ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de July de 2006

O cemiterio abandoado de Fisterra

Onte, de paseo pola Costa da Morte, rematei no novo Cemiterio de Fisterra, obra de César Portela. A verdade é que o atopei porque o busquei a conciencia, xa que, a pesar de estar moi preto do famoso e visitadísimo faro deste cabo, a xenial obra de Portela está agochada entre a maleza e totalmente abandoada, nun estado de deterioro humillante.

A primeira fase deste camposanto de deseño foi rematada no ano 2000 e a día de hoxe o concello nin siquiera foi quen de dotalo dun acceso decente ou de sinalizalo, xa non falo de coidar o entorno e conservar a obra. A comodidade e o emprazamento do cemiterio é moi cuestionada por algúns sectores veciñais; eu creo que o problema está no rexeitamento que case sempre producen os conceptos novidosos coma este, ata que nos familiarizamos con eles. En calquera caso, o que é indubidable é que Fisterra, ademais do seu emprazamento e do mítico faro dos que leva tirando turisticamente moitos anos, ten unha obra de arte dun valor incalculable que, á marxe da súa utilización como cemiterio, podería e debería vender como un dos principais atractivos e reclamos da vila e, sen embargo, tena esquecida e incluso obviada deliberadamente. É como que compra un Picasso e, como non é quen de valoralo e de aprezar a súa arte, o agocha no faiado para que ninguén o vexa. É unha humillación hacia un dos mellores artistas que ten este país e hacia a nosa propia cultura.    

Se estades interesados en visitalo, tomade nota: dende a estrada que conduce ó faro, fronte á área de descanso anterior a este, hai que descender hacia o mar pola ladeira da montaña, por un pequeno carreiro de terra só percorrible a pé, que conta iso si cun sinal de Stop na intersección coa estrada, e que entre toxos e xestas nos leva ata o cemiterio. Ademais de desfrutar dunha vista espectacular da Costa da Morte, veredes unha gran obra arquitectónica, como todas as de César Portela, ignorada, desprezada e abandoada pola ignorancia e a incultura supina de políticos mononeuronais de hormigón. 

En piragua polo Eume

Buscando cousas que facer nestes días de vacacións, que me permirtan rachar coa rutina do resto do ano, acabei cuns amigos descendendo en piragua o último treito do Río Eume, dende o límite do Parque Natural en Pontedeume ata a praia de Cabanas. É unha rota moi doada e dunha beleza extraordinaria, remando primeiro en absoluto silencio e en contacto directo coa natureza polo canón do Eume e logo xa pola Ría, pasando baixo a ponte de pedra de Pontedeume e a máis modernista, de ferro, da Renfe, para rematar na praia de Cabanas, totalmente aberta ó Golfo Ártabro.

Polo camiño, ademais da paisaxe e da abondosa vexetación, puidemos ver os numerosos peixes que habitan no Eume, fundamentalmente reos e incluso a seis águias que aniñan á beira do río e que cando pasamos estaban en pleno voo de caza.

A rota en piragua polo Eume dura unhas dúas horas e é sobre todo unha actividade relaxante, que non require dun gran esforzo e que nos permite ademais descubrir dende outro punto de vista, dende o mesmo río, un dos espazos naturais máis fermosos do no país. Se non tes embarcación, como é o meu caso, o Clube Firrete de Pontedeume organízache o descenso en compaña dun monitor por uns 20 euros por persoa, aínda que o prezo oscila en función do número de participantes.

Lorca: víctima da ideoloxía, pero tamén da súa familia e da homofobia

Federico García Lorca é quizais o mellor símbolo da represión fascista posterior ó golpe de estado do 18 de xullo de 1936 e, estando afortunadamente como estamos nun ano no que se pretenden iluminar todos aqueles currunchos da historia republicana que foron deliberadamente escurecidos ou terxiversados durante 75 anos, a súa historia tamén está sendo depurada de contaminación propagandística.

