ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de Febreiro de 2007

Vídeo de Presentación (preestrea)

Logo de que Blas dera a exclusiva, cunha cantidade de halagos tal que non sei se serei quen de recompensarlle algún día, e de que Lage tamén o colgase cariñosamente no seu blog e Loli me emocionase coas lembranzas de milleiros de kilómetros adicados a cambiar o mundo, déixovos o vídeo que fixemos para proxectar no acto de presentación como candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Fene. Así que, podemos dicir que os lectores deste blog asistiredes a un pase privado, previo á estrea oficial.

Non é máis que unha ferramenta publicitaria para un momento puntual, que será completada con moito traballo na rúa e moito programa con medidas concretas para Fene, pero espero que vos guste. Dende logo, creo que non caín no estilo cañí de Mario Amilivia, candidato do PP á Alcaldía de León, ou no máis pretendidamente actual de María Dolores de Cospedal, candidata popular á Presidencia de Castela A Mancha.

Efecto Iñaki

Imaxe extraída de Escolar.net

A vida de Iñaki de Juana Chaos non entra dentro das miñas preocupacións, polo menos ata o momento no que sexa vontade súa poñela en perigo. Pero este asunto non hai que analizalo en termos sentimentais, senón racionais e xurídicos e, dende este punto de vista, a situación non se sostén demasiado, porque xa cumpriu a condea, xusta ou inxusta, pero a que lle impuxeron, por asasinato, prolongada agora, dun xeito un tanto ocasional e artificial, cunha nova condea por ameazas.

En calquera caso, todo político que fala deste asunto ultimamente parece ser de súpeto posuído por unha visceralidade que nada ten que ver co exercicio racional do poder. Lembro o caso de Oleger, o xogardor de Barça, apaleado publicamente por dar o seu punto de vista sobre o asunto, ou as declaracións de dous magníficos compañeiros de partido que tamén poderían ter fiado máis fino ó falar da folga de fame do etarra:

  • Juan Carlos Rodríguez Ibarra: “Si fueran 900 suicidados estaríamos empatados” (audio)
  • José Bono: “Ahora amenaza con matarse en huelga de hambre. La pena es que no lo hiciera antes de matar a 25 inocentes” (audio)
  • Juan Carlos Rodríguez Ibarra: “Que no se muera ese cabrón” (audio)

Das barbaridades que dixeron os direxentes do PP xa non falo. En calquera caso, declaracións deste tipo, compresibles en calquera persoa cando fala dun asasino como de Juana Chaos, non parecen aceptables nun político, que debe ter algo máis de sangue frío.

Unha imaxe, unha historia

Ponte Grúa de Astano

Vin moitas fotos antigas de Fene, pero nunca vira esta que me pasou Nacho, a Ponte Grúa de Astano, da que creo que podo dicir que hoxe por hoxe é o monumento co que mellor se identifica a Fene, en plena montaxe.

Polo que estética e romanticamente significa esta enorme grúa e polo desenvolvemento economico que supuxo para o noso concello, podemos dicir que esta foto é a foto do comezo da historia contemporánea en Fene.

Entroido Fenés

Foto: José Pardo. Extraída de La Voz de Galicia.

Onte foi o día grande do Entroido en Fene. Se teño que dicir a verdade, o certo é que esta festa é das que menos disfruto, salvo o mércores de cinza de cada ano en Fene. Comparsas, disfraces elaborados, buzos (”bazaneros” en xerga ferrolá), petardos, cheiro a pólvora, fogos de artificio, música e moito moito barullo danlle un toque único á praza do Concello. O meu momento favorito é a lectura do testamento do Entroido, xusto antes de que o queimen, que, como de costume, foi unha fina crónica da vida política local e nacional. Déixovos algunha das mellores estrofas:

Touriño Manso e Quintana / tiveron un gran follón / primeiro arderon co lume / e logo as inundacións.

Menos mal que salvou todo / o xefe da oposición / que andou de apaga lumes / vestido de… mangueirón.

Con Fraga bicaban nenos, / hoxe nacen moi pouquiños / por iso Anxo Quintana / anda bicando velliños.

Sete mandatos de alcalde / e non ten un pelo branco / quere bater na poltrona / a Fidel e máis a Franco.

PP e PSOE renovan / cabeceira no cartel / veremos que cacho levan / no reparto do pastel.

O pepero é avogado / contan que en leis é doutor, / quere chegar á alcaldía. / Debe ser un soñador!

Iván Puentes rapaz novo / ten arelas por gañar. / Menos présa compañeiro, / xa poderás recuncar.

Da Esquerda Unida nin falo / pois teñen repetición / xa fai tempo que esgotaron / en Galiza a munición.

Algún compañeiro de corporación dicíame que este ano fora moi light o testamento, pero a verdade é que con moita retranca tocou os puntos clave.

