ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de Agosto de 2006

Publicidade con mensaxe

Anuncio N24, canle alemana de noticias

Este é un anuncio da canle de noticias alemana N24, que me deixou “na veira do mar” como comentario a un dos últimos post. Non me parece o anuncio máis axeitado para un medio de comunicación, porque dende logo non denota imparcialidade nin obxectividade, pero a verdade é que é unha campaña innovadora, transgresora incluso, diría eu, e con mensaxe social.

“A Galiza e o Silicon Valley”

Mapa de actividades na bahía de San Francisco

Déixovos unha reflexión moi interesante que atopei na “Caixa de Xastre do Mendinho“, o blog de Xosé Manuel Carreira, sobre a influencia do urbanismo no desenvolvemento económico dun territorio, ata o punto de transformar o Silicon Valley, antes un puro deserto na Bahía de San Francisco, na rexión máis produtiva do mundo.

Di Mendinho: “Segundo o programador e escritor americano Paul Graham as cidades deberían investir máis na universidade e menos en urbanismo. Un argumento duro, sen dúbida, mais ten o seu ponto de verdade. Básicamente a tese é que o Silicon Valley se formou grazas á personalidade do lugar e ás grandes universidades (Stanford e Univ. de California) que souberan atraír a un tipo de traballador altamente criativo: o nerd.”

Imaxinade o que se podería facer en áreas como a da Ría de Ferrol, xa desenvolvidas industrialmente, cun incipiente arraigo universatario e que agardan ansiosas por unha idea xenial que as convirta en zonas ecómicas líder. ¡Creatividade ó poder!

Máis na Caixa de Xastre do Mendinho

Ferrocarril Ferrol-A Coruña

Un dos expresos Estrella de Renfe

Creo que tódolos nenos que, coma min, medramos preto das vías do tren ou dunha estación sentímonos dun ou doutro xeito unidos emocionalmente a este medio de transporte que fascisna a case todos. Pero á marxe disto, o ferrocarril é máis barato, máis ecolóxico e se está ben coidado, máis cómodo que outros medios de transporte. Se cremos no desenvolvemento sostible, á marxe de romanticismos, é o medio polo que deberiamos apostar firmemente para o transporte de viaxeiros.

Ferrolterra e A Coruña teñen tódolos condicionantes para gozar dun servizo de cercanías de Renfe de primeira: son a terceira e segunda comarcas, respectivamente, con maior poboación de Galicia; son ademais dúas zonas que manteñen múltiples relacións sociais, económicas, laborais, administrativas, estundantís, turísticas… froito das cales centos e centos de persoas se desprazan cada día entre estas dúas áreas, principalmente de Ferrolterra á Coruña; as estacións de tren están xa no centro das dúas cidades e a distancia entre eslas é pequena, uns 50 kilómetros; ademais a actual vía goza xa de múltiples estacións e apeadoiros.

Renfe, sen embargo, di que non inviste na liña Ferrol-A Coruña porque non é rendible, de feito mantén activos os tres servizos diarios coa Coruña e o de Madrid grazas á suculenta subvención da Xunta de Galicia para que iso sexa así. A liña efectivamente non pode ser rendible, pero por culpa da propia Renfe, porque a ten totalmente abandoada. Como en case toda Galicia a liña está sen electrificar e ten unha soa vía, pero aquí ademais mantén o trazado inicial de primeiros do século XX, con curvas nas que non se poden revasar os 20 km/h e dando unha volta innecesaria por Betanzos; os vehículos son maioritariamente tamén de mediados do século pasado: os vellos automotores, chamados camellos polas xorobas do seu teito, e un TRD xubilado xa da liña A Coruña-Vigo.

Parece evidente que se se crease un servizo de cercanías de calidade, este tería éxito, xa que hai demanda de transporte colectivo (hai servizo de autobús cada media hora e vai case sempre cheo) e o billete de tren é moito máis barato que o do autobús e que o que gasta un indo no coche particular, porque aínda por riba se optamos polo transporte por estrada estamos case condenados a pagar a peaxe da AP-9.

O ferrocarril é fundamental para comunicar axeitadamente tódolos concellos do Gólfo Ártabro, tan interdependentes entre si, e para lograr un desenvolvemento sostible das súas catro comarcas: Ferrolterra, Eume, Betanzos e A Coruña.

“Hijo de frutaaaa…!”

Esta fin de semana, toca publicidade. Atopei, a través do delicious do meu amigo Xaime, euniceproductions, un blog moi bo sobre publicidade e algunhas outras cuestións de interese. Pillei del este vídeo do novo anuncio de Potitos Nutribén, no que a súa creadora e algúns outros blogueiros afirman que o neno di “hijo de puta”, pero o mellor é que hai ata unha transcipción do diálogo que verdadeiramente manteñen o neno e os xornalistas:

  • ¿Qué le parecen los nuevos potitos de frutas Nutribén?
  • Mucho peor están, naturales.
  • ¿Y en cuanto al sabor, qué puede decirnos?
  • Güi, que asco dan, hijodeputaaa. ¿Lo ves?
  • ¿Qué más le aportan los potitos Nutriben?
  • Parecen un poco de gusano.

