ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de Maio de 2006

A primavera en Euskadi

Festa da Rosa 2006

Estiven esta fin de semana en Barakaldo, acompañndo ós/ás compañeiros/as do Partido Socialista de Euskadi na Festa da Rosa, marcada este ano pola nova situación política derivada do alto ó fogo permanente decretado por ETA. Por primeira vez, vin a milleiros de socialistas vascos expresarse sen medo, manifestar libremente a súa ideoloxía e, o que é aínda máis impresionante, vin a cidadáns sen afiliación política participar nun acto do PSE-EE. Algo ten mudado xa, dende logo.

É evidente que a sociedade está a vivir este proceso cunha ilusión e unhas esperanzas inéditas en episodios anteriores deste longo conflicto. Parece que vai en serio. Non entendo, como outras veces, a actitude do Partido Popular, que intenta torpedear o diálogo e, en definitiva, a paz calificando todos estes esforzos como “proceso de chantaxe da banda terrorista a 44 millóns de españois“. ¡Problema seu! Os demais, como dixo onte Patxi López, estamos a vivir a nosa particular primavera; só temos que traballar duro para que floreza. Sempre estiven convencido delo, pero hoxe estouno máis que nunca, o diálogo e incluso a negociación merecen a pena, porque son a única saída.

A pantasma de Eurovisión

Outro ano máis chegou Eurovisión, cada vez con máis cheiro a rancio e a alcanfor, pero aínda ten o seu público. Entereime de que este ano representaban a España as Ketchup o sábado pola noite, o mesmo día da emisión do programa, porque de festa por Bilbao comentoumo Lucía, unha compañeira da Coruña.

A principal gracia deste festival creo que é a morriña, os recordos de infancia que nos trae a cada un de nós; de sábados en familia analizando os motivos xeopolíticos polos que Grecia nos da 12 puntos (gracias á simpatía da raíña) ou Francia 0 (é que dende que botamos ó exército de Napoleón, téñennos atravesados) Como non coñezo ningunha das cancións deste ano e como a palabra Eurovisión sóame a pasado, deixo o vídeo do mítico la,la,la

¿ENCE en Ferrolterra?

ENCE

Algúns medios de comunicación están a suxerir que ENCE se tería decidido xa por Ferrolterra como lugar no que implantar o seu novo centro de producción en Galicia, que substituirá á factoría que agora ten en Pontevedra. As novas instalacións permitirían completar o ciclo da madeira en Galicia, xa que ademais da pasta que fabrica actualmente ENCE en Lourizán, a nova factoría contaría cunha fábrica de papel; proxecto este que nace xa nos tempos nos que Fernando González Laxe era Presidente da Xunta de Galicia e Francisco Sineiro o seu Conselleiro de Agricultura.

Estamos a falar, posiblemente, da maior inversión empresarial en Galicia, pero a necesidade de investimentos e de creación de postos de traballo que temos en Ferrolterra non nos debe levar a dicir simplemente amen e a repetir erros do pasado. ENCE marcha de Pontevedra como resultado dunha presión política e social de moitos anos polo esaxerado deterioro medioambiental que ten provocado. ¿ENCE en Ferrolterra? Si, pero esixíndolle que invista en protección do medio ambiente todo o que non se investiu en Pontevedra, que trate os seus residuos do xeito máis avanzado posible para reducir ó máximo o impacto ambiental e que busque unha ubicación que non implique reducir a calidade de vida de ningunha poboación e, sobre todo, que non afecte nin o máis mínimo ós dous tesouros naturais que temos nesta comarca, a Ría de Ferrol e o Parque Natural das Fragas do Eume. Vou poñer a venda antes da ferida: ¡ENCE fóra da Ría! ¡ENCE fóra do Eume!.

O fiscal pide 40 meses de prisión e inhabilitación para a patroa da Confraría de Barallobre

Incrible! Non entendo as inxustizas da xustiza. No día no que medio país está flipando aínda coas imaxes da Policía Nacional rexistrando e precintando dependencias da Deputación de Lugo e detendo a funcionarios por un caso de suposta corrupción a grande escala, enterámonos de que un fiscal pretende que Marisol, a Patroa Maior da Confraría de Barallobre, pase máis de tres anos no cárcere por concentrarse con outros compañeiros/as de confraría diante do Edificio da Xunta en Ferrol no ano 2002, berrar, impedir a saída do mesmo ata as 3 da tarde da Delegada Provincial de Pesca de López Veiga e enfrontarse á Policía cando esta carga contra os/as concentrados/as para disolvelos.

Creo que o poder xudicial é asumido e acatado socialmente cando observamos que se respecta algo que semella natural, a proporcionalidade entre o feito denunciado e o castigo imposto. Cando isto non se produce os/as cidadáns/ás perden a súa confianza na xustiza, o que crea inseguridade. Neste caso a petición do fiscal é claramente desproporcionada. Espero que ó final o xuiz actúe xustamente e Marisol e os/as demais mariscadores/as non sexan nin siquiera sancionados, porque senón ¿Canto pasará no cárcere o clan de Cacharro?

