Pedro J. minte outra vez sobre o 11-M, e xa van catro, polo menos

Sei que son un pouco friqui, pero esta mañá, nada máis levantarme, tiven que baixar ó quisco, necesitaba ler o titular de portada de El Mundo, ler a reviravolta que daría Pedro J. para xustificar o que onte descubriu o xuiz Garzón, que Pedro J. mentiu a semana pasada cando acusou ó Ministerio do Interior de falsificar uns documentos sobre o 11-M. Pero recapitulemos.
Pedro J. e o PP están torpemente teimados en demostrar que o autor intelectual, como lle gusta dicir ó PP, dos atentados do 11-M é ETA. Con esta fin trázase unha estratexia, revestindo de investigación xornalística o que non son máis que mentiras politicamente interesadas, que sempre funciona do mesmo xeito, El Mundo publica unha exclusiva que amosa a relación ETA-Islamistas (se pode culpar ó PSOE de animar ós etarras, mellor aínda), Jiménez Losantas azuza toda a mañá con este asunto e ó medio día Zaplana, Acebes ou Rajoy piden a demisión dun membro do Goberno, preferentemente de Alfredo Pérez Rubalcaba.
Con este patrón El Mundo “descubriu” a falsa mochila de Vallecas, que se demostrou que non era tal; a tarxeta de visita do Grupo Mondragón atopada na Renault Kangoo dos islamistas, que resultou ser logo unha cinta da Orquestra Mondragón; ou publicou en portada a cinco columnas a entrevista a Suárez Trashorras, o ex-mineiro que roubou e vendeu ós terroristas do 11-M os explosivos, na que afirmaba ser víctima dun golpe de estado urdido polo PSOE, aínda que días máis tarde apareceu unha grabación na que Trashorras recoñecía que mentía a cambio de cartos. O último paso foi a publicación a semana pasada dun documento do Ministerio do Interior que probaba supostamente a vinculación de ETA co 11-M, ó atopar ácido bórico nun piso franco de ETA desmantelado en 2001 e no piso dun dos islamistas en 2004, documento que segundo Pedro J. foi manipulado polo Ministerio, borrando ese apunte, cando lle foi remitido ó xuiz do 11-M.
O ácido bórico pode probar moitas cousas, entre outras que os terroristas, sexan etarras ou islamistas, poden padecer dor de pés, pero Pedro J. viu aí o eslabón perdido, a proba definitiva da autoría de ETA e Zaplana pediu ipsofacto a demisión de Rubalcaba, por suposto. Incluso, El Mundo titulou ó día seguinte que puxera os documentos a disposición da xustiza para que investigase. Pero ¡Que mala sorte ten Pedro J.! A xustiza investigou e resulta que si, que o documento fora manipulado, pero non o que entregou o Ministerio ó xuiz, senón o que publicou El Mundo, que é falso, tal e como confesou ó final un dos propios peritos que o falsificaron.
¿Pedro J. pide perdón? Non, no colmo do surrealismo hoxe titula en portada “Montaje de Garzón para criminalizar a los peritos que denunciaron la falsificación“. Vamos, que Pedro J. confía na xustiza cando pode respaldar as súas mentiras, pero a descalifica sen contemplacións cando llas descubren. A todo isto, 24 horas despois de que Garzón descubrira a mentira aínda non sabemos o que opina Zaplana, Rajoy ou Acebes disto ¿Pedirán a demisión de Rubalcaba por ter traballando no Ministerio a topos do PP que falsifican documentos para xustificar as paranoias deste partido?
Hoxe El País publica unha boa reportaxe titulada “La Investigación de una Manipulación” que relata tódolos detalles desta trama de El Mundo e o PP para reinventar ó seu servizo a autoría dos atentados do 11-M.
1 comentario
Deixa unha resposta


Se sumamos os elementos veremos que o resultado é totalmente clarificador:
Pedro J + ETA = Pedro Jeta