Lúas Cheas na Real

Este é o nome que varios locais da rúa Real de Pontedeume, o Tostaky, o Touporroutou, a Taberna Cubana, o Eclipse e o Diañu, lle dan ós espectáculos que tódolos mércores e xoves organizan nesta rúa ata o 31 de agosto. Os mércores sempre hai teatro (mimo, clown, monólogo…) e os xoves actuación musical.
En tódalas vilas a xente sae pola noitiña a tomar os viños ou as cañas, pero en Pontedeume está tan extendida esta costume que practicala é un dos rasgos que lle dan a un a súa condición de verdadeiro eumés. Hai outro feito diferenciador, na maioría de lugares tómanse os viños dentro do local ou cómodamente sentados nunha terraza, pero en Pontedeume non, aquí a maioría da xente toma o seu viño de pé na rúa, de tal xeito que, combinado co fermoso que é o casco antigo de Pontedeume, se crea un ambiente de charla, risas… moi moi agradable.
Estes cinco hostaleiros melloraron aínda máis ese ambiente que vos dicía organizando tódalas semanas os espectáculos gratuítos de Lúas Cheas. Como din os amigos de Pontedeume na Rede, hai que apoiar ó máximo esta actividade para que os demais taberneiros se dean conta de que son un beneficio para eles, pero tamén para a vila.
Probablemente coñecedes as caravanas da ponte, o feirón ou a movida nocturna, pero se aínda non descubristes a noitiña de Pontedeume na parte alta da Real, aproveitade antes do 31 de agosto, sorprenderavos seguro, pero ollo, que engancha.
En Pontedeume na Rede podes atopar tamén o programa completo de Lúas Cheas.
Non hai comentarios pero ainda estás a tempo
Deixa unha resposta

