ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de December de 2006

Personaxe do ano en positivo

Associeted Press. Extraída de El País

A parte boa do ano atópoa tamén en Norteamérica. Al Gore, o que foi o próximo Presidente dos Estados Unidos, tal é como el se define, logrou este ano o que levan intentando milleiros de científicos hai décadas, que o debate sobre o cambio climático chegue ó conxunto da sociedade e, sobre todo, que esta se conciencie da necesidade de frealo.

En Galicia padecemos este ano as consecuencias do quecemento global do planeta, pero tamén asistimos noutras partes do mundo a indicios evidentes da alteración climática que estamos provocando na Terra: novas illas, desxeo dos polos ou subidas do nivel do mar; efectos que se irán acentuando progresivamente ata chegar a unha data clave, 2040, ano no que previsiblemente os polos se derreterán completamente.

Gore conseguiu trasladar este problema á sociedade e o Informe Stern (resumo) encargado polo Goberno Británico, logrou concienciar ó poder económico mundial da necesidade de invertir o cambio climático falándolles na súa linguaxe: a economía mundial caerá un 20% se non se frea o quecemento do planeta; pola contra, frear este quecemento custaría un 1% do PIB mundial.

Con estes avances no ano que remata, o 2007 debería ser o ano no que pola presión cidadá crecente e polo medo dos grandes actores mundiais ó futuro, se terían que tomar importantes decisións para, por fin, facer algo a fovor do planeta que vimos destrozando dende hai séculos, aínda que sexa por puro egoísmo económico ou vital.

Personaxe do ano en negativo

Foto EFE-Al Iraquiya. Extraída de El País

Creo que esta, unha das últimas en producirse, é a imaxe negativa do ano. Reflicte perfectamente a escalada de violencia mundial que estamos a padecer e ilustra o descerebrado e perigoso xeito de entender as relacións entre os diferentes países e civilizacións da Terra que pretenden impoñer a administración Bush e os seus aliados.

O aforcamento de Sadam Husein demóstrame unha vez máis a necesidade de seguir loitando e traballando por un mundo máis xusto, no que a violencia non sexa empregada nunca máis en nome da paz. ¿Que logramos coa invasión de Iark? e sobre todo ¿Que logramos aforcando a un tirano como Sadam?

¿Unha selección para esta nación?

Foto: Gabriel Tizón. El País.

Pena e asco son os dous únicos sentimentos que me provoca a imaxe, reflexo dos violentos disturbios ocorridos onte na Coruña, durante a manifestación convocada por Siareiros Galegos antes do Galicia-Ecuador.

Resulta que a resposta á matraca do imperio español que nos asulaga, á politización e alienación á que España nos condea coa súa selección, e isto? Repartir hostias en nome dun país e dunha selección. Menos mal que só xogamos un partido ó ano.

Sei que son unha minoría, pero son a noxenta e estúpida minoría que sempre fastidia a festa, que politiza o deporte, que só sabe falar a paos e á que realmente lle gustaría ser máis intransixente, máis absolutista e máis fascista que os que supostamente os oprimen social, cultural e intelectualmente, aínda que sería para nobel atopar algo de intelecto nun cráneo destes supostos siareiros.

Actualizado ás 11:23 do 31/12/2006:

Siareiros culpa al Concello de los disturbios en el paseo: “Los únicos responsables son la Policía Local y el Concello”. La asociación cree, según explicó Artur Pereira, que la violencia se debió a que el recorrido de la manifestación convocada para reclamar una selección de Galicia oficial incluyó la Coraza del Orzán, donde ondea la bandera española junto a la gallega. “Nuestro objetivo no era retirar la bandera; nosotros somos los principales perjudicados de la chapuza del Ayuntamiento”, indicó Pereira, quien asegura que se obligó a los manifestante a pasar delante de un símbolo “que no es de consenso” y que “se impuso por las armas en el 36″.

Surrealismo político en estado puro! Pobriños siareiros que non se puideron controlar ante a tremenda provocación do Concello. Por favor…!

As víctimas máis esquecidas do Franquismo

Marcha gay en 1977 en Barcelona

Case tódalas víctimas do franquismo poden colgarse a etiqueta de esquecidas, pero hai un colectivo, o homosexual, bisexual e transexual, que é quizais o máis esquecido. Primeiro sufriron a persecución fascista e logo, xa na época democrática, un absoluto abandono, derivado da marxinación social á que ata hai ben pouco estiveron condeados.

A “Ley de Vagos y Maleantes” primeiro, e a “Ley de Peligrosidad y Rehabilitación Social”, a partir de 1970, levaron ó cárcere a unhas 4.000 persoas durante a dictadura, acusadas directamente de homosexuais; pero a cifra é só unha aproximación, xa que outros moitos foron xulgados por prostitución ou outros delitos. Na prisión de Badaxoz eran ingresados os gays pasivos e na de Huelva os activos, co obxectivo de “curalos” a base de violacións e descargas eléctricas; as lesbianas eran enviadas directamente ó manicomio.

