ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de Agosto de 2006

O perigo de Rubber en Fene

A Rubber, fábrica de recauchutados de Fene, foi unha das primeiras iniciativas empresariais que se instalaron no concello trala crise do naval, pero tras uns anos de actividade quebrou e pechou as súas instalacións. Hoxe a nave, sometida durante este tempo a múltiples saqueos para roubar material de oficina e todo canto houbese no seu interior susceptible de ser vendido, está totalmente reventada e abandonada, pero no seu interior quedan aínda restos potencialmente moi contaminantes e perigosos.

Tanto dentro da fábrica como na explanada exterior hai almacenadas milleiros de rodas usadas, como as que podedes ver na foto, moitísimos sacos con viruta de neumáticos, e o que é máis alarmante toneladas de caucho, líquido almacenado en vidóns e sólido en forma de planchas. Todo isto nunhas instalacións de moi fácil acceso, sen vixiancia de ningún tipo e rodeadas de monte e maleza. O perigo é evidente.

Cónstame que a Policía Local de Fene xa realizou traballos ó respecto, pero no vindeiro pleno solicitarei ó Grupo de Goberno que actúe xudicialmente para solucionar de xeito inmediato esta amenaza para a poboación de Fene e do resto da Ría. Segundo persoas que estudaron este asunto, a nube tóxica que un hipotético incendio podería causar tería, en función do vento e da climatoloxía, serias consecuencias.

Las Barbaridades de la COPE

Estes días de agosto estoume a rir bastante, e diría que tamén a relaxarme, como remedio para vencer á indignación, cun libro que me pasou o meu amigo Nacho, Las Barbaridades de la COPE, escrito por Álvaro Vioque, un catalán estudante de xornalismo ó que a cadea dos bispos non lle fai tanta gracia como a Nacho. Vioque recolle en 110 páxinas as frases máis mezquinas e máis bárbaras dos tres xornalistas estrela da COPE, Federico Jiménez-Losantos, Cristina López Schlichting e César Vidal, que xeralmente xiran ó redor das tres obsesións da cadea eclesiástica: Zapatero e o PSOE, Cataluña e o Estatut e os homosexuais e a familia.

Se sodes capaces de tomar con humor as súas palabras e ver como esperpentos os seus programas, recoméndovos a lectura deste libro fresco e áxil para as vacacións, pero se non sodes quen de distanciarvos, podedes acabar en urxencias. Déixovos algunhas das frases recollidas no libro:

“Está él mismo [Zapatero] desmontando el sistema que le ha facilitado llegar al poder. Eso tiene precedentes: lo hizo Mussolini y lo hizo Hitler.” LA LINTERNA (03/10/2005)

“Está bien lo de Montilla. Es verdad que los militares no siempre (han respetado la unidad de España), pero es que los socialistas nunca. Nunca. La historia del socialismo español, desde Pablo Iglesias hasta el 13-M, es la apoteosis del golpe de estado permanente. Cuando podían, por lo militar, cuando no, por lo civil, y cuando no, por lo mediático, que es la última novedad.” LA MAÑANA. FEDERICO JIMÉNEZ-LOSANTOS (04/10/2005)

“Y es que la historia del PSOE es una de las más siniestras de la contemporaneidad española; a lo largo de casi un siglo se caracterizó casi siempre por la lucha contra los sistemas parlamentarios, por la falta de respeto hacia la legalidad, por el apoyo al golpismo y por un sectarismo totalitario. Todo ello, en estrecha colaboración con otras fuerzas de la izquierda, con el separatismo catalán y con la masonería.” LA LINTERNA. CÉSAR VIDAL (07/10/2005)

“El nuevo estatuto catalán tiene un fuerte color imperialista, hasta el punto de que, como quedó demostrado el domingo, Cataluña se reserva el derecho de anexionarse partes de España en las que, según los nacionalistas catalanes, se hable catalán. Valencia y las Baleares serían así para los nacionalistas catalanes lo mismo que para el nacionalista Adolf Hitler eran Austria y Checoslovaquia. El nuevo estatuto catalán significa el final de la Constitución y las libertades democráticas para sustituirlas por un régimen nacionalsocialista.” LA LINTERNA. CÉSAR VIDAL (24/10/2005)

Lúas Cheas na Real

Luas

Este é o nome que varios locais da rúa Real de Pontedeume, o Tostaky, o Touporroutou, a Taberna Cubana, o Eclipse e o Diañu, lle dan ós espectáculos que tódolos mércores e xoves organizan nesta rúa ata o 31 de agosto. Os mércores sempre hai teatro (mimo, clown, monólogo…) e os xoves actuación musical.

En tódalas vilas a xente sae pola noitiña a tomar os viños ou as cañas, pero en Pontedeume está tan extendida esta costume que practicala é un dos rasgos que lle dan a un a súa condición de verdadeiro eumés. Hai outro feito diferenciador, na maioría de lugares tómanse os viños dentro do local ou cómodamente sentados nunha terraza, pero en Pontedeume non, aquí a maioría da xente toma o seu viño de pé na rúa, de tal xeito que, combinado co fermoso que é o casco antigo de Pontedeume, se crea un ambiente de charla, risas… moi moi agradable.