A producción marisqueira da Ría de Ferrol cae un 40%

Ria de Ferrol

Conta Andrés Vellón en La Voz de Galicia que no que vai de ano as extracións marisqueiras na Ría están a ser un 40% inferiores ás do ano pasado, o peor resultado dende a catástrofe do Prestige. O xornal sinala como causas deste brusco descenso o paro decretado hai tres semanas (e levantado hoxe) pola existencia de toxina e a escasez de ameixa no banco das Pías, o máis importante. As confrarías culpan tamén ós/ás furtivos, que segundo os seus datos, extraen o 30% da producción dos bancos locais. Pero ¿estas explicacións son totalmente satisfactorias? Para min non.

Non podemos obviar outro factor determinante, o crecente deterioro medioambiental da Ría. Case tódolos concellos seguen a liberar sen depuración de ningún tipo as augas residuais, os verquidos industriais increméntanse día a día e prevese a posta en marcha de novas actividades nocivas, séguese a gañarlle terreo ó mar con máis recheos… E todo isto nunha ría moi pechada e cunha renovación deficitaria das súas augas.

É urxente aprobar o saneamento da banda sur da Ría (o Norte está xa en construcción), protexela de novas agresións fundamentalmente industriais, asinar comarcalmente un pacto en favor da nosa ría e blindar o pouco que nos queda dela. Así, poderiamos facer realidade a súa rexeneración e Ferrolterra atoparía nela unha nova fonte de ingresos, a extracción marisqueira a maior escala, xunto con outras actividades vencelladas á acuicultura e, por suposto, a súa explotación para o ocio e o turismo. Isto é compatible co desenvolvemento industrial, que pode optar na comarca por múltiples ubicacións menos nocivas medioambientalmente. Simplemente temos que crer neste modelo e poñelo en marcha xa.

Curiosidades de Alcohol e Sexo

Sempre me gustaron as novas pequerrechas e curiosas que os xornais publican os festivos. Hoxe atopeime con dúas en La Voz:

O gusto sexual de cada pobo marcou as diferencias físicas, segundo un experto. Di Spencer Wells que as diferencias físicas entre os distintos pobos do mundo poden explicarse polos diferentes gustos de cada un destes, que fan que os individuos se reproduzan só con aqueles/as que consideran máis atractivos. Este estadounidense sostén ademais que os case 6.000 millóns de individúos, no sentido amplo do termo, que vivimos hoxe en día descendemos de tan só 10.000 nachos e nachas que hai 60.000 anos habitaban o norte de África.

Un estudante borracho dúrmese nun piñeiro de 40 metros. Un rapaz británico, totalmente borracho, trepou a noite do luns a un piñeiro duns 40 metros ubicado no campus universitario e na copa do mesmo, contra unha pola, quedou durmido. Horas máis tarde, algo máis sobrio, espertou e non se atreveu a baixar. Sacou de móbil e chamou ós bombeiros, que tardaron hora e media en rescatalo. ¡Para que logo falen do botellón de aquí!

As letras dos máis cativos

Letras Galegas 2006

Participei hoxe no acto organizado polo PSdeG e as XSG de Ferrolterra para celebrar o Día das Letras Galegas, reparto dun cento de libros infantís e sesión de contacontos a cargo do compañeiro Mateo de Pontedeume (moi bo, por certo). Con elo, pretendemos chamar a atención sobre a importancia de acostumarnos dende cativos a ler e expresarnos en galego, de familiarizarnos coa nosa lingua, como único medio para evitar a súa estinción social.

O que vin ó longo desta mañá é certamente desesperanzador; dos algo máis de cen nenos e nenas cos que falamos ningún, nin un só, empregou o galego para dirixirse a nós ou para participar nas actividades preparadas, aínda que todos o entendían perfectamente.

Só dúas reflexións: ¿De que serviron todos estes anos de suposta normalización lingüística? Parece que só para que entendamos o galego, pero non dende logo para fomentar o seu uso, e ¿Será tan mala idea esta das galescolas?.

Símbolos

Bandeira Republicana en Cibeles

Leo hoxe na portada de El Mundo “Acebes culpa a Zapatero da proliferación de símbolos inconstitucionais, como a bandeira republicana colgada onte - primeiro de maio - na Cibeles”. Vou ó interior e atención á pirueta argumental que fai Acebes: “cando non se defende a constitución nin os símbolos da Nación, como ocorre en Cataluña, acabamos cunha gran exhibición de símbolos inconstitucionais, como ocorreu esta mañá coa bandeira [republicana] colgada en Cibeles”.

Só tres cousas. A primeira: é imposible un exercicio maior de demagoxia e de actividade cerebral nula á hora de argumentar. A segunda: salvo que o PP pretenda que o corpo de antidisturbios da Policía Nacional rebente a manifestación do Primeiro de Maio para retirar as bandeiras das mans dos manifestantes (intervención totalmente inadmisible), non sei que culpa ten Zapatero ó respecto. A terceira: a bandeira da II República ondea na manifestación de tódolos primeiros de maio, tamén naqueles celebrados nos anos goberno de Aznar, cando Acebes era Ministro do Interior. Ler máis

« Páxina anterior