Na reportaxe que publica El País sobre este tema podemos ler algúns testemuños impactantes:

“En la prisión de Barcelona me enviaron a un pabellón de invertidos para menores. Los presos pagaban a los vigilantes para colarse y violarnos. Luego nos pegaban palizas para demostrar que ellos no eran gays. Venían cinco, seis veces al día. A veces hasta ocho”. Rampova hace recuento, a punto de cumplir 50 años: “He tenido más violaciones que relaciones consentidas”, afirma.

“Era la época del electrochoque y las terapias aversivas, que consistían en secuenciar imágenes con hombres y mujeres, propinando descargas eléctricas al homosexual cuando aparecían hombres”, relata Ruiz. Después de la cárcel, llegaba el destierro. De uno a dos años. Los presos no podían volver a sus antiguos domicilios y nadie quería darles trabajo.

No contexto da Lei de Memoria Histórica, España convertirase no primeiro país que recoñeza a estas víctimas da dictadura e as indemnice por elo. Están de acordo tódolos partidos políticos, salvo o PP, claro.

Recomendación literaria: El Látigo y la Pluma, do xornalista Fernando Olmeda.

Luz Verde á Cidade da Cultura

Foto: Ramón Escuredo. Extraída de: El Correo Gallego

Emilio Pérez Touriño e Ánxela Bugallo despexaron onte unha das grandes incógnitas do bipartito, finalmente a obra de Peter Eisenman no Monte Gaiás, a Cidade da Cultura, será rematada, aínda que con notables variacións nos usos dos dous edificios que quedan por construír, que buscan facer máis rendible e realista o proxecto: o Teatro da Música pasará a ser O Obradoiro, un grande centro destinado á formación e á creación de todo tipo de artistas do país, e o Edificio de Novas Tecnoloxías convertirase no Centro Internacional de Arte.

Igual o futuro me pecha a boca, pero non creo que este tipo de obras faraónicas de custos case imposibles sexa a día de hoxe o que precisa a cultura galega; por iso sempre me opuxen á megaconstrucción do Gaiás. En calquera caso, o dilema do actual goberno non era construír ou non a Cidade da Cultura, senón rematar ou deixar inconclusa unha obra xa moi avanzada e na que se levan investidos moitísimos cartos públicos.

Neste punto, sempre crin que o mellor era rematar un proxecto que é unha obra de arte e un valor en si mesmo, pero, sobre todo, creo que é mellor rematalo, porque así terá unha maior funcionalidade, que permitirá unha maior oferta e, polo tanto, unha maior capacidade para xerar investimentos que compensen os elavados custos.

O cambio climático está a piques de volverse irreversible

“O planeta quéntase de forma innegable e o home ten boa parte da culpa. Parte do quecemento xa é inevitable e o nivel do mar seguirá subindo durante máis dun século, aínda que mañán mesmo se eliminaran as emisións de gases de efecto invernadoiro. Ese sería un resumo do Informe do Panel Intergubernamental de Cambio Climático (IPCC, nas súas siglas en inglés), un grupo de máis de 2.500 científicos organizado por Nacións Unidas, e que presentarán en 2007 as súas conclusións sobre o quecemento global.”

¿Cando quen pode facelo tomará algún tipo de decisión ó respecto? E máis importante ¿Cando se concienciará a sociedade tanto como para esixilo?

Máis en El País.

Un día feliz para moitos fenesas e fenesas

Homenaxe Corporacións de Fene da II República

Cun salón de sesións a rebentar, hoxe, por fin, celebramos na Casa do Concello de Fene o Pleno de Homenaxe ás Corporacións da II República. Na súa honra inauguramos a obra “En Movemento” de Patricia Dopico, que podedes ver na imaxe e, como estaba previsto, revogamos o nomeamento de Franco como Alcalde Honorario de Fene, vixente dende 1939.

Acompañáronnos moitos familiares dos máis de 70 veciños asasinados polos franquistas, que nos agradeceron ata o infinito a organización deste acto. Como dixen na miña intervención, recuperar a nosa memoria é introducir na historia a unha parte da nosa sociedade que foi deixada fóra dela, é dignificar o labor de veciños e veciñas que traballaron por todos nos, é abandonar os nosos medos e os nosos complexos e sentirnos orgullosos do noso pasado e é, en definitiva, ser xustos.

Todo foi perfecto, o público, o consenso entre PSdeG-PSOE, BNG e EU-IU, os presentadores do acto, a magnífica actuación do Grupo de Metales Santa Cecilia… Todo, salvo a lamentable posición do PP, que se abstivo na votación do Pleno e fixo unha intervención vergoñenta na que tentou equiparar a II República á dictadura de Franco. Os asisentes, que aplaudiron sen cesar cada momento da homenaxe, responderon cun sonoro silencio á intervención da voceira do PP. Non entendo que as estas alturas non sexan capaces de defender a liberdade e a democracia sen ningún tipo de matices.

