ivanpuentes.com

A producción marisqueira da Ría de Ferrol cae un 40%

Ria de Ferrol

Conta Andrés Vellón en La Voz de Galicia que no que vai de ano as extracións marisqueiras na Ría están a ser un 40% inferiores ás do ano pasado, o peor resultado dende a catástrofe do Prestige. O xornal sinala como causas deste brusco descenso o paro decretado hai tres semanas (e levantado hoxe) pola existencia de toxina e a escasez de ameixa no banco das Pías, o máis importante. As confrarías culpan tamén ós/ás furtivos, que segundo os seus datos, extraen o 30% da producción dos bancos locais. Pero ¿estas explicacións son totalmente satisfactorias? Para min non.

Non podemos obviar outro factor determinante, o crecente deterioro medioambiental da Ría. Case tódolos concellos seguen a liberar sen depuración de ningún tipo as augas residuais, os verquidos industriais increméntanse día a día e prevese a posta en marcha de novas actividades nocivas, séguese a gañarlle terreo ó mar con máis recheos… E todo isto nunha ría moi pechada e cunha renovación deficitaria das súas augas.

É urxente aprobar o saneamento da banda sur da Ría (o Norte está xa en construcción), protexela de novas agresións fundamentalmente industriais, asinar comarcalmente un pacto en favor da nosa ría e blindar o pouco que nos queda dela. Así, poderiamos facer realidade a súa rexeneración e Ferrolterra atoparía nela unha nova fonte de ingresos, a extracción marisqueira a maior escala, xunto con outras actividades vencelladas á acuicultura e, por suposto, a súa explotación para o ocio e o turismo. Isto é compatible co desenvolvemento industrial, que pode optar na comarca por múltiples ubicacións menos nocivas medioambientalmente. Simplemente temos que crer neste modelo e poñelo en marcha xa.

3 comentarios

  1. Ignacio | 18 de Maio de 2006 - 5:17 pm

    Habería que pensar tamén coma canto de tóxicas son as ameixas que se comercializan

  2. Parzival | 18 de Maio de 2006 - 5:25 pm

    Pois como ENCE se traslade à bisbarra acabar-se-á o problema: não vai ficar nada vivo!

  3. Manuel | 18 de Maio de 2006 - 11:30 pm

    Non esquezas que ademais hai vertidos directos á ría. Forestal do Atlántico, por exemplo.
    En calquera caso, non é necesario que veña Ence. Se desgraciadamente Reganosa empezara a funcionar, en menos de tres meses, ante a utilización da auga da ría para a desgasificación, e que revertirá na mesma, cunha temperatura de 5 grados de diferencia, acabará matandoa.
    Por certo, o blog do Cté. Cidadán e: http://comitecidadan.bitacoras.com

Deixa unha resposta