ivanpuentes.com

¡Que medo me da Oriente Medio!

Sen santificar, nin moito menos, o terrorismo palestino, a verdade é que estes días estou espantado coa actitude do goberno israelí. Xa me parecía espantoso o xenocidio, porque non ten outro nome, que o seu exército está a cometer en Gaza tralo secuestro dun soldado hebreo, pero a súa resposta contra o Líbano a consecuencia tamén do secuestro de dous soldados pola guerrilla de Hezbollah, non do exército libanés, é do máis inxusto e do máis irresponsable que teña visto ultimamente en política internacional. Nos últimos días Israel bombardeou o aeroporto internacional de Beirut e varios barrios desta capital, ocasionando decenas de mortes entre a poboación civil, destruiu a principal autoestrada do país e pechou o seu espazo aéreo e marítimo; en termos prácticos, declaroulle a guerra ó Líbano.

Dicía que Israel, aproveitando a súa supremacía militar e a súa relación privilexiada cos EE.UU., está actuando dun xeito moi irresponsable, temeroso incluso, porque está a provocar unha grande desestabilización e abrindo conflictos e feridas xa pechadas nunha rexión do mundo que, sen a axuda israelí destes días, xa vivía tempos especialmente convulsos, o Oriente Medio.

Vexamos o mapa: partindo do Mediterráneo, temos a Israel pelexando dende hai décadas con Palestina e, como non lle era suficiente, dende hai uns días tamén co Líbano. Israel ten tamén fronteira con Siria, país que protexe á guerrilla libanesa Hezbollah e que mantén unhas tensas relacións con Israel dende que este país invadiu os altos do Golán en 1967; como se prolonguen moito as accións militares de Israel no Líbano, o goberno sirio podería acabar metendo os fuciños dun xeito máis directo nese conflicto. Siria xa limita con Irak, país do que sobran explicacións sobre a súa situación. E pechamos este puzle das tensións con Irán, desafiante dende hai xa meses con occidente pola súa pretensión de impulsar programas de desenvolvemento nuclear, e que está situado xusto entre Irak e Afganistan, onde tamén sabemos de sobra o que está a pasar.

A situación actual non permite, dende logo, ser moi optimista sobre a evolución dos acontecementos no Oriente Medio. Israel está botando máis leña a un lume que xa estaba incontrolado antes do seu ataque ó Líbano e da súa reacción desmedida contra a poboación palestina. Estando a U.E. como está, feita uns zorros pola actitude euroscéptica e os freos constantes á unificación política que está a poñer a dereita, máis preocupada do mercado único que da fortaleza política da Unión, só EE.UU. pode pararlle os pes a Israel, pero non o fai ¿Será que as accións israelís, lonxe de ser inconscientes, son a continuación dunha estrexia perfectamente deseñada na Casa Branca, que deu o seu primeiro paso coa invasión de Afganistán e continuou en Irak? Non esquezanos que Bush, logo do 11-S, anunciou unha reorganización política do Medio Oriente.

Non hai comentarios pero ainda estás a tempo

Deixa unha resposta