ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de Agosto de 2006

O Castelo de Andrade e o Mosteiro de Monfero abertos todo o día

Onte fixen cuns amigos en coche unha das rotas máis fermosas da comarca e que, sen embargo, tiña abandoada dende hai algúns anos: Pontedeume - Castelo de Andrade - Mosteiro de Monfero - Central Hidroélectrica do Eume (A Capela) - Pontedeume. E leveime unha grata sorpresa, a apertura, por fin, ó público en horario normal do castelo e do mosteiro; o castelo abre tódolos días ata as 20:00 e o Mosteiro ata as 20:30.

Trala actuación rehabilitadora en Andrade, pagando 1€, ademais de poder subir por cómodas escaleiras ata a torre da homenaxe, non arrabuñando pola parede como antes, podemos acceder ó interior desta torre, equipada agora con andares e escaleiras, e subir ata a azotea, dende onde podemos ver dunha ollada as catro rías que forman o Golfo Ártabro: Ferrol, Ares, Betanzos e A Coruña.

Pola estrada Pontedeume - Monfero, que se toma no cruce da gasolinera do centro de Pontedeume, chegamos a Monfero e seguimos varios kilómetros ata atopar un desvío á esquerda que xa nos indica ó Mosteiro de Monfero. Deste espectacular edificio do Sec. X podemos visitar tanto a impresionante igrexa como os claustros e demais dependencias do cenobio.

Dende alí, entrando xa no Parque Natural das Fragas do Eume, podemos tomar a pista, pefectamente sinalizada, que descende a modo de serpe polo vertical canon do río ata a vella Central Hidroeléctrica do Eume, tamén chamada da Ventureira, xa na Capela. As vistas e a paisaxe, coas árbores autóctonas facendo bóveda sobre a estrada, merecen sen dúbida a pena. Dende aquí, voltamos a Pontedeume pola estrada Cabanas-As Pontes. Duración da ruta, deténdose a ver ben os momunentos e a paisaxe: unhas 4 horas e media. 

A ausencia de Raúl Castro e as ansias “democráticas” de EE.UU.

Raúl Castro é xa dende hai uns días o máximo dirixente de Cuba en réxime de provisionalidade e cada hora que pasa sen manifestarse publicamente medra a incertidume sobre o que de verdade acontece na illa. Hai moitas hipóteses: depresión seria do irmá de Fidel, inestabilidade e liortas no seo do Partido Comunista, desexo do réxime de transmitir sensación de normalidade… Esta última, combinada con algún problema de liderazgo, era a que me parecía máis fiable, pero está claro que a ausencia dunha soa imaxe de Raul Castro en todo este tempo o que está xerando é todo o contrario, preocupación e incertidume.

Familiares de amigos meus cubanos, que residen no país, aseguran que a situación na illa é de total normalidade, salvo pola maior presenza do exército na rúa, e afirman tamén que na televisión cubana si que apareceu Raul Castro; aínda que supoño que sería algún tipo de montaxe propagandística con imaxes de arquivo, porque senón os medios de aquí recollerían a información. Estou, a verdade, ansioso de información, dunha declaración de Raúl, dunha imaxe de Fidel ou dun golpe de efecto ó estilo cubano: en medio de toda esta incertidume aprarece de novo Castro largando dende o hospital un discurso de sete horas e media ¿imaxinádesvolo?

 Tamén estou ansioso de que alguén resposte á propaganda estadounidense e ás declaracións do seu presidente prometendo apoio a todo aquel que traballe pacificamente pola democracia en Cuba, non porque non desexe que este país sexa democrático, que creo que é o mellor que lle podería pasar, senón porque sei o que significa democracia para os gobernantes de EE.UU.: impoñer penurias á poboación cubana con tantos anos de bloqueo e de embargo, apoiar a través da CIA a todo canto dictador, torturador e asasino se quixo poñer á fronte do goberno de calquera país sudamericano, arrasar a poboación civil de Irak ou apoiar a masacre do exército israelí en Líbano e Gaza. Así que, por favor, que non axuden a Cuba a ser democrática, que o fagan outros, pero os EE.UU. non. 

Un tercio da mocidade española apoia a pena de morte

Un enquédito do INJUVE (Instituto de la Juventud) sobre os valores e as actitudes dos mozos e mozas españois confirma que algúns recentes debates están para eles resoltos; son maioritariamente favorables ó matrimonio gay (78%), ó aborto libre (68%) e á eutanasia (85%). Sen embargo, sorprende que un tercio dos mozos/as apoie a pena de morte para os delitos moi graves.

Máis en cadenaser.com

Sinaturas contra o ataque de Isreal a Líbano e Gaza

Isarrel Libano Gaza.jpg

O PSdeG-PSOE emprendeu unha campaña de recollida de sinaturas a prol da Paz en Oriente Medio e do cumprimento das resolucións dos organismos internacionais en defensa dos Dereitos Humanos. Podes sumarte a esta iniciativa enviando un e-mail con teu nome e DNI a cec@socialistasdeferrolterra.org ou descargando o formulario de Sinaturas contra o ataque de Israel e recollendo firmas que debes enviar logo a: PSdeG-PSOE. Rúa do Pino, 1-9 Baixos. 15.704 - Santiago de Compostela.

No meu nome, Si

Está tendo bastante éxito esta campaña que Alfonso Gil, Secretario Executivo do Partido Socialista de Euskadi-EE adscrito á Secretaría de Organización e Acción Electoral do mesmo, lanzou a través do seu blog, “Participemos Juntos“. Pide:

Estou farto de ver como nos insultan, nos agraden, nos vexan alá onde poden e ata onde non deben, por iso, propóñovos a todos vos, amigos da verdade, a xustiza, e a solución a un problema que xa nos asulagou durante 40 anos, que apoiedes a campaña a favor das conversas abertas polo goberno con ETA e respaldadas por todo o arco parlamentario menos o PP […] Empeza a ser algo fóra de toda lóxica, que en cada momento no que poden nos chamen amigos dos terroristas, cómplices… Por todo isto, ¡debemos reaccionar!

Por iso vos pido que enviedes este logo nos vosos correos a todo o mundo que podades e así revelarnos contra a infamia e a inxustiza dun partido que só e exclusivamente con fins electorais está nunha posición carroñeira e mentirosa.

Descarga os logos de diferente tamaño e en galego.

¿Que será de Cuba?

Para min o mito da Revolución Cubana morreu co Che e agora que parece que se aproxima a hora do post-castrismo, vexo con preocupación o futuro dunha illa maldita para moitos e cuna das súas utopías para outros moitos. Como dicía un profesor de historia que tiven no instituto, para min a democracia e o sistema menos malo e polo tanto, non xustifico ningún tipo de dictadura, pero condenar a dictadura de Cuba e desexar un futuro democrático para este país, non significa arroupar ou empatizar coas ansias colonialistas dos EE.UU. ou da disidencia cubana de Miami, absolutamente sometida ós intereses estadounidenses.

Como pasou en España, o pulo democrático da sociedade cubana debe partir do interior, da resistencia interna e ser o propio pobo de Cuba o que dirixa ese proceso, sen tutelas dos EE.UU. nin de ninguén que pretenda colonizar de novo a illa. Aínda así hai unha posibilidade que case ninguén baralla, a supervivencia do réxime comunista máis aló de Fidel Castro, tendo en conta, por exemplo, o apoio de Venezuela ¿Non credes isto posible? ¿Que pasaría?

“King Benedicto XVI” por Vaya Semanita

« Páxina anterior