ivanpuentes.com

Zapatero “se moja”

Asistín onte á conferencia de Zapatero na Universidade de Alacante cos milleiros de mozos e mozas socialistas de todo o mundo que participan esta semana no Festival Mundial da IUSY. É evidente que simpatizo con Zapatero, pero creo que non esaxero se digo que onte o Presidente estivo brilante; foi quizais o mellor acto que lle lembro. Zapatero fixo de ZP e durante algo máis dunha hora falou, con contido e compromiso, dos dereitos e liberdades no mundo, de facer a paz e non a guerra, de traballar pola alianza de civilizacións, de, nas súas palabras, “globalizar a esperanza”.

Foi dende logo emocionante ver como os mozos/as extranxeiros/as, dos cinco continentes, se poñían en pe e vitoreaban ó Presidente cando este falaba das reformas que o goberno socialista estaba levando a cabo en España para que todos/as teñamos exactamente os mesmos dereitos: Lei de Igualdade, Lei de Matrimonios Homosexuais, Lei de Violencia contra as Mulleres… ou do compromiso de España coa paz, a legalidade internacional e a erradicación da pobreza no mundo: retirada das tropas de Irak, condena da resposta desmedida de Israel en Gaza e no Líbano ou compromiso de chegar ó final da lexislatura aportando o 0,7% do PIB a axuda ó desenvolvemento. Moitos rapaces e rapazas non paraban de repetir que querían un presidente así nos seus países. A verdade é que, como español e como galego, foi novidoso para min sentir que o noso país está á vangarda mundial no que a extensión de dereitos sociais se refire; somos en moitos aspectos o exemplo a seguir para moitos políticos e colectios doutros países do mundo, a esperanza de que outra forma de gobernar é posible.

Houbo tempo tamén para falar de Oriente Medio e, por fin, vemos a un presidente que lle chama ás cousas polo seu nome. Zapatero denunciou os silencios cómplices que estamos a padecer (EE.UU. e UE) e condenou os secuestros dos militares israelís, pero tamén a resposta desmedida e irresponsable do goberno hebreo contra os milleiros de cidadáns inocentes de Líbano e Gaza que estes días viven ou morren baixo as bombas do goberno israelí. O PP ve nas palabras do Presidente “antisemitismo, antisionismo e israelofobia”. O que nos deixa ven claro o apoio do PP á guerra e á violencia, nada novidoso por outra parte dende que Aznar e os seus acólitos nos metesen de cheo na barbarie de Irak; parece que non aprenderon. Por certo, neste Festival Mundial da IUSY hai mozos/as socialistas de Israel e de Palestina, que asistiron á conferencia de Zapatero e non se sentiron feridos polas súas palabras. Non me digades que non é esperpéntico que a dereita española, coas raíces que ten, pretenda dar leccións de loita contra o antisemitismo.  

Non hai comentarios pero ainda estás a tempo

Deixa unha resposta