Mirade o vídeo e xulgade vos mesmos que transcripción é máis crible, a propia do anuncio ou a alternativa; para min dende logo a segunda.

Máis en euniceproductions.

V&T de Nestea

A Compañía Coca-Cola está a lanzar estes días un novo producto, o V&T de Nestea, cunha campaña, para min, de moi mal gusto. Trátase, como saberedes, dunha bebida con antioxidantes e non sei cantos máis elementos extraños no seu interior que axudan a cuidarse. O anuncio esta dirixido única e exclusivamente a mulleres, primeiro erro, neste caso empresarial e de visión de mercado, porque os homes hoxe en día tamén se preocupan do seu corpo e Coca-Cola está así deixando de lado un suculento mercado para o seu producto, pero bueno, problema deles por ser tan cortos de mente.

O peor é o tratamento que se lle da ás mulleres no anuncio. Fala delas como persoas superficiais, envexosas, planas mentalmente e, sobre todo, mentirosas; é dicir, afonda no prototipo da muller como mal bicho do que non te podes fiar. Certos comportamentos dos que se describen no anuncio son certos, pero o erro consiste en atribuírllos ás mulleres, porque son pautas de comportamento que describen ó ser humano, ás mulleres, pero por suposto tamén ós homes. Por iso, non se trata de que sexa un anuncio politicamente incorrecto, senón que é claramente machista e da unha imaxe totalmente falsa e perxudicial socialmente dos roles de homes e mulleres.

Posible presenza de metais pesados nos verquidos de MEGASA ó río Xuvia en Narón

Pedroso Megasa Blog

Xa contara neste blog que os veciños de Pedroso (Narón) están preocupados polas posibles filtracións orixinadas polas balsas nas que a a metalúrxica MEGASA deposita a diario a escoria producida na súa factoría.

Logo de varias consultas e informacións recabadas tanto no Concello como na Consellería de Sanidade, os veciños acrecentaron as súas sospeitas de que a auga liberada por MEGASA ó río Xuvia, xusto antes da área recreativa de Pedroso, e a filtrada dende estas balsas ós pozos dos que se abastecen os habitantes desta parroquia, podería conter, ente outras, sustancias como plomo, arsénico ou mesmo mercurio.

Onte estiven con varios veciños e veciñas de Pedroso para levar tamén unha mostra da auga que eles recolleron e analizala convenientemente. Como mínimo, xa sorprende que o Concello conteste ós veciños, segundo eles afirman, que MEGASA ten licencia para levar a cabo naqueles terreos unha actividade mineira, non un depósito de escoria e cinza resultante da función na súa fábrica de Narón.

Máis barbaridades da COPE

Comentábavos o outro día que estaba a ler o libro “Las Barbaridades de la COPE” e deixeivos algunha mostra das frases recollidas no seu interior. Espero non ser reiterativo, pero hoxe teño que volver a el porque ó final, nunha sección titulada Máis Barbaridades, que recolle algún dos intentos de poemas que nun suposto tono satírico le cada luns en La Linterna un personaxe chamado Fray Josepho, atopei un texto dedicado a Pedro Zerolo o 2 de maio de 2005:

“Que no, que yo no claudico;
que no, que yo no me pliego;
que no, que no, que me niego
a que ese ondulado chico
pegue a mi cara su hocico
de talludito amapolo…
¡Qué no me bese Zerolo!

Que me da igual que se afeite,
vaya con pluma o implume,
lleve after shave o perfume,
o suelte olor a ajoaceite.
Que renuncio a tal deleite,
aunque me obligue el protocolo…
¡Qué no me bese Zerolo!

Que le ofrezca su cachete
el tal López Aguilar;
que Llamazares, Gaspar,
sus ósculos le encasquete;
que mi varonil moflete
en ese altar no lo inmolo…
¡Qué no me bese Zerolo!

Que me da igual si es soltero
o está unido en .
Que antes me bese el demonio
(o Rodríguez Zapatero).
Pero este no, que no quiero…
¡Me sublevo y me enarvolo!
¡Qué no me bese Zereolo!”

¡Que panda de acomplexados e enfermos!

O Sistema Solar podería ter de novo oito planetas

Imaxe de Plutón dende o telescopio Hubble

Estes días reúnese en Praga un organismo chamado Unión Astronómica Internacional (IAU) coa finalidade fundamental de poñer dacordo ós/ás astrónomos sobre o que é un planeta e, dacordo con isto, reorganizar o número de planetas do Sistema Solar.

