ivanpuentes.com

Un día feliz para moitos fenesas e fenesas

Homenaxe Corporacións de Fene da II República

Cun salón de sesións a rebentar, hoxe, por fin, celebramos na Casa do Concello de Fene o Pleno de Homenaxe ás Corporacións da II República. Na súa honra inauguramos a obra “En Movemento” de Patricia Dopico, que podedes ver na imaxe e, como estaba previsto, revogamos o nomeamento de Franco como Alcalde Honorario de Fene, vixente dende 1939.

Acompañáronnos moitos familiares dos máis de 70 veciños asasinados polos franquistas, que nos agradeceron ata o infinito a organización deste acto. Como dixen na miña intervención, recuperar a nosa memoria é introducir na historia a unha parte da nosa sociedade que foi deixada fóra dela, é dignificar o labor de veciños e veciñas que traballaron por todos nos, é abandonar os nosos medos e os nosos complexos e sentirnos orgullosos do noso pasado e é, en definitiva, ser xustos.

Todo foi perfecto, o público, o consenso entre PSdeG-PSOE, BNG e EU-IU, os presentadores do acto, a magnífica actuación do Grupo de Metales Santa Cecilia… Todo, salvo a lamentable posición do PP, que se abstivo na votación do Pleno e fixo unha intervención vergoñenta na que tentou equiparar a II República á dictadura de Franco. Os asisentes, que aplaudiron sen cesar cada momento da homenaxe, responderon cun sonoro silencio á intervención da voceira do PP. Non entendo que as estas alturas non sexan capaces de defender a liberdade e a democracia sen ningún tipo de matices.

A repercusión do acto nos medios, sobre todo do adeus a Franco, foi tamén impresionante: El País, La Voz de Galicia, lavozdegalicia.es, La Voz 3, Diario de Ferrol, Diario de Ferrol 2, El Correo Gallego, El Correo Gallego 2, La Opinión, Faro de Vigo, El Periódico de Catalunya, ABC, La Razón, Xornal.com, Xornal.com 2, Kaos en la Red, Fuerteventura Digital, Radio Galega, Cadena Ser, TVG… E para os oíntes fieis a Jiménez Losantos, como Nacho, Libertad Digital.

Grazas ós veciñas/as e amigos/as que nos acompañaron, ós traballadores/as da área de Cultura do Concello de Fene, que organizaron un acto magnífico, ó Arquivo Municipal, ás familias que colaboraron na confección do libriño entregado ós asistentes e ó BNG e EU-IU que asumiron esta vella iniciativa do PSdeG-PSOE. Como lle dicía a uns familiares ó remate de acto, foi algo sinxelo e simbólico, pero moi importante logo de 70 anos de absoluto silencio.

A II República en Fene; libro entregado no acto de hoxe.

3 comentarios

  1. teterella | 24 de December de 2006 - 7:40 pm

    Noraboa. Esperemos que os demáis concellos sigan o exemplo.

  2. Marcos | 26 de December de 2006 - 6:21 pm

    No Concello da Coruña, gobernado desde hai máis de 20 anos polo PSOE, Francisco Franco aínda é fillo predilectísimo. ¿Cando lle vas dicir a Javier Losada que a súa postura é “lamentable”?. Saúdos.

  3. miguelnr | 29 de December de 2006 - 5:22 pm

    Bravo.

Deixa unha resposta