Esta fin de semana, a Presa do Eume

As intervencións humanas alteran gravemente os ecosistemas, pero a natureza é quen de facer fermosa ata unha aberración ecolóxica como a Presa do Eume, situada no límite entre o concello das Pontes e A Capela, en pleno corazón do Parque Natural das Fragas do Eume. O encoro, dunhas dimensións imponentes, forma parte da longa lista de pantanos inaugurados por Franco, pero, por riba diso, destaca por ser a primeira presa que se construiu en España con muro en forma de bóveda, máis resistente.
Como podedes ver na imaxe, o encoro non ten comportas. Así, en épocas de grandes choivas, a auga desborda por riba do muro e forma unha impresionante fervenza de moitos metros de altura. Isto non sucede moi a cotio, nin siquiera sucede tódolos anos, pero estes días a auga volve a saltar. Ademais, polo impresionante canón do río, hai un roteiro que permite descender dende a parte alta da presa, á que chega a estrada, ata a mesma base; podedes camiñar pegadiños á fervenza. Se tedes un oco esta fin de semana, recoméndovos que vos acheguedes ata aquí. O espectáculo merece a pena e, se non chove algo máis, durará pouco.
É moi doado de chegar: vides ata Ferrolterra pola AP-9 e deixades a autoestrada na saída de Pontedeume-Cabanas. Nada máis pasar a peaxe, chegades a unha rotonda na que colledes a estrada das Pontes, seguides por ela varios kilómetros ata entrar neste concello; a un kilómetro, na parroquia de Goente, xusto na parte alta dun cambio de rasante, atoparedes á dereita unha estrada que indica á Faeira. Tomades esta pista e, finalmente, a uns 3 kilómetros veredes unha nova pista á dereita que xa indica á Presa do Eume, seguídela ata o final e xa atopades o encoro. Dende a saída da AP-9 ata aquí tardaredes uns 20 minutos. Boa viaxe!
3 comentarios
Deixa unha resposta


Para ben ou para mal hai que entender as obras públicas que se fixeron no seu contexto histórico. É claro o impacto ambiantal da obra mas nunha época na que media Galiza escapaba coa maleta ao lombo para outras terras, onde o desarrollismo era a filosofía política comunmente aceptada (na España de Franco, nos EEUU de Nixon ou na URSS de Kruschov) e unha celulosa viña para Pontevedra pois o encoro non me parece do pior que teña acontecido.
Certo, todo hai que valoralo no seu contexto histórico e o Encoro do Eume no seu día foi unha obra de vangarda, que constitui unha peciña máis das que contribuíron ó espectacular desenvolvemento económico e social daqueles tempos. Unha época, ademais, na que a sensibilidade ambiental aínda non florecera socialmente.
Visto dende hoxe, os encoros non constitúen a peor agresión ó Medio Ambiente, porque ademais compensan en parte o seu impacto producindo enerxía limpa, renovable, a hidroelectretica, pero alteran gravemente o ecosistema das zonas nas que se ubican e creo que hai que limitar, racionalizar e coidar a súa construcción.
En calquera caso, sobre o que quería chamar a atención era sobre como a natureza, o río, era quen de naturalizar, de transformar nun espectáculo de gran beleza natural, un elemento tan alleo ó entorno como o muro de metros e metros de hormigón deste encoro.
[…] xa vos dixen nalgunha ocasión, se nunca vistes isto, merece a pena. Nun post que escribín o ano pasado, explicaba o doado que é chegar. gl, Ferrolterra, […]