ivanpuentes.com

Verquidos sospeitosos en Narón

Estiven onte en Pedroso (Narón) con varios representantes da Asociación de Veciños e do PSdeG local. Fumos ver unha antiga explotación de arxila, preto da estación de FEVE desta parroquia, que dende hai anos é usada por Megasa, metalúrxica naronesa, como depósito dos residuos de escoria que xera a súa actividade.

A extracción de barro deixou no terreo dúas grandes furnas, que co tempo se converteron en lagoas artificiais e que logo foron vistas como o cemiterio ideal para o soterramento dos residuos da metalúrxica. Unha das antigas lagoas xa está repleta de escoria, tanto que os residuos sobrepasan nuns 15 metros o nivel do terreo. A outra, aínda baleira de cascallos, recibe filtracións da anterior que tinguen a auga de cor verde fluorescente; auga que está sendo bombeada constantemente a tres pequenas balsas e que, tras ser “filtrada” por tres barreiras de cascallo de ladrillo, é liberada directamente ó río pouco antes da Área Recreativa de Pedroso.

Os veciños están preocupados porque as súas casas están pegadas a este vertedoiro, no que a escoria é depositada, ó longo de todo o día, a ceo aberto. O cheiro e a irritación dos ollos, da garganta e das vías respiratorias é algo que nós experimentamos sobre o terreo, pero agora trasladaremos as dúbidas dos veciños á Xunta de Galicia para que sexan as autoriadades medio ambientais as que determinen se este vertedoiro cumpre ou non a lexislación.

1 comentario

  1. […] Xa contara neste blog que os veciños de Pedroso (Narón) estaban preocupados polas posibles filtracións orixinadas polas balsas nas que a a metalúrxica MEGASA deposita a  diario a escoria producida na súa factoría. […]

Deixa unha resposta