ivanpuentes.com

Conta atrás para a fin do goberno de dereitas en Ferrol

Xa se detectaran hai semanas síntomas do previsible divorcio entre os dous partidos de dereitas que desgobernan a cidade de Ferrol, o PP e IF. Onte o Alcalde, Juan Juncal (PP) dando o primeiro paso da folla de ruta que deberá deixar ó PP gobernando en minoría, destituiu ó Concelleiro de Urbanismo, Francisco Pita-Romero (IF) e substituíuno por un edil do PP. Hai un mes, contaba neste blog o que me chegaba de fontes internas do PP sobre os plans deste partido para librarse dos molestos socios de goberno:

O Alcalde cesa a Pita Romero (IF), concelleiro de urbanismo, culpando a este de tódolos escándalos que nesta materia se veñen producindo de xeito reiterado en Ferrol dende o inicio da lexislatura e, ante isto, Juan Fernández (IF), Primeiro Tenente de Alcalade, anuncia a saída de I.F. do Goberno. O PP quedaría gobernando en minoría ata o remate da lexislatura.

Isto é o previsible, pero ollo a determinadas sorpresas que o Alcalde poda dar. Rumoréase que logo do cese de Pita Romero e a saída de I.F. do Goberno, Juncal estaría en disposición de ofrecerlle a algún dos concelleiros de Juan Fernández a súa permanencia á fronte da concellería que dirixe neste momento, coa excusa de que está moi contento co seu traballo e de que a cidadanía o valora positivamente, pero coa clara intención de provocar unha fonda división nos Independentes por Ferrol que mellore, en detrimento destes, as expectativas electorais do PP na cidade.

Agora xa sabemos que o concelleiro co que se intentaba esta xogada é o de obras, Manuel Bustabad, que xa anunciou a súa marcha de Independentes por Ferrol. Juncal e o PP intentan con este golpe de efecto culpar a IF de todo o que non se fixo nesta lexislatura e lavar a súa cara, pero é evidente que a culpa é, polo menos, compartida, senón analicemos cada área do goberno por separado; salen tan mal paradas as do PP como as de IF.  

2 comentarios

  1. Francisco Maceira | 20 de Xullo de 2006 - 4:59 pm

    Da noxo ver como por parte de Urbanismo se da cobertura a constructores que coas suas infraccións rozan a delincuencia. Pasádevos , por exemplo,pola rua Cabalo Branco e veredes as actuacións dunha empresa de construcción cuxo xerente é afín as aves de rapina que inexplicablemente nos están gobernando. Cos ferroláns de toda a vida non hai nada que facer pero creo que os criollos - os que somos fillos de xente de aldea que se afincou aquí- debiamos de ir espabilando. É moita hora de que unha revolución limpe os organismos oficiais de morralla.

  2. Manuel | 22 de Xullo de 2006 - 3:03 am

    A verdade é que o PP esta a facer unha OPA sobre IF. Quédase cun concelleiro, coa concellería de urbanismo, cos seus asesores… E J. Fernández traga, é evidente que considera que fóra do goberno municipal e até as eleccións municipais faría moito frío. O asunto é saber se J. Fernández chegará a maio de 2007, en cachos ou fóra de xogo.
    Lástima cos Verdes lle fagan o xogo á dereita ferrolá descontando votos á esquerda, aínda que eles non saquen nada.

Deixa unha resposta