ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de Setembro de 2006

Pedro J. minte outra vez sobre o 11-M, e xa van catro, polo menos

Sei que son un pouco friqui, pero esta mañá, nada máis levantarme, tiven que baixar ó quisco, necesitaba ler o titular de portada de El Mundo, ler a reviravolta que daría Pedro J. para xustificar o que onte descubriu o xuiz Garzón, que Pedro J. mentiu a semana pasada cando acusou ó Ministerio do Interior de falsificar uns documentos sobre o 11-M. Pero recapitulemos.

Pedro J. e o PP están torpemente teimados en demostrar que o autor intelectual, como lle gusta dicir ó PP, dos atentados do 11-M é ETA. Con esta fin trázase unha estratexia, revestindo de investigación xornalística o que non son máis que mentiras politicamente interesadas, que sempre funciona do mesmo xeito, El Mundo publica unha exclusiva que amosa a relación ETA-Islamistas (se pode culpar ó PSOE de animar ós etarras, mellor aínda), Jiménez Losantas azuza toda a mañá con este asunto e ó medio día Zaplana, Acebes ou Rajoy piden a demisión dun membro do Goberno, preferentemente de Alfredo Pérez Rubalcaba.

Con este patrón El Mundo “descubriu” a falsa mochila de Vallecas, que se demostrou que non era tal; a tarxeta de visita do Grupo Mondragón atopada na Renault Kangoo dos islamistas, que resultou ser logo unha cinta da Orquestra Mondragón; ou publicou en portada a cinco columnas a entrevista a Suárez Trashorras, o ex-mineiro que roubou e vendeu ós terroristas do 11-M os explosivos, na que afirmaba ser víctima dun golpe de estado urdido polo PSOE, aínda que días máis tarde apareceu unha grabación na que Trashorras recoñecía que mentía a cambio de cartos. O último paso foi a publicación a semana pasada dun documento do Ministerio do Interior que probaba supostamente a vinculación de ETA co 11-M, ó atopar ácido bórico nun piso franco de ETA desmantelado en 2001 e no piso dun dos islamistas en 2004, documento que segundo Pedro J. foi manipulado polo Ministerio, borrando ese apunte, cando lle foi remitido ó xuiz do 11-M.

O ácido bórico pode probar moitas cousas, entre outras que os terroristas, sexan etarras ou islamistas, poden padecer dor de pés, pero Pedro J. viu aí o eslabón perdido, a proba definitiva da autoría de ETA e Zaplana pediu ipsofacto a demisión de Rubalcaba, por suposto. Incluso, El Mundo titulou ó día seguinte que puxera os documentos a disposición da xustiza para que investigase. Pero ¡Que mala sorte ten Pedro J.! A xustiza investigou e resulta que si, que o documento fora manipulado, pero non o que entregou o Ministerio ó xuiz, senón o que publicou El Mundo, que é falso, tal e como confesou ó final un dos propios peritos que o falsificaron.

¿Pedro J. pide perdón? Non, no colmo do surrealismo hoxe titula en portada “Montaje de Garzón para criminalizar a los peritos que denunciaron la falsificación“. Vamos, que Pedro J. confía na xustiza cando pode respaldar as súas mentiras, pero a descalifica sen contemplacións cando llas descubren. A todo isto, 24 horas despois de que Garzón descubrira a mentira aínda non sabemos o que opina Zaplana, Rajoy ou Acebes disto ¿Pedirán a demisión de Rubalcaba por ter traballando no Ministerio a topos do PP que falsifican documentos para xustificar as paranoias deste partido?

Hoxe El País publica unha boa reportaxe titulada “La Investigación de una Manipulación” que relata tódolos detalles desta trama de El Mundo e o PP para reinventar ó seu servizo a autoría dos atentados do 11-M.

Campaña contra os malos tratos

A Fundación Mujeres estreou unha campaña, que fora presentada xa no último Festival de Publicidade de San Sebastián, para previr os malos tratos e para incitar ás víctimas destes a denuncialos.

Na web da Fundación Mujeres podedes descargar diversos materiais para axudar a difundir esta campaña e en El Pais atoparedes máis información sobre a mesma e poderedes ver o spot para televisión.

Sucesión Real

Non tiña pensado escribir sobre este tema, pero suxeriumo abobriga no último post e ¿Por que non? Son republicano ideolóxico, é dicir, creo que a república é unha forma de goberno máis actual, máis democrática e máis perfecta teóricamente que a monarquía, pero non estaría disposto a arriscar o máis mínimo por instaurar en España a III República, sempre e cando a monarquía respecte a democracia e se someta ás institucións elixidas polo pobo.

