Anotacións arquivadas do mes de Novembro de 2006
Homenaxe ós concelleiros feneses da II República

Xa vos comentara que en Fene, a iniciativa do PSOE, estamos a preparar unha homenaxe ás corporacións municipais da II República, que servirá para pechar a programación local do ano da memoria. Será o sábado 23 de decembro ás 12:00 no salón de plenos da Casa do Concello.
Nesta sesión extrordinaria do pleno, ademais das intervencións do Alcalde e dos voceiros de cada grupo, leranse diferentes textos, entre eles a Acta de Proclamación da II República en Fene, aprobaremos unha moción que restitúa a honra de tódolos veciños/as do concello que traballaron pola liberdade e a democracia naqueles tempos, inauguraremos a obra de Patricia Dopico que presidirá a partir de agora o Salón de Plenos, e o Grupo de Metales Santa Cecilia ofrecerá un concerto no que interpretarán diversas cancións da época: Himno de Riego, A Internacional, Negra Sombra, Caminante no hay Camino (versión de Serrat), Paso del Ebro, Si me Quieres Escribir, Himno Galego…
Queremos converter o pleno nunha exaltación da democracia e da liberdade e queremos contar coa participación de todos e todas vos, por iso invítote a que veñas a Fene este día e que compartas con nós un acto que, como di o lema do mesmo, é de xustiza.
Os militantes de Fene elíxenme candidato á Alcaldía

Moi poucas cousas nos reportan tanta satisfacción como o recoñecemento e a valoración por parte das persoas que temos máis próximas. Este domingo, logo de que o 94% dos militantes de Fene xa avalasen coa súa sinatura a miña candidatura á Alcaldía, a Asemblea de afiliados, na que participaron máis do 91% dos mesmos, proclamoume candidato por unanimidade.
Asumo esta responsabilidade cunha ilusión enorme, convencido de que Fene, cun goberno do BNG totalmente agotado logo de case 30 anos no poder, necesita un cambio, novas ideas, novas persoas, novas políticas… un pobo novo. Imos traballar como nunca, porque esta vez si que é moi probable ter un Alcalde novo, un alcalde socialista despois de 70 anos, cando os franquistas fusilaron a Ramón Souto, Alcalde de Fene en 1936.
Anímovos a participar comigo nesta apaixonante viaxe ata o 27 de maio de 2007, aportándonos ideas, achegándonos propostas para incluír no programa electoral e construíndo entre todos o proxecto que ha transformar Fene.
Tamara substitúeme na Secretaría de Organización de XSG

Este sábado XSG reuniu ó seu Comité Nacional en Sada, nel eu presentei a miña demisión como Secretario de Organización Nacional, para adicarme plenamente ó meu traballo de portavoz municipal do PSOE en Fene, e Tamara Canosa, da que xa vos falei nalgunha ocasión, relevoume no cargo; a fotografía deste artigo, que nos sacamos hai uns anos durante unha viaxe a Arxentina, parece premonitoria ;-) Para min é un privilexio e para a organización un luxo contar co traballo dunha persoa marabillosa e dunha mente tan brilante como a de Tamara.
Tiven a sorte de ser Secretario de Organización de XSG dende novembro de 2002 ata onte e, a verdade, custoume dicir adeus, porque a Xuventudes débolle os mellores anos da miña vida e a práctica totalidade da formación política que teño. Lévome iso e, sobre todo, unha boa morea de amigos, de persoas excepcionais, que estarán sempre ó meu lado.
Como dixen na miña intervención, ser socialista non é desempeñar ningún cargo de responsabilidade, nin siquiera militar nunha ou outra organización, ser socialista é trazar un proxecto vital segundo o cal, esteamos onde esteamos, traballaremos tódolos días para transformar o mundo, para facelo máis xusto e máis libre. Eu agora fareino dende o Concello de Fene; o proxecto continúa.
¿Que facemos con ASTANO?

