ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de October de 2006

De ruta polas Médulas

Medulas Concello de Fene

Esta fin de semana, xunto con outros veciños/as de Fene, andiven de sendeirismo polas Médulas (O Bierzo), un lugar que sempre quixen visitar, pero ó que nunca fora. Merece a pena, tanto a paisaxe, moi diferente a nada do que podamos atopar noutros lugares, como a gastronomía berciana.

No parque hai tres rotas de sendeirismo predefinidas. Nos fixemos unha circular de case 15 kilómetros, que permite pasar o día vendo cada un dos recunchos desta interesante paraxe. Pártese do Centro de Interpretación, entre castiñeiros centenarios penetramos nas Médulas, visitando a Cuevona e a Cova Encantada, dous accidentes fermosos, dous intentos non logrados de derribo do monte. Logo, entre máis castiñeiros, subimos monte arriba ata a zona máis alta e chegamos ó Miradoiro de Orellán, dende o que quizá teñamos a mellor vista de todo o conxunto; alí mesmo atopamos a entrada a unha das antigas canles, que podedes ver na fotografía deste artigo, que conducían a auga ata o monte. Descendemos ata o pobo de As Médulas, onde podemos xantar no Mesón Ágoga; por 15€ ofrécennos un bo menú a base de embutidos do Bierzo e carne á brasa, máis postre, café e bebida.

Logo da comida, subimos ata o mirador das pedrices, con outra boa vista do conxunto, descendendo aínda podemos desviarnos e vistar o Lago Sumido, formado de xeito artificial coa auga empregada para derrubar o monte e as terras arrastrasdas por esta. Finalmente, polo pobo, regresamos ó Centro de Interpretación, onde comezamos esta marcha, que se pode realizar, contando o tempo da comida, nunhas 8 horas.

Pedro J. en Homo Zapping

Escribín moito sobre Pedro J., o seu método de “investigación” xornalística e as súas exclusivas, pero non fun quen de acadar a clarividencia dos de Homo Zapping neste vídeo que me pasa o meu amigo Darío. En dous minutos e algo resumen cun humor desternillante varios anos de pseudoxornalismo de El Mundo.

Actualizado ás 12:32 do 31/10/2006:
You Tube retirou o vídeo de Homo Zapping, non sei se por requiremento de Antena 3, como froito da suposta carta de queixa que Pedro J. enviou a este medio ou por outro motivo. Espero que o puidérades ver antes, porque era boísimo.

¿Mellorou a protección ás mulleres maltratadas?

www.arredemo.info

Creo que a resposta é si, pero o perigo que entraña esta resposta é o conformismo, porque aínda queda moito camiño por percorrer. Onte, a última hora da noite, recibín a chamada dun amigo; estaba cunha compañeira acosada pola súa exparella e pedíame axuda, porque non sabían que facer. A rapaza estivo saíndo durante moitos anos cunha persoa, se se lle pode chamar así, chegaron incluso a vivir xuntos, período no que milleiros de insultos, ataques de ira e humillacións se combinaron con un par de agresións físicas. Hai un ano ela decidiu ser valente e cambiar de vida, deixouno; pero aí comezou outro calvario, os acosos, as persecucións e as ameazas. Ela segiu sendo valente e denunciouno, houbo xuizo e impuxéronlle unha orde de alonxamento ridícula, 200 metros, que nunca ou case nunca viola, pero segue acosando: espéraa á saída do traballo, séguea, paséase por onde anda ela, raioulle o coche, adicoulle pintadas… Ela só pode facer unha cousa, chamar á Garda Civil e poñer unha denuncia, unha máis.

Onte a historia repetiuse, seguiuna ata un bar, paseouse por fóra e adicoulle miradas ameazantes. Cando eu cheguei o rapaz marchara, pero atopeina a ela tremendo, chorando, desesperada. Pensei mil xeitos de axudala, de rematar para sempre con aquela inxustiza, pero só había un racional, chamar á Garda Civil. Ela aceptou resignada; mentres un dos amigos que me acompañaba realizaba a chamada de rigor, ela contoume como xa o denunciara outras veces e como, incluso, un axente se rira dela cando quixo denunciar ó maltratador por escupirlle o coche e mirala mal. A Garda Civil chegou logo dunha hora, preguntoulle se o quería denuciar, ela dixo que si e marchou con eles para o cuartel. Aí rematou o episodio de onte.

