ivanpuentes.com

Ségolène Royal, valor en alza

Hoxe asistín á mesa de debate sobre igualdade da Conferencia Politica do PSOE, na que participou Segolene Royal, unha das aspirantes a candidata do Partido Socialista á Presidencia da República de Francia. Royal, enfrontada pola candidatura cun dos baróns do PS, Lionel Jospin, é a máxima representante dunha disputa de fondo no partido, que non é máis que a loita entre os vellos representantes e as xeracións máis novas, que queren dirixir xa os destinos dun partido que, como quedou amosado nas últimas eleccións presidenciais, está un tanto afastado da sociedade francesa.

Ségolène Royal é unha persoa dunha gran cultura, comprometida coa igualdade e, sobre todo, unha política que trae enerxía e aire fresco, que ten esa ilusión por cambiar o mundo e a sociedade que os vellos e descreídos políticos xa non saben transmitir. Royal declarou no foro do PSOE que cando sexa presidenta de Francia seguirá o modelo socialista español de reformas sociais, especialmente a Lei de Viloencia Contra as Mulleres e a Lei de Matrimonios Homosexuais..

Falando de igualdade, Ségolène Royal, que ten un currículum envexable (catro veces ministra con François Mitterrand, deputada en varias lexislaturas e presidenta da rexión de Poitou-Charentes) lembrou como, a pesar de toda esta experiencia, un xornalista preguntoulle: “pero ¿por que se presenta vostede á candidatura á Presidencia?”; unha pregunta que, como moi ben ela dicía, nunca se lle faría a un home con igual ou incluso menor traxectoria política. Tamén recordou, no mesmo senso, cando Laurent Fabius, outro dos aspirantes do PS á candidatura presidencial, dixo públicamente “se é Presidanta ¿Quen vai coidar dos seus catro fillos?”; ¿alguén se preguntaría isto no caso de que fose o pai dos seus fillos quen quixese optar á candidatura? A resposta é evidente.

Espero que esta muller, cun curriculum profesional e político envexable, non sexa víctima do machismo, moi arraigadao tamén aínda entre a esquerda, e que logre ser a primeira Presidenta da República Francesa.

3 comentarios

  1. Xi Liu | 24 de Setembro de 2006 - 9:24 pm

    A nova Tony Blair… non estivo mal a campaña mediática para posicionar o “produto”: belo envoltorio e discurso fácil e atrainte… vou mercar unha ducia delas, aínda que non saiba o que é.

    Así vai o socialismo.inc

  2. ivan | 25 de Setembro de 2006 - 10:18 am

    Máis que a nova Tony Blair, creo que a describiron como a “Zapatera” de Francia; eu espero que se pareza bastante máis a ZP que a Blair, dende logo.

    En calquera caso, despois de escoitala e de compartir con ela toda unha tarde, pódoche asegurar que hai en Sègoléne Royal moito máis que envoltorio; creo que será unha das próximas líderes do socialismo europeo, pero do socilismo ideoloxizado e comprometido, non do de logotipo.

  3. ivanpuentes.com » ¿Será Sègoléne Royal? | 16 de Novembro de 2006 - 12:58 pm

    […] Sabedes que dende que a vin na Conferencia Política do PSOE deste ano estou enamorado politicamente desta muller que pode traer aire fresco ó PS e sacar a este partido do ko no que se atopa dende que nas últimas presidenciais o seu candidato, Lionel Jospin, non fora quen de pasar á segunda volta, cedéndolle esa honra histórica ó ultradereitista Jean-Marie Le Pen. Veremos que deciden hoxe os militantes. Xeral, Política, gl […]

Deixa unha resposta