como pode Núñez Feijoo criticar a supresión da peaxe sen porse vermello? Quizá porque de vermello non ten nin o sangue.

É inxusto, moi inxusto, que os galegos/as vivindo nunha das comunidades menos ricas de España teñamos que pagar peaxes, abusivas por riba, para desplazarnos entre as principais cidades do noso país. É un freo ó noso desenvolvemento. Por iso celebro que o Gobero Galego suprima os dous exemplos máis claros dese abuso, aínda que toda a AP-9 é un abuso. Non podemos soportar a condena de 40 anos que nos deixou o PP.

¿Que dicir de Ferrolterra? Fomos a escusa, a cambio de construír libre de peaxe o tramo Fene-Ferrol, para renovar a concesión. Ferrolterra está traballando moi duro para superar a crise económica e laboral que padecemos dende hai moito tempo e a peaxe é un freo dos máis potentes, porque temos a moitos cidadáns traballando fóra da comarca, porque estamos nun extremo e temos que percorrer máis kilómetros por ela, porque estamos nunha peor situación económica que o resto de Galicia… Creo que poderiamos marcarnos un reto a medio prazo, liberar a peaxe da Coruña a Ferrol para facer do Golfo Ártabro unha grande área metropolitana, perfectamente vertebrada e próspera economicamente. O contrario é condenarnos ó aillamento.

Páxina seguinte »