Deiteime pensando na triste historia desta muller. Denunciou, tivo un xuizo rápido, obtivo unha orde de alonxamento, vai permanentemente acompañada dun dispositivo GPS en contacto coa Cruz Vermella, á chamada do que onte non acudiu ninguén, por certo, recibe a atención dos servizos sociais municipais… As reformas lexislativas dos últimos anos ofrecéronlle resposta e asesoramento legal e asistencial de todo tipo, pero ela non vive tranquila nin segura; non pode vivir na súa casa nin saír nunca soa á rúa. Él, pese a estar condeado, vive libremente, ó seu aire.

Este é, precisamente, o paso que nos queda por dar, non só actuar xudicial e asistencialmente, senón que temos que lograr que as mulleres víctimas do maltrato podan vivir normalmente, sen medos, sen ataduras e que eles, os maltratadores, sexan afastados por completo da súa vida. Non sei cómo se pode facer, pero hai que achar a fórmula.

A Última Idea do Marketing Catalán

Xa está colgado en todas partes, pero despois do interesante que resultou a participación no artigo adicado neste blog ás eleccións catalanas, non podo deixar de colgar o último vídeo electoral do PSC, a última volta do marketing electoral das eleccións catalanas, o vídeo de Montilla parodiando o clásico anuncio de Nocilla, “leche, cacao, avellanas…”.

Non sei se detrás da idea está o guionista de Buenafuente, fichado por Montilla ó inicio da campaña, pero está claro que se trata dunha idea moi diferente, da mercantilización pura da mensaxe política, na forma e no fondo; anunciar a un candidato é igual que anunciar calquera outro producto de consumo. Recordei hoxe ós que se rían e dos que consideraban transgresora a marca ZP ¡Canto temos camiñado en só dous anos!

Friends 4ever

Friends for Ever Pontedeume

Xa sabía que as amistades para sempre son máis de novela que de realidade, aínda que algunhas hai, pero esta pintada que atopei na Alameda de Pontedeume é a cruel proba delo. Da lista orixinal de “friends for ever” van caendo membros a medida que pasa o tempo. A vida en estado puro.

Outra vez domingo ¿Outra vez Quintana? II

Anxo Quintana Acto CIU

Este domingo non tocou momento pasodobre, pero si que apareceu Anxo Quintana nos medios e, novamente, non o entendo. Prometo que non teño ningún tipo de xenreira especial hacia Quintana, todo o contrario, paréceme un bo tipo, pero ás veces non comprendo os seus comportamentos políticos.

Os dous grandes partidos de Cataluña son o Partido Socialista (PSC) e Convergència i Unió (CIU), o referente da esquerda e o referente da dereita, respectivamente. Os últimos tres anos Cataluña estivo gobernada por un tripartito de esquerdas liderado polo PSC, tripartito defendido en innumerables ocasións, incluso como modelo a seguir, polos dirixentes do BNG; algo lóxico tendo en conta que o Bloque se define como unha fronte de esquerdas. ¿Qué facía entón Quintana onte apoiando a candidatura de Mas á Generalitat, apoiando á dereita catalana?.

Vale que cando o BNG non estaba no goberno se aliase co nacionalismo gobernante en Euskadi e Cataluña, o PNV e CIU, aínda que ambos sexan de dereitas, para crear Galeusca e vestirse de nacionalismo influínte no Estado; vale que froito diso logo concorrese ás eleccións europeas coaligado con estes partidos e non cos nacionalistas de esquerdas, pero non me vale que agora, cando se está a decidir quen gobernará Cataluña, Quintana aposte por un goberno de dereitas en lugar de facelo por un goberno de esquerdas, con participación nacionalista, en torno ó PSC.

Ser político

La Voz de Galicia

A parte baixa da parroquia de Perlío (Fene) está urbanizada sobre unha antiga xunqueira, unha ampla zona humida á que sempre chegaron os refluxos da marea e que o río invadía tódolos outonos coas súas crecidas. Sobre esa xunqueira está hoxe parte do astaleiro de Navantia, tres ou catro estradas locais, a estrada autonómica que nos comunica con Mugardos e varios bloques de vivendas. O espazo do río quedou reducido unicamente ó seu cauce, delimitado por todo tipo de construccións e varios soterramentos, de tal forma que, cando sube a marea a auga do mar penetra río arriba, sen marxes laterais para expandirse e sube o nivel da auga. En épocas de seca non pasa nada, pero en días chuviosos como o de onte o cauce, ocupado pola auga do mar, non é suficiente para recoller a gran cantidade de auga que trae o río e este desborda.