A repercusión do acto nos medios, sobre todo do adeus a Franco, foi tamén impresionante: El País, La Voz de Galicia, lavozdegalicia.es, La Voz 3, Diario de Ferrol, Diario de Ferrol 2, El Correo Gallego, El Correo Gallego 2, La Opinión, Faro de Vigo, El Periódico de Catalunya, ABC, La Razón, Xornal.com, Xornal.com 2, Kaos en la Red, Fuerteventura Digital, Radio Galega, Cadena Ser, TVG… E para os oíntes fieis a Jiménez Losantos, como Nacho, Libertad Digital.

Grazas ós veciñas/as e amigos/as que nos acompañaron, ós traballadores/as da área de Cultura do Concello de Fene, que organizaron un acto magnífico, ó Arquivo Municipal, ás familias que colaboraron na confección do libriño entregado ós asistentes e ó BNG e EU-IU que asumiron esta vella iniciativa do PSdeG-PSOE. Como lle dicía a uns familiares ó remate de acto, foi algo sinxelo e simbólico, pero moi importante logo de 70 anos de absoluto silencio.

A II República en Fene; libro entregado no acto de hoxe.

Lei de Defensa dos Consumidores

O Congreso aprobará hoxe unha desas normas das que un pensa que xa era hora, que por que non se tería feito antes, a nova Lei de Defensa dos Consumidores, que entre outras cousas rematará cos redondeos á alza, substituirá os cobros por hora ou fracción dos aparcadoiros polo cobro por minuto, ou simplificará os trámites para darser de baixa en calquera servizo, especialmente nos de telefonía e internet.

Esta nova lei obriga tamén á atención personalizada nos teléfonos de atención ó cliente, é dicir, as empresas terán que substituír os contestadores e máquinas diversas coas que falábamos agora palabra a palabra por traballadores/as humanos. Isto lembroume un dos mellores vídeos de Splunge, que vos deixo, no que Miguel Nadal intenta mercar un billete de avión a través dunha operadora automática. Unha situación que, afortunamente, pronto será historia.

Fene censura a Franco, Alcalde Honorario

Xa comentei que este sábado, 23 de decembro, ás 12:00 o Concello de Fene celebrará a proposta do PSOE un pleno extraordinario para homenaxear ás corporacións da II República. Preparando a moción que aprobaremos PSOE, BNG e EU atopamos unha acta de 1939 que di o seguinte:

Teniendo en cuenta que el día 21 del actual el Generalísimo y Caudillo de España, Excmo. Sr. D. Francisco Franco Baamonde, pasará por este ayuntamiento para su residencia al Pazo de Meirás, la corporación por unanimidad acordó que en la carretera general se levanten arcos de triunfo […] a fin de que resulte lo más brillante, contribuyendo así al homenaje que el Pueblo de Fene ha de rendir al Salvador de la Patria.

También por unanimidad se acordó nombrar Alcalde Honorario de este ayuntamiento al Generalísimo de los Ejércitos y Jefe de Estado, Excmo. Sr. D. Francisco Franco Baamonde.

Este sábado, ademais de tódolos demais acordos que adoptemos, os concelleiros/as de Fene imos revocar o nomeamento de Franco como Alcalde Honorario. É indignante e insultante para quen loitou e deu a súa vida pola liberdade e a democracia ter como máximo mandatario, aínda que sexa honorífico, a un ditador e a un asasino como Franco. O de Fene non é un caso aíllado, Franco é aínda fillo adoptivo ou predilecto de moitísimos pobos de Galicia. Se queremos normalizar e dignificar a nosa democracia creo que debemos emprender iniciativas deste tipo en todas partes. En Fene, 67 anos despois faremos xustiza.

Actualizado ás 11:52 do 22/12/2006:

La Voz de Galicia sácanos a nova en portada da súa edición dixital. A ver se serve para animar a algún concello máis a promover iniciativas similares.

Incendios para felicitar o Nadal en Fene

Postal Nadal Alcalde de Fene 2006

En Fene está o único Museo do Humor do que teño noticia, dirixido polo artista fenés Xaquín Marín, coñecido entre outras cousas polas súas viñetas en La Voz de Galicia. Marín deseña cada ano a postal de Nadal do Concello de Fene, que ten como motivo, practicamente sempre, unha caricatura do Alcalde relacionada con algún feito destacable do ano.

Nesta ocasión, Papá Noel e os Reis Magos substitúen a Rivera Arnoso para relacionar os incendios forestais de 2006 cos desexos dun ano mellor para 2007. Cando ma deu o Alcalde, pensei que o tema estaba nese límite perigoso entre a ironía e o sarcasmo. Non sei…

Páxina seguinte »