Estes cinco hostaleiros melloraron aínda máis ese ambiente que vos dicía organizando tódalas semanas os espectáculos gratuítos de Lúas Cheas. Como din os amigos de Pontedeume na Rede, hai que apoiar ó máximo esta actividade para que os demais taberneiros se dean conta de que son un beneficio para eles, pero tamén para a vila.

Probablemente coñecedes as caravanas da ponte, o feirón ou a movida nocturna, pero se aínda non descubristes a noitiña de Pontedeume na parte alta da Real, aproveitade antes do 31 de agosto, sorprenderavos seguro, pero ollo, que engancha.

En Pontedeume na Rede podes atopar tamén o programa completo de Lúas Cheas.

A Biblia Contada ós Vascos

 

Déixovos un dos vídeos da serie “La Biblia Contada a los Vascos” do programa Vaya Semanita. É do mellor que lles teño visto.

70º aniversario do asasinato de Ramón Souto, Alcalde de Fene

Homenaxe a Ramón Souto

Ramón Souto González, coñecido popularmente como “Ramón o Meiriño”, era militante do PSOE e Alcalde de Fene o 18 de xullo de 1936, data na que os militares fascistas se levantan en armas contra o goberno democrático da II República. Os seus familiares e amigos recoméndanlle que marche de concello, pero el pregúntalles “¿Por que me vou esconder se nunca lle fixen mal a ninguén?”

Souto organiza xunto con outros veciños e compañeiros de corporación a resistencia en Fene ó avance dos militares franquistas, pero finalmente o 21 de xullo estes logran entrar no municipio dende Neda. Ramón Souto, xunto coa maior parte da corporación municipal, foi detido e encarcerado ata o 16 de agosto de 1936, data na que foi fusilado no Castelo de San Felipe (Ferrol).

Hoxe, cando se cumpren 70 anos do seu asasinato, participei na homenaxe que os socialistas de Fene lle rendiron a el e ó resto de veciños/as que nos anos 30 loitaron pola liberdade e a democracia, primeiro pacificamente e logo dando incluso a súa vida. Corenta anos de dictadura fascista non foron quen de borrar a semente de liberdade que só cinco anos de república introduciron e prenderon para sempre no noso país. Hoxe non somos un estado republicano, pero os ideais nos que Ramón Souto e outros/as moitos creron a comezos do século XX e polos que deron a súa vida, son a base da nosa sociedade.

En 1936 Fene tiña 6.340 habitantes e só no verán e outono dese ano foron fusilados por razóns políticas máis de 50 feneses. A todos eles/as, moitas gracias por crer en utopias que hoxe, como froito da súa loita, son xa unha realidade.

O Concello de Ferrol contrata por 60.000 euros a unha empresa para vixiar os montes

¿Oportunismo, demagoxia, aproveitarse das desgrazas…? Da igual, o caso é que o Goberno Municipal de Ferrol deulle, mediante decreto da Alcaldía, 60.000 euros á empresa Trafoga para vixiar os montes do municipio ata o 31 de setembro e intervir no suposto de que se detecte un incendio.

A verdade é que o gasto do Concello parece pouco xustificado, un tanto oportunista e un quizais interesado, tendo en conta que están e estarán ata o final do verán en Galicia máis da metade dos medios contraincendios de todo o estado e parte dos da Unión Europea, que Ferrol só sufriu os incendios típicos de tódolos anos (Brión, Chamorro…) e que isto supón de facto un paso significativo na loita contra o lume, privatizar os servizos contraincendios, labor fundamentalmente pública.

Máis en Diario de Ferrol.

Tamara Canosa en Días Azules

Días Azules é o título do filme rodado por Miguel Santesmases integramente en Ferrol e que estes días podemos ver nos cines de toda España. Á marxe da historia, máis ou menos típica de xeración, e do feito de recoñecer nela case tódalas paisaxes: a Graña, San Felipe, Doniños, Chamorro… a película ten para min un aliciente maior, a intervención de Tamara Canosa, a Jacobina Feminista que teño enlazada dende hai tempo neste blog, unha execelente actriz, unha máis excelente persoa e unha das mentes máis brilantes que coñezo.

Tamara é Olga en Días Azules, pero interiormente actriz e personaxe aseméllanse moito. Olga, igual que Tamara, é tímida e discreta, pero apaixonada e de mirada profunda e pícara; profunda tamén e brilante en cada unha das súas frases e argumentos, dándolle sentido e intencionalidade a cada palabra que pronuncia, atrapándote, como unha mítica serea, ata que sen darte conta estás xa no seu terreo e alí quedas enganchado para sempre. Olga aparece na segunda metade da historia, cando a vida dos tres irmáns protagonistas parece que zozobra irremediablemente, para atrapar e salvar a Boris, o maior dos rapaces. Aparece no momento preciso e no lugar adecuado para axudar e facer feliz ós demais; cuestión de azar, como defende Olga no filme, pero o caso é que, non sei, quizais tamén por azar, Tamara actúa igual na súa vida.