Unha vez máis ábrese o debate público sobre que facer co astaleiro de Fene. Hai dous anos, cando se produce a quebra de Izar, en Ferrolterra organízase un forte movemento reivindicativo de tódolos sindicatos, respaldado por tódolos partidos políticos, destinado a presionar ó Goberno Central para que a factoría de Fene permaneza no sector público e non sexa privatizada, sorte que correron tódolos demais astaleiros civís de Izar. Logramos ese obxectivo, Fene integrouse en Navantia, o novo grupo público de construcción naval. Era a época na que o BNG e a CIG reclamaban o “gran centro público naval na ría de Ferrol”.
Agora, Fernando Blanco, Conselleiro de Industria, lanza por segunda vez a proposta de privatizar a antiga ASTANO, é dicir, de facer o que a SEPI pretendía hai dous anos e todos, o BNG con especial ahínco, rexeitamos. Eu non creo que a privatización solucione nada, creo máis ben que a solución pasa por cumprir o acordo asinado entre o Goberno e os traballadores hai dous anos.
Creo ademais, na liña que apuntaba onte Vicente Irisarri, que a superficie que ocupa ASTANO está infrautilizada; cos 300 e pico traballadores actuais o astaleiro ocupa a mesma superficie que cando empregaba a máis de 10.000 persoas. Neses terreos, rodeados de peiraos de atraque e, polo tanto, cunhas posibilidades industriais tremendas, poderíamos impulsar a ubicación de novas industrias, que crearían emprego e, por riba, permitirían diversificar a industria da comarca, co que dependeríamos un pouco menos da construcción naval e das súas crises cíclicas. Só hai unha condición para isto, contar co apio dos representantes dos traballadores e que os propios sindicatos sexan motor desa transformación.
Esta vía, a de apostar pola diversificación, a innovación, a modernización e adaptación ás novas necesidades do mercado, é o que permitiu a zonas tan dependentes do naval como Ferrolterra ser hoxe punteiras noutros sectores e manter o seu nivel de riqueza e desenvolvemento. Mentres en Fene non comprendamos isto e mentres a nosa máxima e única aspiración sexa resucitar a megafactoria dos anos 70, non atoparemos a solución ós graves problemas de emprego que padecemos.
Felicidades por 31 Anos de Liberdade

Creo que hai datas máis dignas de recordo que a da morte de Franco, 20 de novembro de 1975, pero como para algunhas persoas deste país, moi poucas afortunadamente, segue a ser un día de nostalxia, de desexo de revivir tempos pasados, creo que é bo rearfimar o positivo que para este país ten sido a consecución da liberdade e a democracia, só posibles trala morte do dictador.
A reflexión que me viña onte á cabeza, cando vía ós franquistas da foto conmemorar este 20-N, tiña que ver coa xustiza e coa lei de partidos. A verdade é que non entendo que se persiga constantemente a Batasuna por non condear a violencia, pero que en cambio se sexa tan permisivo con diferentes partidos de ultradereita que pouco a pouco van gañando terreo no noso país (Falange Española, Democracia Nacional, España 2000…) ou coas manifestacións fascistas e xenófobas que cada día vemos, por exemplo, nos campos de fútbol. Por agora non é un problema alarmante, porque é minoritario, pero se non o atallamos a tempo, pode chegar a selo; só temos que ver o que pasa en Austria, Francia, Holanda, Alemaña, Bélxica…
El Mundo sempre nos pode sorprender coa outra cara da moeda, vendo a palla no ollo alleo e non a viga no propio; hoxe Pedro J. titula “Temor entre los «ultras» a acciones de radicales de izquierda el 20-N“. En fin!
O mal endémico do mileurismo
Dende a Caixa de Xastre do Mendinho cheguei a un artigo, interesante como case tódolos seus, de Martin Varsavsky sobre as razóns da existencia, da preponderancia diría eu, dos mileuristas en España, fronte ó que acontece noutros países como o Reino Unido. Varsavsky centra a raíz do problema no modelo educativo español herdado do franquismo, consistente en producir alumnos chapóns con bo expediente, en lugar de rapaces emprendedores e creativos, que é o que o mercado e a sociedade demandan.
La diferencia entre los países ricos ricos, y los países más o menos ricos –digamos la diferencia entre Inglaterra y España– se debe en mi opinión a que Inglaterra es un país principalmente de jefes y España es un país principalmente de subordinados, cuyos jefes están en otros países.
La razón principal por la cual en el Reino Unido hay más jefes es porque en el Reino Unido la educación que la gente recibe está mucho mejor adaptada para competir en la globalización que la educación española. A los ingleses les enseñan a razonar, entender y organizar. A los españoles les enseñan a memorizar, repetir y obedecer. El resultado es que “los mejores expedientes también son mileuristas“, cosa que sorprende hasta que te das cuenta que ser un alumno sobresaliente en memorizar, recitar y obedecer te llevará a ser….mileurista.
No blog de Martin Varsavsky podes ler o artigo íntegro, Mileuristas Explicados.
¿Será Sègoléne Royal?

