Anotacións arquivadas do mes de Xaneiro de 2007
Os pequenos detalles do cambio de goberno

Onte tivemos Consello Escolar do IES de Fene para aprobar as contas do ano 2006 e a dirección entregounos este pequeno gráfico coa evolución dos ingresos do centro. O profesor que estaba ó meu lado interpretoume politicamente os datos ou, o que é o mesmo, trasladoume os números á realidade.
Primeiro díxome que me fixara no descenso de ingresos entre 2001 e 2003, última lexislatura do PP na Xunta e no Goberno Central, reflexo do recorte xeral de recursos destinados ó ensino. En 2004, ano das eleccións xerais, o PP incrementou considerablemente o orzamento. En 2005 fréase o aumento, pero volvemos a medrar algo, non en van en xuño dese ano tivemos eleccións autonómicas. Fnalmente, en 2006, sen eleccións á vista, prodúcese o maior incremento en décadas, síntoma da conversión en Centro Integrado, do cambio de Goberno en Galicia e do cambio de política tamén con respecto ó ensino. Os números cantan.
Liberdade para os/as Gardas Civís!
Moita é a tensión que se está a vivir nos cuarteis da Garda Civil e do Exército dende que o día 20 tres mil axentes uniformados se manifestaran en Madrid para reclamar a desmilitarización e democratización do corpo, para gozar dos mesmos dereitos que os demais traballadores, polo menos dos mesmos dos que gozan os membros doutros corpos policiais.
É certo que o Goberno aprobou xa o Anteproxecto de Lei do Réxime Disciplinario da Garda Civil, que elimina a sanción de arresto, limita a aplicación do código penal militar e mellora os dereitos dos axentes, pero non é suficiente. É intolerable que a dictadura e o modelo franquista de organización da Garda Civil sigan vixentes logo de 30 anos de democracia.
Por iso, dende este blog, quero amosar todo o meu apoio á Asociación Unificada de Gardas Civís (AUGC) e á Unión Federal de Gardas Civís (UFGCs) e animar, por moitas sancións que podan recibir para calmar a ira dos seus mandos, a tódolos colectivos que neste corpo e no exército traballan polos dereitos dos seus membros a continuar cunha loita xusta que pronto dará resultados, porque confío en que pronto o Goberno aprobe a Lei de Dereitos e Liberdades dos Militares, que incluímos no noso programa electoral.
A resistencia dos altos mandos do Exército e a Garda Civil á reforma é moita e isto non supón un problema menor, pero os dereitos e a dignidade dos traballadores/as das Forzas Armadas non deben retrasarse moito máis.
O resultado dun bo traballo

Estas semanas os militantes do PSOE andamos a elixir as candidaturas nos diferentes concellos para as eleccións de maio. Onte tocáballe ós de Narón e a maioría dos/as afiliados/as votou a candidatura encabeza por Catalina García, actual Secretaria Xeral da Agrupación.
Katy, como se fai chamar entre os amigos, é unha rapaza nova que na política, como na súa vida, vai acadando metas con grandes doses de esforzo e, sobre todo, grazas a un traballo constante. Hai máis de dous anos púxose á fronte dos socialistas naroneses e puxo a funcionar unha agrupación que atravesaba por difíciles momentos. Sacou o Partido á rúa, achegouno ós veciños, renovouno… unha labor dura que foi premiada onte co respaldo maioritario da Asemblea.
Lembro cando me dixo que quería ser candidata, o mesmo día no que sacamos con Nacho a foto que ilustra este artigo. Alégrome de que o teña conseguido, porque é a fin xusta a unha dedicación sen límites ó PSdeG. Chega ó Concello de Narón unha muller incansable, con ideas frescas e que, lonxe do apoltronamento de moitos políticos, vai traballar ó lado dos seus veciños para solucionar os moitos problemas que ten esa vila. Irédela coñecendo, xa veredes!
Meteoroloxía política en Libertad Digital

Flipei cando vin isto no blog de Nacho Escolar. Se a risoterapia é saúdable, algún día haberá que darlle as grazas á dereita rancia deste país por ternos alongado tanto a vida ríndonos deles. Que lamentable!
Os xubilados destronan ós bombeiros

