ivanpuentes.com

As pintas: evidencia científica

Non vou falar de nada novo, pero algún día tiña que tocar e toca hoxe, porque hoxe vivín de novo a situación. Collín esta mañá un voo en Alvedro para virme a Madrid, ducheime antes de saír da casa, conducín de Fene á Coruña con precaución, deixei o coche no aparcadoiro de AENA (esperando, por certo, a que pola noite cando regrese me atraque a máquina de pago), xa cumplín coas miñas obrigas tributarias, almorcei na cafetería do aeroporto e púxenme á cola para pasar polo arco de seguridade, pensando que hoxe tiña sorte porque non levo posto cinto que sempre me pita. Pasei polo arco e, por primeira vez en moito tempo, nin un só pito. Pensei: “ala, listo, así da gusto”, pero non, un garda xurado moi instruído nas labores de vixiancia aeroportuaria púxome unha man diante da cara e espetoume “caballero, acompáñeme”; meteume nun recuncho e cacheoume de arriba a abaixo varias veces buscando algo que non había, pero insistía e insistía en atopalo e non me deixaba marchar. ¿Por que o fixo? Sen dúbida, porque hoxe vou coa barba sen afeitar, con camiseta negra, con bolsiño e con calzado deportivo. Só así me explico que a min me sometese ó intenso rexistro e a outra xente que rebentaba o arco cos pitos que este emitía ó seu paso, vestidos segundo os cánones conservadores, non lles miraba nin a cara.

Non me sorprende porque non é a primeira vez que me ocorre, pero sempre me indigna. Non concibo como alguén, e menos unha persoa que esta destinada a labores de vixiancia, pode xulgar a perigosidade doutra persoa polo aspecto físico ou pola vestimenta. Supoño que a algúns ponlles vestirse de uniforme e facer gala da súa autoridade. Non me molesta que me cacheen, é o seu traballo, pero si que o fagan por estes motivos.

1 comentario

  1. Chaider | 7 de Xullo de 2006 - 12:57 pm

    Ainda estando en desacordo coa discriminación por razón de aspecto (excepto nos concursos de misses, claro), debo dicer que unha gran porcentaxe de xente que leva hachís enriba soe usar calzado deportivo e non estar moi ben afeitado. Outra cousa xa é a farlopa, onde os de garabata tamén entran na competición.

    Moralexa: Se queres pasar hachís polo aeroporto, merca un traxe e unha garabata (pero non o leves con tenis, por deus).

Deixa unha resposta