O documental “Lorca, el mar deja de moverse”, que se estreará o vindeiro mes de setembro, revela que na morte do poeta andaluz, ademais da súa ideoloxía republicana e de esquerdas, xogaron un papel fundamental unha parte dos seus familiares que, aproveitando a revolta militar para redimir contas persoais, instigaron o seu asasinato movidos por vellas desputas de terreos e tamén pola condición de homosexual do escritor. Tanto é así que o marido dunha prima súa foi un dos autores materiais da súa morte; “foi quen, logo do asasinato, foi contando por aí que lle metera dúas balas no cu por maricón”, dixo na presentación do documental o hispanista Ian Gibson, un dos historiadores que máis profundamente investigou este episodio.

Emilio Ruiz Barrachina, director da obra, afirma sobre as desputas familiares, que estas culminaron cando García Lorca publicou en 1936 La Casa de Bernarda Alba, unha obra “escrita con mala baba” na que o poeta “fotografía” a estas familias coas que a súa mantiña enemistades como “unha venganza persoal por moitos anos de pleitos”. Ruiz Barrachina explica que a edición desta emblemática obra “ten moito que ver coa morte” de Lorca.

Máis en La Opinión 

¡Que apropiado para estes días!

A II República en Pontedeume

Estes días celébrase en Pontedeume unha nova edición do Curso de Pensamento Carlos Gurméndez, titulada “II República Española. 75 Anos de Memoria”. Hoxe pola mañá asistín a unha conferencia de Xosé Luís Axeitos, académico da Real Academia Galega, sobre as misións pedagóxicas en Galicia. A verdade é que resulta incrible e admirable hoxe en día que a comezos do século XX a ideoloxía republicana, a crenza nunha sociedade máis xusta, movese e guiase a vida de moitos individuos, tanto como para facer da súa defensa e extensión a razón pola que vivir.
Neste ano, declarado institucionalmente Ano da Memoria, unha boa oferta de verán son os cursos deste tipo, que tratan de arroxar luz sobre un dos períodos máis apaixoantes e ilusionantes da nosa historia e dos máis pretendidamente silenciados e ocultados polo poder. Mañá ás 12:30 estará na Casa da Cultura de Pontedeume o famoso historiador Paul Preston, que falará da “República e a Política Reformadora nos Grandes Problemas do Estado”. Se ides por alí, verémonos.

Programa completo do curso na web do Clube de Prensa de Ferrol.

Israel mata tamén a catro observadores da ONU

A tolemia bélica de Israel non ten fin. Entre os últimos asasinatos de guerra cometidos polo goberno hebreo, ademais das decenas de libaneses inocentes que morren cada día como consecuencia das súas bombas, destacan catro observadores da ONU, da organización ninguneada polos Estados Unidos e polos seus aliados dende a invasión de Irak e que, nin máis nin menos, está encargada de velar pola paz e a resolución de conflictos no mundo.

Kofi Annan, Secretario Xeral da ONU, que me ofrece bastante máis credibilidade que calquera membro do goberno de Isarel, afirmou: “este ataque coordinado por terra e aire contra un posto da ONU en Khiam establecido dende hai tempo e claramente sinalado ocurriu a pesar de que o primeiro ministro Ehud Olmert me tivese asegurado persoalmente que os ataques israelíes non alcanzarían as posicións da ONU” É dicir, a morte do persoal da ONU non é fortuíta, senón que se produce por un ataque directo do exército israelí contra base das Nación Unidas no Sur do Líbano.

Isarel di que non sabe o que pasou, que o investigará, pero que o ataque non foi deliberado. Cando atacan Palestina asasinando a centos de inocentes e a comunidade internacional condea estas accións, Israel deféndese afirmando que se trata de ataques selectivos nos que só se alcanzan os obxectivos perseguidos, pero agora no Líbano pasa o contrario, non son capaces de evitar o bombardeo a un posto da ONU perfectamente localizado. Lémbrame isto ó ataque de EE.UU. contra o hotel Palestina en Bagdad no que morreu José Couso; todos sabiamos que alí se aloxaba a prensa internacional menos o exército norteamericano, que atacou “sen querer” o hotel. Ninguén se tragou esta explicación. O obxectivo parece que era acalar as voces críticas da prensa internacional e neste caso, no que tampouco ninguén se cre a explicación israelí, o obxectivo podería sera acalar ou advertir ó único organismo internacional que se atreve a ser crítico coa política asasina do goberno de Israel.