O anterior é un problema de difícil solución ¿Que é o que podemos facer os políticos locais? Sabendo como sabemos o risco de inundacións que existe, que o río desborda tódolos anos, temos que adicar os meses de verán a limpar o cauce, a desatascar os tramos de río soterrados, incluso teríamos que pensar, onde aínda se pode facer, en sacar o Cádavo de novo á luz e restituír o seu cauce. Todo isto levámolo pedindo os veciños de Perlío e o o Grupo Socialista anos, pero non se nos escoita.

O Río seguirá desbordando, porque lle foi roubado parte do seu espazo natural, pero se tomamos medidas como as anteriores, os efectos das inundacións serán moito menores. Agora toca avaliar os danos de onte, ver o número de persoas afectadas e axudalas economicamente. Para isto vale e merece a pena ser político, para axudar á xente, sobre todo, prevíndo situacións que lles podan causar perxuizos, é dicir, solucionando o problema antes de que este apareza.

Outra vez domingo ¿Outra vez Quintana?

Hoxe é sábado, case domingo, e non saín. Na televisión só podo escoller entre o partido do Depor e Dolce Vita, así que decido darlle un pouco ó blog. Estaba pensando que dende hai non sei cantos domingos atopo na prensa unha foto que, a verdade, non me gusta moito, Anxo Quintana bailando o pasadoble de turno coa muller xubilada de turno no concello de turno.

Igual peco de exceso de purismo, pero a verdade é que non me gusta a imaxe que da o Vicepresidente da Xunta repetindo unha escena tantas veces protagonizada por Fraga e tan criticada por todos aqueles que cremos que os cartos públicos non se deberían investir en macropapatorias. Mañá é domingo, antes de xantar abrirei de novo o xornal e ¿volverei a ver a Quintana meneando o esquelete? Espero que xa non.

A diáspora votante

Participei hoxe en Santiago na xornada de traballo que organizou o PSdeG-PSOE sobre a Galicia exterior; sobre a súa realidade, as súas necesidades, a súa relación co noso país e tamén a súa actitude electoral. Os representantes do PSOE en Arxentina, Uruguay e Venezuela aportáronnos datos de verdadeiro interese; quedeime co seguinte: o 12% da poboación galega con dereito a voto vive fóra de España. Nalgúns concellos rurais, a porcentaxe de votantes que teñen no exterior chega e supera o 40%.

As veces énos moi fácil, inclúome no lote, criticar o voto emigrante, dicir que non deberían votar, pero, tanto cando estiven en Bos Aires como hoxe, sorprendeume o incrible apego á terra e o compromiso con ela que teñen incluso os netos de galegos que nunca estiveron no noso país; en Arxentina vin como algúns rapaces choraban ó falarme do concello no que nacera o seu avó, como o imaxinaban… Escoitándoos, vivindo a súa realidade, a verdade é que comprendo moito mellor o seu dereito ó voto.

Fode á Dereita

A campaña electoral de Cataluña está inaugurando novos tempos para a propaganda política no noso país. O márketing electoral, moi explotado nas campañas anglosaxonas, está entrando de xeito brutal en España, como tantas outras cousas, a través de Cataluña. Primeiro foi o Partit de la Ciutadania, que nos deixou abraiados co cartel do seu candidato, completamente espido, logo o PSC coa inusual foto en branco e negro de José Montilla, a continuación CIU sorprendeunos co dvd Confidencialcat, repartido de balde coa prensa catalana, e onte coñecimos a campaña da mocidade de Iniciativa per Catalunya, un condón co lema “Folla´t a la Dreta“.

Veume á mente unha campaña de IESGA na Universidade da Coruña para as eleccións xerais de 2004, na que se repartía un preservativo co eslogan “Protéxete da Dereita”. Profesinoalmente, paréceme apaixoante esta explosión de novas e orixinais técnicas de propaganda. Antes de que finalice a campaña, seguro que teremos algunha sorpresa máis.

Actualizado ás 19:09 do 19/10/2006:

Joves d´Esquerra Verda acaba de anunciar que retira a súa campaña “Folla´t a la Dreta” ao considerar que se trata dunha expresión desafortunada. Unha vez máis a frescura e as ideas innovadoras son víctimas da moralina conservadora. O problema está en empregar o verbo foder, porque, a pesar de que cara á galería somos todos moi liberais, moi actuais e moi abertos, o sexo segue a ser un tema tabú, “sucio”.

Actualizado ás 11:23 do 20/10/2006:

Un recurso de márketing electoral máis: Abobriga adícalle un post a diferentes xogos na rede sobre os candidatos á Presidencia da Generalit.

Páxina seguinte »