En fin, recoméndovos que vexades Días Azules, porque ademais de distraervos un rato cunha historia entretida e de descubrir Ferrol e os seus fermosos arredores no cine, descubriredes, os que non a coñezades aínda, a Tamara Canosa, unha moi boa actriz que pronto nos deparará sorpresas agradables, seguro.

O BNG denuncia que no Convento de Santa Catalina de Ares se organizan estriptís e pide opinión á Igrexa sobre os usos do edificio

O Convento de Santa Catalina, propiedade do Ministerio de Defensa, foi cedido polo Goberno ó Concello de Ares no ano 2000 para conservalo e explotalo durante 25 anos. A principios deste ano, o goberno municipal cedeu unha parte do cenobio ó motoclube “Comancheros” para albergar o seu local social e os moteiros organizaron alí onte unha concentración na que, entre outras actividades, se incluía unha churrascada e un espectáculo de estreptease.

Tal e como sinala La Voz de Galicia, o BNG de Ares foi o encargado de por o berro no ceo. «Non é sitio para celebrar un estriptís», dixo antonte o seu portavoz, Manuel Rodríguez Doval. Ó enterarse da concentración, o edil visitou o convento cun notario para levantar acta sobre o que alí sucedía. O que máis sorprende é que o BNG, aínda sendo o edificio propiedade do Estado, se vai dirixir ó Arcebispado de Santiago para pedirlle opinión á Igrexa sobre os usos do convento.

Máis en La Voz

¡Qué difícil é a manipulación dende a oposición, Albertiño!

Hidroavions r.jpg

Espertei hoxe cunha nova sms do meu amigo do PP: “En la crisis del chapapote cero muertos y a día de hoy las playas de Galicia las más limpias de ESPAÑA. Con los incendios de este verano 3 muertos y los daños medio ambientales durarán varias décadas ¿Donde están los de Nunca Máis? Dimisión de ZP, Narbona y Touriño. PÁSALO!” Seguen crendo a día de hoxe que perderon as eleccións do 14-M por culpa das sms e están que non paran enviando este tipo de patrañas.

Dixo tamén Fraga que a culpa dos incendios é de que teñamos un goberno bipartito, que coas maiorías absolutas o monte arde menos; o PP quéixase da manipulación que se está a cometer, segundo eles, nos informativos da TVG con este tema; quéixanse de que o Presidente tardou moito en vir; Núñez Feijoo pediu que os galegos se pregunten por que arde o monte cando non goberna o PP (a verdade é que eu tamén mo pregunto, preo creo que con indicios diferentes ós seus); mobilizan ós seus militantes para asubiarlle á Zapatero; din que non hai medios…
Conclusión: o PP intenta actuar na oposición como o facía no goberno, mentindo e manipulando, pero hay unha diferencia substancial que non consideran, na oposición xa non teñen a mesma capacidade de acción, os medios públicos xa non escriben ó seu dictado e xa non poden usar a administración e os seus recursos como a sede do seu partido político.

Por iso as súas mentiras son máis evidentes e a súa actuación máis patética que nunca. Fronte a elas, datos reais: Incorporación de Medios Antiincendios Día a Día Fonte: El Mundo (nada sospeitoso nesta etapa, creo eu, de gubernamental)

Feijoo, non te enteras de nada!

Isto é o que dan ganas de berrarlle á Núñez Feijoo, a Rajoy, a Juncal… e a tódalas aves carroñeiras do PP, como a gaivota do seu logotipo, que estes días intentan sacar algunha rendibilidade política da catástrofe que está a padecer Galicia cos incendios. ¿Vistes ben a foto? Feijoo vestidiño de neno bo, indumentaria máis apropiada para subir ó iate en Baiona que para apagar o lume, enfrontándose con vigor a unhas lapiñas coa mangueira de encher a piscina de plástico. O mellor é o improvisado da instantánea, só hai un lume pequeno ó seu carón e non hai ninguén con el, ningún cidadán ni ningún profesional antiincendios, só os xornalistas. Ogallá se sumase á xente que está en todo o país loitando contra o lume, pero é lamentable que use esta traxedia para beneficiarse politicamente. ¿Onde está hoxe?

Onte un amigo do PP envioume unha sms que dicía: “Galicia quemada, dónde están Nunca Máis?” Unha sms en cadea que vai na liña de varios comentarios e declaracións que estes días se escoitaron entre os dirixentes do PP. Os populares intentan enganar ó pobo, facerlle ver que tódolos partidos son iguais e que eles actuaron correctamente cando gobernaban, pero seguen sen enterarse de nada; co Prestige a xente manifestouse contra o goberno non porque o culpase da catástrofe, nin porque non entendese que a administración se vise desbordada nos momentos iniciais; manifestámonos porque o PP nos enganou, manipulounos, insultounos e intentounos tapar a boca; cousa que agora afortunadamente non está a suceder.

« Páxina anteriorPáxina seguinte »