Rematou o Festival Mundial da IUSY

Festival Mundial IUSY

Logo dunha semana de conferencias, charlas, talleres e actividades de lecer, a Unión Internacional de Xuventudes Socialistas (IUSY) clausurou o seu Festival Mundial, que, como xa comentamos, este ano se celebrou en España, na Universidade de Alacante.

Creo que se pode afirmar que a mocidade socialista, a raíz da foto de Zapatero no Festival co pano Palestino, consegiu protagonizar unha parte importante da atención mediática nacional e internacional. Se isto serviu, e creo que si, para remover algunha das vontades e conciencias dos organismos e gobernos con capacidade de decisión no conflicto, a aposta pola liberdade, pola paz e pola xustiza no mundo, pola esquerda en xeral e polo socialismo en particular, que se profesaban en cada unha das ponencias do Festival, tería traspasado as fronteiras da Universidade de Alacante e atopado aplicación práctica, que é o obxectivo de toda política.

No Festival participou unha importante representación das Xuventudes Socialistas de Galicia, algúns dos cales aparecemos na fotografía deste post. Creo que estes días comprobamos a verdadeira utilidade e sentido do socialismo, construír un mundo máis xusto, máis libre e en paz. O ano que ven faremos o mesmo en Berlín ¿Como estará este planeta daquela?

Pacifista = Antisemita, só para o PP e para Israel

No diccionario do PP e do goberno de Israel paz significa: aniquilación física do adversario por medio da guerra, da forza militar, para que o país asasino e xenocida poda desenvolver a súa política. movida por intereses puramente económicos, sen interferencias. Así as cousas, non é sorprendente que tanto o PP como Israel interpreten as declaracións comprometidas a prol da paz no Oriente Medio como antisemitas.

A verdade é que estou xa moi farto da inmunidade de Israel, de que se lle permitan tódalas atroc¡dades que non se lle consinten a ningún outro estado e que, por riba, se alguén se atreve a criticar o xenocidio que o seu goberno está a levar a cabo en Palestina ou a matanza insdiscriminada de centos de civís inocentes no Líbano, automáticamente é tachado de antisemita e, se nos apuramos, de terrorista.

Isto é o que está a sufrir Zapatero por ser o único líder da UE que lle chama ás cousas polo seu nome e que, sendo coherente coa súa política de aposta pola paz e a legalidade internacional, denuncia os abusos de forza do exército israelí en Gaza e Líbano. O embaixador de España en Israel está indignado, “xamais un xefe de goberno occidental” falou nestes termos do Oriente Mediom sinaolu. Pois, por fin, hai un que si o fai e que non practica a hipocresía sibilina dos actuais e mediocres, salvo honrosas exepcións, xefes de goberno dos estados da UE.

Criticar o terrorismo de estado de Israel é simplemente criticar as prácticas antidemocráticas dun goberno dun estado democrático. Neste asunto un non pode ser equidistante, porque as fins, os medios e as razóns de uns e outros non son equiparables, pero, sobre todo, porque a un estado democrático e desenvolvido social e economicamente, como é Israel, temos que esixirlle moito máis que os estados cuasi medievais que o rodean. E o sinto polos que pensen así, pero se teño que soportar que me tachen de antisemita por denunciar as violacións dos dereitos humanos e por defender a liberdade e a paz no mundo, non me pesa a etiqueta. Dende logo, como indicou Zapatero, contigo que non conten para engrosar a lista de silencios cómplices con estado xenocida de Israel.

Conta atrás para a fin do goberno de dereitas en Ferrol

Xa se detectaran hai semanas síntomas do previsible divorcio entre os dous partidos de dereitas que desgobernan a cidade de Ferrol, o PP e IF. Onte o Alcalde, Juan Juncal (PP) dando o primeiro paso da folla de ruta que deberá deixar ó PP gobernando en minoría, destituiu ó Concelleiro de Urbanismo, Francisco Pita-Romero (IF) e substituíuno por un edil do PP. Hai un mes, contaba neste blog o que me chegaba de fontes internas do PP sobre os plans deste partido para librarse dos molestos socios de goberno:

O Alcalde cesa a Pita Romero (IF), concelleiro de urbanismo, culpando a este de tódolos escándalos que nesta materia se veñen producindo de xeito reiterado en Ferrol dende o inicio da lexislatura e, ante isto, Juan Fernández (IF), Primeiro Tenente de Alcalade, anuncia a saída de I.F. do Goberno. O PP quedaría gobernando en minoría ata o remate da lexislatura.

