ivanpuentes.com

Hoxe ábrese a primeira fosa común de Ferrolterra

Soldados concentrados nas Festas do Corpus das Pontes en maio de 1939

Hoxe, xusto cando se cumpren 70 anos do seu cruel asasinato, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica inicia nas Pontes os traballos para exhumar os restos dos catro membros dunha mesma familia fusilados nos inicios da Guerra Civil. Pese a ser unha das zonas máis castigadas pola represión fascista, esta é a primiera actuación deste tipo na comarca de Ferrolterra.

O 22 de agosto de 1936 a Falange acudiu á vivienda na que residía esta familia, no lugar das Barosas, e asasinou na porta da casa ó pai, Manuel Ramos Fernández (59 anos), tenente de Alcalde das Pontes, e a un dos fillos, Manuel Ramos Ferreiro (25 anos). Tralo fusilamiento trasladaron ó cemiterio, xunto cos cadáveres dos dous homes, á muller, Juana Ferreiro Rodríguez (59 anos) e a outro dos fillos, José Ramos Ferreiro (28 anos), onde os obrigaron a cavar unha fosa na que tamén eles serían enterrados tralo seu asasinato.

O vicepresidente da ARMH, Santiago Macías, destaca a singularidade do caso, xa que en 1942 abriuse unha causa xudicial contra os 18 falanxistas que cometeron o cuádruple asasinato. “Non lles pasou nada, pero os nomes e apelidos destas persoas quedaron para a posterioridade. O fiscal determinou que a familia asasinada era extremadamente perigosa e os asasinos recibiron unha gratificación polos servizos prestados á Patria”.

A miña avoa, que tiña daquela 16 anos, viu, mentres alindaba as vacas nunha leira próxima ó cemiterio, como os falanxistas trasladaban nun carro os corpos do pai e do fillo ata alí e como asasinaban á nai e ó outro fillo tras cavar a fosa. Tivo tanto medo que ata hai poucos anos non se atreveu a falar daquilo con ninguén e, como ela, outra xente da vila que aínda lembra este episodio.

A ver se isto serve para que os familiares dos centos de represaliados na comarca se animen a seguir o exemplo e pronto podamos abrir outras das moitas fosas comúns que en Ferrolterra gardan no máis absoluto dos abandonos e dos anonimatos os corpos das persoas que loitaron pola liberdade, a xustiza e a democracia no noso país.

Non hai comentarios pero ainda estás a tempo

Deixa unha resposta