Anotacións arquivadas do mes de Xuño de 2006
Rouco pide ós sacerdotes que recen por España nas misas

Teño unha úlcera no estómago. Xa me pareceu esperpéntico cando me enterei de que a Conferencia Episcopal pretendia entregarlle a Ratzinger, na súa visita a Valencia, un documento no que os bispos disertaban sobre o perigo no que segundo eles se atopa a unidade de España; ó final grazas á presión do sector máis aperturista e pogresista da curia esta inxerencia eclesiástica na política non saiu adiante. Pero os cerebros rancios e resesos que dirixen a igrexa española, encabezados por Rouco Varela, non se dan por vencidos na súa evanxilización partidista a prol do PP e agora o villalbés, na súa condición de arcebispo de Madrid, pídelle ós curas da súa diócese que nas misas inviten ós fieis a rezar pola unidade de España.
En concreto, a petición debe dicir así: “Oremos por España. Para que las instituciones democráticas y todo el pueblo fomenten en España la verdad y la libertad, la justicia y la paz, la unidad y la concordia y el pleno reconocimiento de los derechos fundamentales de todos. Roguemos al Señor”.
Non o entendo, Deus é omnipotente e omnipresente, Él todo o pode e todo o ordena. De feito, non podemos abortar, porque aínda que te quedes preñada sen querer, esa é a vontade de Deus e nela nós non podemos interferir, pola mesma razón non podemos legalizar a eutanasia, nin investigar con células nai. En cambio, no terreo político todo é diferente, Deus faia ás veces e a Conferencia Episcopal ten que correxir os seu erros; aplicando a súa lóxica, o 14 de marzo Zapatero gañaría as eleccións por vontade divina e froito delo, tamén por vontade divina, se estarían a reformar os estatutos de autonomía, pero aquí os bispos non aceptan a vontade de Deus, senón que piden ós fieis que recen pola unidade de España ou, o que é o mesmo, que recen porque a dereita volva ó goberno.
Creo que se a Igrexa decide actuar e xogar terrenalmente, non debería gozar de ningún dos extraordinarios dereitos que ten recoñecidos e si que debería ter as mesmas obrigas e dereitos que os demais mortais que vivimos nesta España que a dirección da curia ve en proceso de descomposición.
Absolta a patroa maior de Barallobre

Menos mal que ó final se fixo xustiza e quedaron en nada os máis de tres anos de prisión que pedía o fiscal para Marisol Arnoso, Patroa Maior da Confraría de Barallobre, por concentrarse con outros compañeiros/as de confraría diante do Edificio da Xunta en Ferrol no ano 2002, berrar, impedir a saída do mesmo ata as 3 da tarde da Delegada Provincial de Pesca de López Veiga e enfrontarse á Policía cando esta carga contra os/as concentrados/as para disolvelos.
A Patroa Maior foi absolta, xunto con outros tres compañeiros da confraría, mentres que un cuarto foi condenado por resistencia a seis meses de prisión, faio que será recorrido. En liñas xerais fíxose xustiza e, loxicamente, os/as marisacadores/as non foron condenados por defender os seus dereitos. Noraboa ós/ás membros da Confraría de Pescadores de Barallobre.
A paz máis cerca, a pesar do PP

Iván Puentes. Secretario Comarcal de Ferrolterra.
Por fin o Presidente do Goberno anuncia o inicio de conversas directas con ETA para lograr definitivamente a fin da violencia en Euskadi, unha vez que as forzas de seguridade do Estado teñen verificada a realidade do alto ó fogo permanente decretado pola banda hai uns meses. Valoro moi positivamente dúas cousas de Zapatero, que informe puntualmente ós cidadáns de tódolos pasos que se están a dar, non como ocorría noutras épocas, e que, aproveitando as óptimas condicións que parece que se dan neste momento para poñer punto final ó terrorismo, sexa valente e aposte polo diálogo como único medio real para lograr a paz; aínda sen o desexable apoio do principal partido da oposición.
O PP, tal e como expresou Rajoy en rolda de prensa, segue a manifestar cinicamente o seu compromiso coa fin da violencia, combinado co seu rexeitamento frontal ós pasos que está a dar o Goberno para logralo. É moi difícil gobernar cando o partido máis importante da oposición só pensa no propio interese e non no da cidadanía, pero cando este proceso chegue á súa fin cada quen terá os seu méritos, por un lado estará o PP, por outro tódolos demais partidos e os cidadáns e cidadás xulgarán o traballo de cada quen.
Dixo unha cousa o Presidente, que o Goberno non vai modificar a Lei de Partidos, que nos indica unha cousa, que previsiblente Batasuna condenará por fin a violencia e acatará esta lei, o que a lexitimará para falar en términos políticos. Por se isto pasa, Rajoy xa puxo a venda, afirmou que Batasuna debe ser legal, non cando condene a violencia, como sempre reclamaron os populares e o conxunto dos demócratas, senón cando desapareza ETA, porque senón “teremos dúas ETAS”; novo argumento e nova pedra no camiño para a paz. É dicir, para o PP aínda que Batasuna dea un paso de xigante condenando a violencia e acatando as regras de xogo democrático, non debe ser legalizada; isto é o que máis evidencia que ó PP non lle vale nada, porque realmente non quere que a fin de ETA chegue usando a palabara e, sobre todo, non quere que sexa a esquerda a que a logre. ¡Rajoy é patético e non ten talla nin siquiera para ser líder da oposición!
Esperanza Aguirre contraprograma a Cuatro