Isto é o previsible, pero ollo a determinadas sorpresas que o Alcalde poda dar. Rumoréase que logo do cese de Pita Romero e a saída de I.F. do Goberno, Juncal estaría en disposición de ofrecerlle a algún dos concelleiros de Juan Fernández a súa permanencia á fronte da concellería que dirixe neste momento, coa excusa de que está moi contento co seu traballo e de que a cidadanía o valora positivamente, pero coa clara intención de provocar unha fonda división nos Independentes por Ferrol que mellore, en detrimento destes, as expectativas electorais do PP na cidade.

Agora xa sabemos que o concelleiro co que se intentaba esta xogada é o de obras, Manuel Bustabad, que xa anunciou a súa marcha de Independentes por Ferrol. Juncal e o PP intentan con este golpe de efecto culpar a IF de todo o que non se fixo nesta lexislatura e lavar a súa cara, pero é evidente que a culpa é, polo menos, compartida, senón analicemos cada área do goberno por separado; salen tan mal paradas as do PP como as de IF.  

Zapatero “se moja”

Asistín onte á conferencia de Zapatero na Universidade de Alacante cos milleiros de mozos e mozas socialistas de todo o mundo que participan esta semana no Festival Mundial da IUSY. É evidente que simpatizo con Zapatero, pero creo que non esaxero se digo que onte o Presidente estivo brilante; foi quizais o mellor acto que lle lembro. Zapatero fixo de ZP e durante algo máis dunha hora falou, con contido e compromiso, dos dereitos e liberdades no mundo, de facer a paz e non a guerra, de traballar pola alianza de civilizacións, de, nas súas palabras, “globalizar a esperanza”.

Foi dende logo emocionante ver como os mozos/as extranxeiros/as, dos cinco continentes, se poñían en pe e vitoreaban ó Presidente cando este falaba das reformas que o goberno socialista estaba levando a cabo en España para que todos/as teñamos exactamente os mesmos dereitos: Lei de Igualdade, Lei de Matrimonios Homosexuais, Lei de Violencia contra as Mulleres… ou do compromiso de España coa paz, a legalidade internacional e a erradicación da pobreza no mundo: retirada das tropas de Irak, condena da resposta desmedida de Israel en Gaza e no Líbano ou compromiso de chegar ó final da lexislatura aportando o 0,7% do PIB a axuda ó desenvolvemento. Moitos rapaces e rapazas non paraban de repetir que querían un presidente así nos seus países. A verdade é que, como español e como galego, foi novidoso para min sentir que o noso país está á vangarda mundial no que a extensión de dereitos sociais se refire; somos en moitos aspectos o exemplo a seguir para moitos políticos e colectios doutros países do mundo, a esperanza de que outra forma de gobernar é posible.

Houbo tempo tamén para falar de Oriente Medio e, por fin, vemos a un presidente que lle chama ás cousas polo seu nome. Zapatero denunciou os silencios cómplices que estamos a padecer (EE.UU. e UE) e condenou os secuestros dos militares israelís, pero tamén a resposta desmedida e irresponsable do goberno hebreo contra os milleiros de cidadáns inocentes de Líbano e Gaza que estes días viven ou morren baixo as bombas do goberno israelí. O PP ve nas palabras do Presidente “antisemitismo, antisionismo e israelofobia”. O que nos deixa ven claro o apoio do PP á guerra e á violencia, nada novidoso por outra parte dende que Aznar e os seus acólitos nos metesen de cheo na barbarie de Irak; parece que non aprenderon. Por certo, neste Festival Mundial da IUSY hai mozos/as socialistas de Israel e de Palestina, que asistiron á conferencia de Zapatero e non se sentiron feridos polas súas palabras. Non me digades que non é esperpéntico que a dereita española, coas raíces que ten, pretenda dar leccións de loita contra o antisemitismo.  

Páxina seguinte »