ivanpuentes.com

Ser político

La Voz de Galicia

A parte baixa da parroquia de Perlío (Fene) está urbanizada sobre unha antiga xunqueira, unha ampla zona humida á que sempre chegaron os refluxos da marea e que o río invadía tódolos outonos coas súas crecidas. Sobre esa xunqueira está hoxe parte do astaleiro de Navantia, tres ou catro estradas locais, a estrada autonómica que nos comunica con Mugardos e varios bloques de vivendas. O espazo do río quedou reducido unicamente ó seu cauce, delimitado por todo tipo de construccións e varios soterramentos, de tal forma que, cando sube a marea a auga do mar penetra río arriba, sen marxes laterais para expandirse e sube o nivel da auga. En épocas de seca non pasa nada, pero en días chuviosos como o de onte o cauce, ocupado pola auga do mar, non é suficiente para recoller a gran cantidade de auga que trae o río e este desborda.

O anterior é un problema de difícil solución ¿Que é o que podemos facer os políticos locais? Sabendo como sabemos o risco de inundacións que existe, que o río desborda tódolos anos, temos que adicar os meses de verán a limpar o cauce, a desatascar os tramos de río soterrados, incluso teríamos que pensar, onde aínda se pode facer, en sacar o Cádavo de novo á luz e restituír o seu cauce. Todo isto levámolo pedindo os veciños de Perlío e o o Grupo Socialista anos, pero non se nos escoita.

O Río seguirá desbordando, porque lle foi roubado parte do seu espazo natural, pero se tomamos medidas como as anteriores, os efectos das inundacións serán moito menores. Agora toca avaliar os danos de onte, ver o número de persoas afectadas e axudalas economicamente. Para isto vale e merece a pena ser político, para axudar á xente, sobre todo, prevíndo situacións que lles podan causar perxuizos, é dicir, solucionando o problema antes de que este apareza.

2 comentarios

  1. Nerub | 25 de Outubro de 2006 - 11:48 am

    Iván, poderías ter o detalle de firmar a foto… Básicamente porque se premas sobre a imaxe no boton da dereita aparece La Voz de Galicia…

  2. ivan | 25 de Outubro de 2006 - 8:28 pm

    Certo, Nerub. A fotografía e de La Voz de Galicia, como outras que hai no blog. A partir de agora indicarei o medio e o nome do fotógrafo. Se te sitúas sobre ela xa sae.

    Graciñas polo consello ;-)

Deixa unha resposta