Esperanza Aguirre continúa a exercer como Presidenta Omnipotente da Comunidade de Madrid, preocupada por temas tan trascentais para os madrileños como o grande número de persoas que celebran cada victoria da selección no set que Cuatro ten instalado na Praza de Colón. Xa sabemos que cada victoria de España provoca, segundo o PP e El Mundo, manifestacións de patriotismo por todo o Estado que demostran o rexeitamento xeral da poboación española ós procesos de reformas estautarias apoiados polo PSOE. Pero, claro, este argumento tan fundado e irrefutable ten un talón de aquiles, as ordas patrióticas de españois que braman con cada gol da selección en contra do estatut celebran estes goles con Cuatro, a televisión que, tamén segundo o PP e El Mundo, “repudió en su día la bandera de la Plaza de Colón y que tantas veces ha avalado el replanteamiento de la idea de España”.
Pero Espe xa atopou a solución para chinchar a Polanco e poder capitalizar politicamente a euforia dos afeccionados, a Comunidade de Madrid instalará hoxe unha pantalla xigante na fachada da Real Casa de Correos, sede do executivo rexional, de 10,4 metros de longo e 6,8 metros de alto. O partido ofrecerase, por suposto, a través de La Sexta, a cadea que foi atacada polo PP por non poder garantizar a emisión para todo o territorio dos partidos de interese público.
Máis en Periodistas21
Aznar “sin vergüenza”

Sen vergoña, aínda que pareza incrible, é como cuspe insultos e mentiras Aznar cada vez que fala do proceso de paz en Euskadi. Onte tocou intervención gloriosa en Durango, onde foi increpado por varios mozos/as abertzales, tal e como se pode ver na imaxe. Mentres recollía o premio Jesús María Pedrosa (concelleiro do PP asasinado por ETA) polo seu “apoio e compromiso coas víctimas do terrorismo ó longo da súa traxectoria” (que manda truco!) soltou varias desas frases que, como estadista de saldo, lle gusta brindar de cando en cando:
“Batasuna es el caballo de Troya del terrorismo etarra para burlar las defensas del Estado de Derecho y el orden constitucional”.
Negociar políticamente coa formación ilegalizada “es una burla a la legalidad y significa la sumisión del futuro político del País Vasco, en particular, y de España, en general, a la capacidad de coacción de los terroristas”.
“Es inaceptable que los terroristas tengan el más mínimo poder de decisión sobre el futuro de la sociedad vasca”, asegurou. “El crimen ni tiene que ser retribuido cuando se produce ni tiene que ser premiado cuando cesa”.
Parece mentira que este home, cando era Presidente, sentase ó seu goberno a falar con ese Cabalo de Troia, achegase presos a Euskadi e negociase con ETA. Dende logo é noxento ter tan poucos escrúpulos en política.
¿Que nos receitan algúns médicos?