Mentres a Xefatura do Estado sega a recaer no monarca, o nacemento de herdeiros é un asunto público que me interesa. Esta semana anunciáronos que Letizia Ortiz está de novo embarazada e, de novo, a dereita usa o tema para atacar a reforma constitucional proposta polo PSOE que pretende recoñecerlle os mesmos dereitos ó home que á muller á hora de suceder ó Rey. A preferencia sucesoria do varón non é máis que un arcaísmo machista, que debe ser correxido, como ocorre en tódolos demais ámbitos sociais, nos que hoxe sería xa impensable que un home tivese recoñecida legalmente algunha preferencia polo único feito de ser home.

Por iso, dame igual que o novo fillo dos Príncipes de Asturias sexa home ou muller; a reforma constitucional debe seguir adiante. O verdadeiro debate é o sentido da monarquía nun réxime democrático e a súa permanencia no tempo. Eu creo que vai perdurar como institución mentres respecte ó pobo, mentres este non a vexa como unha interferencia nas súas decisións ou no seu xeito de vida, mentres se manteña á marxe da política real, pero se un día iso muda, a monarquía ten as horas contadas, porque monárquicos ideolóxicos neste país haiche moi poucos.

Mi mamá ya no me mima

Cando lin no Galicia Hoxe unha noticia sobre as novas caligrafías Rubio, experimentei esa sensación de ser xa alleo ó mundo dos máis novos, mesturada cunha elevada dose de nostalxia, que indica a conversión dun individuo en pureta.

Resulta que os vellos cadernos Rubio, cos que todos aprendimos a escribir, cumpren 50 anos e modernizáronse; reformaron a súa web, para incluír exercicios interactivos, a súa portada xa non é verde e, o máis traumático, actualizaron tamén os seus contidos para “transmitir valores humanos de toda índole, solidarios, morais, para o respecto e a tolerancia e ecolóxicos”, como sinala o xerente de Rubio. Así, frases célebres como “mi mama me mima” ou “tu tía toma té” foron substituídas por “Fui feliz al dejar de fumar”, “Es mejor utilizar energías renovables” o “Javier come alimentos ecológicos”. ¡Que destilado todo!

Máis en Galicia Hoxe

O desfase do Alcalde de Ortigueira en Ibiza

Hai días que me comentaron o espectáculo de Antonio Campo, Alcalde de Ortigueira, na Sexta, no programa de Pocholo, pero ata hoxe non conseguín ver as imaxes. Galicia Confidencial ofrécenos incluso a transcripción do vídeo. É surrealista de principio a fin.

Orzamentos en Fene

No último pleno de Fene, co voto favorable do BNG e abstención do PSdeG-PSOE máis Esquerda Unida, pechamos a conta xeral do ano 2005, é dicir, como se plasmou na realidade o presuposto aprobado 12 meses antes. Destacan tres datos:

  1. Dos 2 millóns de euros presupostados para obras só se investiron ó final do exercicio 420.000 euros, é dicir, nada máis que o 20%, máis ou menos, do previsto.
  2. O remanente de tesoureiría, á débeda do concello, é de 790.000 euros. O Concello de Fene anda bastante mal de liquidez.
  3. Chama a atención a taxa da auga. Dos 72.000 euros que se prevía nos orzamentos que ingresase o Concello por este concepto, só se ingresaron 5.000 euros.

¿Sabedes cal foi a resposta do BNG? Que estes malos resultados se debían ó retraso na aprobación do orzamento, que chegou ó pleno en marzo; xusto o que o PSdeG-PSOE leva varias lexislaturas denunciando. Por iso, unha vez máis nos últimos 20 anos, esta semana pedínlle ó BNG que empecemos xa a negociar as taxas e orzamentos de 2007, coa fin de que, por primeira vez, Fene logre o que é normal, estrear o novo orzamento o primeiro día do ano e que se podan así executar o maior número de actuacións previstas.

A Europa Hipócrita e Insolidaria

Son un firme defensor da Unión Europea, da unión económica, política e social, pero sempre entendín Europa como símbolo de paz, solidariedade, de xustiza… como símbolo da posibilidade de construír un mundo mellor. Esta semana, unha vez máis dende o fracaso do referendo francés sobre a constitución europea, a U.E., ou polo menos o espírito inicial co que esta se foi construíndo, moi afastado da súa concepción con un simple mercado libre, deu síntomas de estar agonizando.

A inmigración é un problema claramente global, que se soporta de xeito local. As causas que a provocan, pobreza e fame fundamentalmente, son consecuencias dun modelo económico global, polo tanto as solucións só poden ser globais, pero a chegada masiva de inmigrantes prodúcese unicamente nos países fronteirizos, que por si sós deben asumir os altos custes deste problema provocado por todos. España e Italia, principalmente, esperaban achar a solidariedade e sobre todo a implicación dos demais países europeos para abordar a inmigración de xeito colectivo, pero na Europa azul das estrelas amarelas unidas impúxose ultimamente a lei da selva e con ela as actitudes cómodas, hipócritas e insolidarias; que cada quen resolva o seu.

