Anotacións arquivadas do mes de Xullo de 2006
Millonarios e filántropos, o máis “cool”

Dende que Melinda, apelidada agora Gates, se cruzou na vida de Bill, o home máis rico do mundo, e o convenceu para destinar parte dos numerosos beneficios de Microsoft á axuda ó Terceiro Mundo, a través Fundación Bill e Melinda Gates, outros supermillonarios, preferentemente norteamericanos, están a seguir os seus pasos e a resucitar o vello espírito da filantropía, tanto que esta forma de gastar (ou máis ben, investir) os cartos xa se está a converter nunha tendencia entre as clases máis altas dos EE.UU.
El País presentábanos esta semana a Warren Buffet, inversor de Wall Street e o segundo home máis rico dos Estados Unidos, que doou 37.000 millóns de dólares, 29.000 millóns de euros, a maior parte deles á fundación dos Gates, para obras benéficas en todo mundo. A novidade desta neofilantropía é que non só se doan os cartos sen máis, senón que se procura facelo dun xeito eficiente e global.
A verdade é que nun sistema como actual, que xera tantas desigualdades económicas entre os individuos e os países, é preferible facer da necesidade virtude e que as grandes fortunas teñan por hobby destinar parte das súas riquezas a proxectos humanitarios, aínda que sexa para deducir fiscalmente, nisto tamén xoga un papel fundamental a habilidade das administracións para incentivar a filantropía, que investir os mesmos cartos en ir de turismo á lúa, como xa fixo algún supermillonario. E se ademais, a suposta eficiencia capitalista, tamén se traslada ó terro da cooperación para o desenvolvemento, mellor que mellor.
A Eurocámara acepta o galego polo voto de calidade de Borrell

A Mesa do Parlamento debatía onte por terceira vez a petición do Goberno Español de dotar de estatus de cooficialidade ás tres linguas autonómicas. O presidente da cámara desfixo o empate a sete sufraxios que se rexistrou na votación, mentres que os vicepresidentes populares rexeitaron o uso das linguas cooficias no Parlamento Europeo.
Galegos, cataláns e vascos poderán dirixirse por escrito nas súas respectivas linguas ós eurodeputados e ós servizos do Parlamento Europeo coa garantía de que as súas cartas serán atendidas e respostadas neses idiomas. Ese é o acordo ó que onte chegaron en Estrasburgo (Francia) os membros da Mesa da Eurocámara, nunha polémica sesión que obrigou ó presidente, o catalán Josep Borrell, a utilizar o seu voto de calidade para desfacer un duro empate a sete votos: os nons dos sete vicepresidentes do Partido Popular Europeo, incluído o do catalán Aleix Vidal Quadras, contra catro sies dos socialistas e tres dos verdes, os liberais e a Esquerda Unitaria Europea.
A verdade é que creo que este é un paso importantísimo de cara a recoñecer plenamente a cooficialidae das linguas sen estado no seo da Unión; aínda que nos queden asignaturas pendentes como o seu uso por parte dos deputados/as no pleno e nas comisións.