Ata hai uns días lin varias noticias nas que se daba conta do descubrimento de dous novos planetas, Caronte e Xena, que parecía que incrementarían ata 11 o número destes corpos no Sistema Solar. A decisión vaise adoptar hoxe, pero a sorpresa é que probablemente non són non se acepten estes dous astros como planetas, senón que o máis seguro é que Plutón, descuberto en 1930 e estudado por todos nós como planeta, perda a súa condición de tal e sexa catalogado como outro tipo de astro. Así o noso sistema quedaría reducido, de novo, ós oito planetas clásicos: Mercurio, Venus, Terra, Marte, Xúpiter, Saturno, Urano e Neptuno.

Máis en El País.

Alí estaban; a historia era certa

Onte á tarde estiven nas Pontes; fun ver como traballan os membros da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) na exhumación das catro persoas fusiladas das que falaba no post anterior. Cando cheguei estaban limpando e acotando minuciosamente o esqueleto dun dos homes, aínda vestido cun traxe de augas e uns zapatos da época. A historia dos Ramos Ferreiro, que me contara a miña avoa, era certa; os catro corpos con visibles impactos de bala estaban sepultados baixo a herba do camposanto, amoreados e sen identificación de ningún tipo.

Cada vez que a pé de fosa miraba ós ollos baleiros da caveira daquel esqueleto vestido, unha imaxe tan cruel como esperpéntica, pensaba no inxusta que foi a historia cos represaliados da Guerra Civil, uns, curiosamente os defensores da democracia, abandonados para sempre en fosas comúns e outros, os asasinos, homenaxeados e gozos dunha vida feliz e tranquila. Pero pensaba, sobre todo, no orgullosos que nos temos que sentir das persoas que, como Manuel, Juana, Manuel fillo ou José, deixaron a súa vida, de xeito voluntario ou involuntario, na defensa da liberdade.

Segundo as estimacións da ARMH, en España só se exhumaron unhas 900 víctimas das máis de 90.000 que asasinaron os franquistas durante a Guerra e os primeiros anos do réxime. Salvar do anonimato os seus restos é, ante todo, un acto de xustiza humana con respecto a eles mesmos e ás súas familias, pero tamén é un exercicio de memoria colectiva e de xustiza política, necesario para asentar as bases democráticas da nosa sociedade.

Hoxe ábrese a primeira fosa común de Ferrolterra

Soldados concentrados nas Festas do Corpus das Pontes en maio de 1939

Hoxe, xusto cando se cumpren 70 anos do seu cruel asasinato, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica inicia nas Pontes os traballos para exhumar os restos dos catro membros dunha mesma familia fusilados nos inicios da Guerra Civil. Pese a ser unha das zonas máis castigadas pola represión fascista, esta é a primiera actuación deste tipo na comarca de Ferrolterra.

O 22 de agosto de 1936 a Falange acudiu á vivienda na que residía esta familia, no lugar das Barosas, e asasinou na porta da casa ó pai, Manuel Ramos Fernández (59 anos), tenente de Alcalde das Pontes, e a un dos fillos, Manuel Ramos Ferreiro (25 anos). Tralo fusilamiento trasladaron ó cemiterio, xunto cos cadáveres dos dous homes, á muller, Juana Ferreiro Rodríguez (59 anos) e a outro dos fillos, José Ramos Ferreiro (28 anos), onde os obrigaron a cavar unha fosa na que tamén eles serían enterrados tralo seu asasinato.

O vicepresidente da ARMH, Santiago Macías, destaca a singularidade do caso, xa que en 1942 abriuse unha causa xudicial contra os 18 falanxistas que cometeron o cuádruple asasinato. “Non lles pasou nada, pero os nomes e apelidos destas persoas quedaron para a posterioridade. O fiscal determinou que a familia asasinada era extremadamente perigosa e os asasinos recibiron unha gratificación polos servizos prestados á Patria”.

A miña avoa, que tiña daquela 16 anos, viu, mentres alindaba as vacas nunha leira próxima ó cemiterio, como os falanxistas trasladaban nun carro os corpos do pai e do fillo ata alí e como asasinaban á nai e ó outro fillo tras cavar a fosa. Tivo tanto medo que ata hai poucos anos non se atreveu a falar daquilo con ninguén e, como ela, outra xente da vila que aínda lembra este episodio.

A ver se isto serve para que os familiares dos centos de represaliados na comarca se animen a seguir o exemplo e pronto podamos abrir outras das moitas fosas comúns que en Ferrolterra gardan no máis absoluto dos abandonos e dos anonimatos os corpos das persoas que loitaron pola liberdade, a xustiza e a democracia no noso país.

Páxina seguinte »