En síntese, a España botóuselle en cara que coa regularización masiva de hai un ano procou un efecto chamada, froito de cal chegan tantos inmigrantes ás nosas costas, que debemos asumir e resolver nos mesmos. Eu véxoo de xeito diferente: o modelo económico occidental, tamén da UE, rexido polos principios de egoísmo e máximo beneficio, condena á miseria eterna ó terceiro mundo, que simplemente para comer necesita emigrar. Froito disto, España recibe oleadas constantes de inmigrantes, que poden ser tratadas de dous xeitos, como facía o PP, mirando para outro lado e permitindo que houbese no noso país máis dun millón de persoas ilegais, sen deberes nin dereitos, ou, como fixo o PSOE, ser responsable e humanitario e darlle dereitos e deberes a persoas que estaban xa traballando entre nos.

Europa non se merece ós políticos mediocres, de visión corta e egoísta, que están marcanado o seu rumbo actualmente. Espero que pronto os cidadáns, moito máis europeístas que os seus gobernantes, aposten nas eleccións por persoas que si crean nesa utopía case real dun mundo mellor que foi a Unión Europea ata hai ben pouco.

O PP logra, de novo, o nunca visto

O normal no Congreso dos Deputados, como en calquera Parlamento democrático, é a discusión dialéctica entre o Goberno e os grupos da oposición, que teñen como misión controlar a acción do primeiro. Pero nesta lexislatura o irresponsable e perigoso xogo do PP coas institucións, froito da súa deriva hacia a ultradereita, obriga a tódolos grupos da cámara a permanecer unidos para garantir a solidez das nosas institucións e do propio sistéma democrático, baseado nelas.

Así, hoxe vimos no Congreso unha imaxe inédita, unha rolda de prensa conxunta dos voceiros de tódolos grupos da cámara, agás o PP, para rexeitar as teorías conspirativas dos populares sobre o 11-M, apoiar a labor da Policía e da Xustiza e anunciar que bloquerán tódalas iniciativas dese partido que pretendan desprestixiar as institucións do Estado. É inaudito que no ano 2006 en España haxa que reafirmar cuestións coma estas; é a herdanza de Aznar e a moi perigosa deriva ideolóxica dos seus ínclitos políticos e mediáticos.

Ata logo a Juan Carlos Rodríguez Ibarra

Retrato de Juan Fernando Lopez Aguilar

Digo ata logo e non adeus, porque sei que Rodríguez Ibarra nunca marchará do PSOE e nunca se retirará completamente da actividade política. Comparto co aínda presidente extremeño unha base ideolóxica común, que nos leva a militar no mesmo partido, e non coincido con el nalgúns matices da nosa ideoloxía. Son da xeración de cidadáns que, como o propio Ibarra sinalaba onte, nos indentificamos máis con Zapatero que con el ou con calquera dos antigos baróns socialistas, pero iso non impide que non o valore como un dos mellores políticos dos últimos anos, responsable en grande medida da transformación de Extremadura e de España, como un líder nato ó que ogallá se parecesen moitos dos nosos gobernnates.

Será difícil cubrir o oco que deixará este compañeiro, pero a alternacia nos postos institucionais e o normal en democracia e, de novo, Juan Carlos Rodríguez Ibarra deunos unha lección de política, sabendo marchar cando tiña practicamente asegurada outra maioría absoluta.

Lección de Javier Losada: “Lorca eran Todos” na Coruña

Lorca eran todos

Despois da que leva caído últimamente na capital do Reino coa obra de Pepe Rubianes, Lorca eran Todos, censurada dictatorialmente polo Goberno da Comunidade e polo Concello capitalino a causa dunhas declaracións de Rubianes sobre a unidade de España, celebro enormemente a decisón do Concello da Coruña e do seu Alcalde, Javier Losada, de traer á cidade este espectáculo teatral, previsto para os días 29 e 30 de setembro no Teatro Rosalía de Castro.

Losada da así unha lección a alcaldes neocensores como o de Madrid, facendo bandeira da pluralidade e do respeto á cultura nunha cidade tan aberta e plural como é a Coruña. Paréceme incrible, incluso vergoñento, que a estas alturas teñamos que celebrar que non se censure unha obra de teatro polas opinións políticas do seu director, pero no modelo de sociedade que nos pretende impor a nova extremadereita nacional, hai que afianzar incluso conceptos tan básicos nunha sociedade democrática como a liberdade de expresión.

Se vos animades, verémonos na Coruña na representación dunha obra que, á marxe da ideoloxía do seu director, que sinceramente é o que menos me preocupa, trata un tema tan de actualidade nesta Ano da Memoria como incómodo para a dereita fascistoide, o asasinato de Federico García Lorca, e que recibiu moi boas críticas dende a súa preestrea. ¡Bravo por Javier Losada e pola área de cultura do Concello da Coruña!

Páxina seguinte »