Hoxe pasei pola Deputación da Coruña para resolver uns asuntos de Fene e estiven cunha boa amiga, Pilar Souto, deputada provincial e voceira do PSdeG en Arteixo. Cando nos despedimos, regaloume o calendario máis orixinal dos que teño visto este ano, o da Asociación de Xubilados e Pensionistas de Arteixo e da Asociación Cultural Melandrainas.
Os xubilados tomaron nota da iniciativa dos bombeiros de medio mundo e posaron desnudos para este calendario. As fotos son moi boas, déixovos a de “Mercedes en la Peluquería”. Non sei que pasaría se un día os políticos de Fene decidísemos facer algo parecido ;-)
¿Que facemos con ASTANO? (II)

Barreras, o asteleiro por excelencia de Vigo, presentou onte unha proposta, avalada pola Consellería de Industria, para crear unha factoría privada de construcción naval civil en parte dos terreos que ocupa Navantia Fene. Xa comentei nalgunha ocasión que me parece positivo que, dado que as necesidades e carga de traballo de Astano non son as mesmas que cando empregaba a máis de 10.000 persoas, se busquen solucións que permitan aproveitar parte dos excepcionais terreos da antiga megafactoría, agora totalmente desaproveitados. Creando, polo tanto, máis postos de traballo e máis riqueza.
Agora ben, todos temos que ser conscientes do que isto significa, reducir a capacidade productiva de Navantia Fene e, quizais máis importante, optar de facto pola privatización da empresa fenesa, algo ó que tódolos partidos e sindicatos, sen excepción, se opuxeron hai só dous anos, cando se privatizou Izar, grupo ó que pertencia Astano, e se organizaron folgas, manifestacións e todo tipo de mobilizacións para que a factoría fenesa fose integrada en Navantia, a nova empresa naval pública. A peaxe a pagar para seguir sendo uha factoría do Estado foi o veto imposto pola U.E. ata 2015, que limita a actividade civil do estaleiro.
En definitiva, todo o que signifique crear postos de traballo en Fene e Ferrolterra paréceme fantástico, pero facéndoo sempre de acordo cos traballadores, que hoxe xa discreparon da proposta de Industria, e sendo coherentes co que defendimos hai dous días e co modelo industrial que queremos para esta comarca, público (seguro laboralmente, pero cunha expansión moi limitada) ou privado (incerto laboralmente, pero cunha mellor perspectiva de negocio a curto parzo).
Telegaita returns!

Éme difícil explicarvos o que sinto logo de ler a entrevista que onte lle fixo El País a Superpiñeiro. O icono da Telegaita do PP, que regresa á TVG logo dunha penitencia de 18 meses, di entre outras cousas:
“¿Cambio en TVG? ¡Pero qué cambio, si el único que faltaba era yo!”
“Lo del cambio en la TVG me hace mucha gracia. Ahí siguen Gayoso, Os Tonechos, actores que pasan de unas series a otras…”
“Lo de ir con Quintana es esporádico, no estoy en plantilla de Vicepresidencia, pero no tiene que ver con que trabaje o no en la Televisión de Galicia.”
Refírese Xosé Manuel Piñeiro ó traballo que durante este verán fixo para a Vicepresidencia de Anxo Quintana, animar as “Xuntanzas dos Nosos Maiores”, esas macropapatorias que tiñan sempre como resultado cada domingo unha foto do Vicepresidente bailando un pasodobre coa xubilada de turno. Nada que ver coa Xira da Terceira Idade de Fraga, por suposto, pero, como diría Woody Allen sobre os cartos, produce unha sensación tan parecida que só un auténtico especialista podería recoñecer a diferencia.
Piñeiro non volve para presentar Supermartes; iso eran caralladas manipuladoras da Telegaita. Agora, como síntoma da modernidade e pluralidade da nova TVG, máis próxima á BBC que nunca, conducirá un espacio de tarde, de luns a venres, chamado Acompáñenos, no que tres persoas de avanzada idade falarán con Superpiñeiro da súa soidade e o programa poráos en contacto con outras persoas que tamén precisan compañía. A fórmula é indiscutiblemente orixinal, nunca vista; espero que non se lles ocurra crear tamén a xenial sección do polígrafo para ver se os invitados din ou non a verdade.
En fin, o triste non é que volva Xosé Manuel Piñeiro, senón que ten máis razón que un santo en todo o que lle di a El País. Non só volve o único que faltaba para completar a fórmula casposa de televisión que padecemos durante 16 anos neste país, senón que o fai para conducir un espacio destinado á terceira idade e mentres, ó mesmo tempo, acompaña ó Vicepresidente da Xunta de festa en festa bailando con eses mesmos maiores; mostra indubidable da férrea independencia da televisión pública sobre o poder político. Casualidade? Non, tal vez serendipia.
Actualizado ás 12:18 do 22/01/2007:
Leo en Cara ó Vento que, por se non era suficiente o de onte, hoxe El País publica outra nova sobre o expediente Superpiñeiro: “Vicepresidencia felicita a TVG por el regreso de Superpiñeiro” e “Confirma que el presentador seguirá trabajando para Quintana”.
Si señor, un dez!
Nace un blog electoral fenés