As maiores compañías farmacéuticas de Europa foron acusadas de utilizar inescrupulosas prácticas publicitarias nun intento por persuadir ós médicos para que prescriban os seus productos e convencer ós consumidores de que os precisan.
A organización Consumers International, con sede central en Londres, deu a coñecer as acusacións a través da publicación dun informe que analiza as técnicas de venta de 20 compañías líderes no mercado. A organización acusou ás empresas de promover os seus productos de maneira encuberta ó ofrecer regalos ós médicos, persuadir ós consumidores de que están enfermos e distorsionar os resultados de probas sobre os seus medicamentos.
Rapa no Curro da Capelada

Andiven onte pola Serra da Capelada (Cedeira), concretamente, como lle gustaría dicir a Xaime, estivemos pola Pena Toxosa, na Rapa das Bestas. Foi a primeira vez que fun a un curro; sempre entendín esta festa como unha expresión máis da violencia humana materializada contra os animais, como unha celebración máis das que tanto abondan nas que se somete a eses a un maltrato gratuíto. Sen embargo, teño que dicir que a miña visión cambiou algo ou, polo menos se matizou.
A rapa en si é un verdadeiro espectáculo e non é dende logo violenta nin agresiva, depende da maestría e sensibilidade do “acurrador”. Outra cousa é o suposto espectáculo co que rematou a xornada na Capelada, a pelexa de cabalos, encerrados nun curro cativo e azuzados para que se traben, para que se repartan couces… mentres son xaleados polos asistentes. Isto, que hoxe é portada en case tódolos xornais, si que me pareceu lamentable, pero non ten nada que ver coa rapa.
Bóveda ártica para a fin do mundo

Nun remoto lugar cerca do Polo Norte, colocouse a primeira pedra da construcción dun curioso lugar. É unha bóveda deseñada para gardar, en caso dunha catástrofe, unha enorme colección de tódalas variedades de sementes coñecidas polo home.
Agárdase que, eventualmente, a “bóveda do xuizo final” conteña uns tres millóns de mostras de sementes procedentes de todo o mundo. Quedarán almacenadas nas profundidades dunha montaña ártica, empaquetadas en aluminio, rodeadas por muros dun metro de ancho, reforzados de concreto y portas blindadas.
Máis de 100 países apoiaron o proxecto da bóveda ártica que, espérase, salvagarde a diversidade de colleitas do planeta no caso dunha catástrofe global. O proxecto constrúese nunha das remotas islas Svalbard ó Norte de Noruega, a uns 1.000 kilómetros do Polo Norte.
Iniciativa .gal

A Asociación PuntoGal abriu unha campaña de apoio á iniciativa do dominio galego coa colocación de banners en páxinas web ou weblogs do país. Para isto, na sección de “apóianos” da súa web poderás atopar cinco modelos distintos para seleccionar o que máis se adapte ó teu caso. Súmate ó .gal!
A outra maneira de apoiar decididamente o dominio .gal consiste en asinar a Carta de adhesión, que está en formato .pdf nesa mesma páxina e remitila por correo electrónico a prensa@puntogal.org ou info@puntogal.org, ou por correo postal a Rúa Tabernas, 11, A Coruña. A lista de entidades que xa respaldan o PuntoGal está dispoñible na páxina.
A Asociación PuntoGal foi constituída o pasado sábado, 10 de xuño, en Santiago de Compostela. Nestes momentos, a Xunta Directiva elixida está realizando os trámites de legalización dos Estatutos e preparando a constitución das distintas comisións de traballo.
O BNG, temendo a fin do Mundo, pide que se normalice o galego na morte

(El Progreso) O deputado do BNG no Parlamento de Galicia, Bieito Lobeira, denunciou que, segundo un estudo recente, só unha de cada mil lápidas dos cemiterios da comunidade están escritas en galego. Lobeira recordou o caso dalgúns “patriotas galegos” que “están soterrados en español contra a súa vontade”. Para o deputado, esta situación é “inxusta e discriminatoria” e evidencia a existencia dun conflicto lingüístico en Galicia. Lobeira recordou a importancia dos xacementos necrolóxicos á hora de coñecer o pasado e aventurou que, se algunha catástrofe acabase coa vida humana, “lápidas e cemiterios, epitafios de todo tipo, certificarían que Galicia non conta con idioma propio”.
O nacionalista reclama, mediante a presentación dunha proposición non de lei, a posta en marcha dun programa específico de fomento da lingua galega en tódolos actos, cerimonias e funcións vinculadas coa morte. Igualmente pide que se adopten medidas dirixidas ás xerarquías relixiosas, ós concellos e ás empresas relacionadas cos ritos da defunción para que “na morte se nos recoñezan os nosos dereitos lingüísticos”.
Mirade o artigo de Carlos Luís Rodríguez ó respecto, Morre en Galego.