Hoxe é día de primarias no Partido Socialista de Francia, o día no que os máis de 200.000 militantes deben decidir quen será o seu candidato á Presidencia da República nas elecións de 2007. Dos tres aspirantes, Sègoléne Royal, Laurent Fabius e Dominique Strauss-Kahn, parece que a primeira, a Zapatera de Francia, é a favorita.
Sabedes que dende que a vin na Conferencia Política do PSOE deste ano estou enamorado politicamente desta muller que pode traer aire fresco ó PS e sacar a este partido do ko no que se atopa dende que nas últimas presidenciais o seu candidato, Lionel Jospin, non fora quen de pasar á segunda volta, cedéndolle esa honra histórica ó ultradereitista Jean-Marie Le Pen. Veremos que deciden hoxe os militantes.
Márketing de Promotora Inmobiliaria

Ós máis novos énos difícil acceder a unha vivenda. A promotora PROYCOTEC de Murcia supoño que non regala os pisos, pero decidiu aplicar o bo humor para anunciar uns pisos a 69.000 euriños de nada destinados a xente moza. Escolar é moi crítico con esta publicidade; eu quizais non tanto, pero á marxe da súa conflictividade, o certo é que é orixinal e simpática.
31 Anos de Inxusta Espera
Onte celebrouse en Madrid unha manifestación multitudinaria para reclamar a autodeterminación do Sáhara Occidental. Xa pasaron 31 anos dende que a España Franquista entregara a ex-colonia ás ansias expansionistas de Marrocos, que non só ocupou o antigo territorio español e explotou a súa riqueza natural, senón que dende aquela somete á poboación saharaui a unha brutal represión, contándose por centos o número de persoas encarceradas, torturadas e “desaparecidas”; tal e como puidemos comprobar as persoas que hai un ano viaxamos ata El-Aaiún, aínda que as autoridades marroquís nos retiveran durante horas e non nos deixaran saír do aeroporto.
A España democrática optou por mirar para outro lado e por primar a boa relación económica con Marrocos, fundamental, por exemplo para que os nosos barcos podan faenar nos seus caladoiros ou para controlar a inmigración ilegal, por riba de esixir o respecto ós dereitos humanos no noso antigo territorio ou por rematar definitivamente un proceso descolonizador nefasto, devolvéndolle, como se fixo con tódalas demais colonias , o control do territorio ós seus cidadáns. O novedoso e esperanzador proxecto da Alianza de Civilizacións tennos que valer tamén para pechar decentemente este vergoñento episodio da nosa historia.
O Vaticano e o seu particular concepto da liberdade de expresión
“La Santa Sede ha reiterado en muchas ocasiones que el derecho a la libertad de expresión está sujeto a algunos límites, en particular cuando el ejercicio de este derecho ofendería los sentimientos religiosos de los creyentes”. “Está claro que la manifestación gay prevista en Jerusalén ofenderá a la mayoría de judíos, musulmanes y cristianos, dado el carácter sagrado de la ciudad de Jerusalén”
Xúrovos, aínda que sempre prometa, que estas son as declaracións oficiais do Vaticano ante a Marcha do Orguio Gay celebrada hoxe en Xerusalén, reprimida brutalmente por 3.000 axentes da Policía de Israel. Só un dato: a prohibición da marcha foi solicitada só por grupos ultra ortodoxos e de extrema dereita israelís e máis polo Vaticano; “dime con quien andas y te diré quien eres”.