Aínda nos queda moito camiño por diante, pero pouco a pouco a blogosfera galega, o blogomillo, vai poñéndose á altura doutros países, tamén no eido político. Parece claro que os blogues cambiarán a clásica relación fría e indirecta entre os políticos e os demais cidadáns.
Hai uns días, Pepe, un lector deste blog, deixoume o enlace a un blog de recente creación, Eleccións Municipais ó Concello de Fene, que pretende seguir en clave de humor as nosas eleccións de maio deste ano. A ver como evoluciona, pero por agora a cousa promete.
NOTA: Para os que vivades na ría veciña, ó outro lado da ponte, déixovos tamén un blog que atopei sobre as eleccións municipais en Pontedeume.
La Coruña do Partido Galeguista

Atopei nunha cafetería de Pontedeume a revista que vedes na imaxe, presentación do candidato do Partido Galeguista á Acaldía da Coruña. Tódolos mércores comparto tertulia en Radío Líder - Punto Radio con Manuel Soto, líder do PG, e esta semana pregunteille en antena polos posicionamentos políticos do seu partido, teoricamente galeguista e progresista, e do seu candidato na cidade da Coruña; por máis que mo explicou, de verdade que non o entendo.
A revista contén seis follas, escritas case itegramente en castelán e centradas, obsesionadas diría eu, en falar do suposto conflicto lingüístico que vive A Coruña, en xustificar o uso do castelán por parte do candidato e en defender o topónimo La Coruña. Algunhas das frases, insisto, asinadas polo Partido Galeguista, son para enmarcar:
Defiendo la libertad de todos para hablar en gallego o en castellano y reclamo mi libertad para hacerlo en castellano y sentirme, por supuesto, un buen gallego.
Los partidos tradicionales se han ido a los extremos […] y echamos de menos el centro […] El galleguismo moderno te ofrece moderación y firmeza.
Gallego y castellano conviven en nuestros barrios. Nadie quiere obligaciones ni imposiciones. Tal es la mezcla que, muchas veces, no sabemos en que nos hablan. El idioma no es una frontera, sino un puente entre los coruñeses. Pertenecemos a dos culturas.
Só un dato máis, o candidato, Carlos Marcos, foi xefe de gabinete de Carlos Pérez cando este era Alcalde de Vigo polo Partido Popular. Tanto o PG como Terra Galega, os dous partidos que debutan nestas eleccións, están a converterse en caixóns desastre nos que todo cabe con tal de formar candidatura. Por favor, un chisco de ideoloxía!
Tele Fede
O outro día alucinei vendo Noticias en Libertad, o primeiro informativo de Libertad Digital Televisión, a TDT local que Esperanza Aguirre lle deu a Federico Jiménez Losantos en Madrid. Pero hoxe atopei no youtube o vídeo de presentación desta canle, que dende logo non deixa lugar a dúbidas do que vai ser.
Por certo, sóabos o xornalista que aparece no vídeo? É Españolator, aquel do Pecado Original de Tele 5, agora é redactor dos informativos desta tele e fai igual de facha, pero sen disfrazar.
