¿ENCE en Ferrolterra?

Algúns medios de comunicación están a suxerir que ENCE se tería decidido xa por Ferrolterra como lugar no que implantar o seu novo centro de producción en Galicia, que substituirá á factoría que agora ten en Pontevedra. As novas instalacións permitirían completar o ciclo da madeira en Galicia, xa que ademais da pasta que fabrica actualmente ENCE en Lourizán, a nova factoría contaría cunha fábrica de papel; proxecto este que nace xa nos tempos nos que Fernando González Laxe era Presidente da Xunta de Galicia e Francisco Sineiro o seu Conselleiro de Agricultura.
Estamos a falar, posiblemente, da maior inversión empresarial en Galicia, pero a necesidade de investimentos e de creación de postos de traballo que temos en Ferrolterra non nos debe levar a dicir simplemente amen e a repetir erros do pasado. ENCE marcha de Pontevedra como resultado dunha presión política e social de moitos anos polo esaxerado deterioro medioambiental que ten provocado. ¿ENCE en Ferrolterra? Si, pero esixíndolle que invista en protección do medio ambiente todo o que non se investiu en Pontevedra, que trate os seus residuos do xeito máis avanzado posible para reducir ó máximo o impacto ambiental e que busque unha ubicación que non implique reducir a calidade de vida de ningunha poboación e, sobre todo, que non afecte nin o máis mínimo ós dous tesouros naturais que temos nesta comarca, a Ría de Ferrol e o Parque Natural das Fragas do Eume. Vou poñer a venda antes da ferida: ¡ENCE fóra da Ría! ¡ENCE fóra do Eume!.
4 comentarios
Deixa unha resposta


O mellor será que non veñan. No paga a pena pagar o prezo medioambiental que significa ENCE por unhas ducias de postos de traballo.
si mellor veña todos pa a casa , que ali estase mellor sen traballar, eu prefiro traballar nunha fabrica que andar bourando no mar chove oun neve.
¿Entón ENCE si ou ENCE non?
Entendo que dis que SI, sempre que se leven a cabo estrictamente os contróis adecuados, pero tamén que NON cando lle toque sufrila á ría ou ao río Eume. Se ENCE se traslada finalmente a Ferrolterra supoño que fará uso das augas dun dos dous.
Noraboa unha vez máis polo blog! :)
Todo razoamento que se poda chamar así é sempre máis complicado que dicir si ou non; chegaremos a un ou outro posicionamento final en función das circunstancias, do como, que rodee a esa decisión.
Polo tanto, ENCE en Ferrolterra si, pero non na Ría de Ferrol, nin tampouco ás beiras do Eume se existe a máis mínima posibilidade de que altere o ecosistema das fragas, cousa que eu non podo saber cietificamente.
En conclusión, se a opción é instala na ría, digo ENCE non, se se instala nas Pontes afectando ao Parque Natural, digo tamén ENCE non, pero se se instala noutro lugar menos sensible ou nas Pontes se as Fragas non se ven afectadas, como pasa agora con ENDESA, digo ENCE si.
Saúdos ;-)