Este Entroido foi dos mellores que lembro. A miña noraboa a tódolos organizadores, especialmente a todos/as aqueles/as que de xeito voluntario traballan duramente para que os demais podamos gozar desta festa.

Anuncio Censurado de Dolce & Gabbana

Imaxe extraída de 20 Minutos

Hoxe a prensa conta a solicitude do Instituto da Muller, a Federación de Consumidores en Acción e Os Verdes para que se retire este anuncio de Dolce & Gabbana porque “incita a la violencia contra las mujeres y de él puede deducirse que es admisible la utilización de la fuerza como un medio de imponerse sobre las mujeres”.

Paréceme unha interpretación demasiado estricta, pero igual, como outras veces, estou influenciado pola miña deformación profesional. O importante é que non perdamos o sentido do humor e a ironía.

Por certo, hoxe La Voz de Galicia publica unha interesante crónica de Sara Carreira sobre a utilización da muller na sociedade, con exemplos gráficos, na edición impresa, de anuncios sexistas de diferentes épocas.

O Cheiro disque é clave

A semana pasada Carmen Posadas, con dubidoso acerto, reflexionaba sobre as claves do atractivo feminino, tal e como comentaba neste blog. Hoxe, o diario 20 Minutos fala do polo oposto, do atractivo masculino, con datos de estudo científico incluído, e resulta que a clave está no cheiro. Atención ó apunte cultural:

…en algunos lugares de Grecia y los Balcanes, durante las fiestas los hombres llevan pañuelos en sus sobacos para regalar a las mujeres que invitan a bailar. Nada irracional; la psicóloga Rachel Herz preguntó a mujeres qué era lo que hacía atractivo a un hombre hasta el punto de irse con él a la cama. Aparte de la apariencia o el tono de la voz, lo decisivo era su olor.

Non sei, o do cheiro será decisivo, pero o dos sobacos dende a visión fenescéntrica do universo, como diría César Pena, non o vexo ;-) 

Javier, poñémonos mans á obra?

Foto Extraída de xornalgalicia.com

Vou falar hoxe doutro Losada, Javier Losada, o Alcalde da Coruña, que esta fin de semana afirmaba nunha entrevista:

P. A Xunta di que non hai cartos para todo.

R. Hai cartos, claro que os hai. Ten que habelos para resolver os problemas das persoas. O transporte metropolitano ten que ser unha prioridade para a Xunta. É vital ter tren de cercanías ata Ferrol, metro lixeiro, tranvía e autobuses. E tamén novas vías de comunicación. Estas cousas hai que plantexalas agora para resolverlas dentro de tres, catro ou cinco anos.

Para os que levamos anos defendendo a necesaria unidade de acción entre Ferrolterra e A Coruña, fronte á tradición histórica de ignorarnos mutuamente, escoitar estas palabras do Alcalde da Coruña supón unha grande esperanza en iniciar unha relación institucional que permita invertir esa tendencia. Por fin hai eco ó outro lado do Golfo Ártabro!

O tren de cercanías Ferrol - A Coruña é o primeiro paso para mellorar a comunicación entre estas dúas áreas, que deben incrementar os seus lazos económicos, sociais e institucioanis para transformar o que xa é a máis importante concretranción de poboación de Galicia na primeira área económica do país.

O futuro do Norte galego pasa necesariamente por isto. Javier, dende Fene e dende Ferrol estamos dispostos a ir poñendo contigo as primeiras pedras.

No sabe usted con quien está hablando!

Imaxe extraída de xornal.com

A través de Cara ao Vento cheguei a unha nova de El País na que se conta unha escena acontecida nos baixos fondos da Xunta de Galicia con Antón Losada, Secretario Xeral de Relacións Institucionais; escena digna da tan socorrida, polos faltos de autoridade moral, frase “no sabe usted con quien está hablando”.

Parece que personal da Xunta pasou este xoves polas dependencias de Vicepresidencia, da que depende Antón Losada, para, igual que están facer en tódolos departamentos do Goberno, substituír placas identificativas que aínda manteñen a denominación que a anterior Xunta lle daba a algunhas áreas polos novos nomes. Concretamente, estaban a cambiar os rótulos que poñían Vicepresidencia, nome do departamento que encabezaba Alberto Núñez Feijoo, por outros que poñían Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, denominación oficial dende o ano 2005. Entón apareceu Losada en escena, que segundo El País:

intentó impedir la sustitución del rótulo asegurando “de malos modos” que allí mandaba él y no se cambiaba nada sin su autorización. Losada, según las mismas fuentes, amenazó “con un expediente” al subdirector general encargado de cumplir la orden de Presidencia y le conminó a abandonar el lugar. Ante su negativa, recurrió al agente de la policía nacional que presta servicio a la entrada del despacho de Quintana y le ordenó que le echara.

Los incidentes no acabaron aquí. Esa misma tarde, según fuentes de la Consellería de Presidencia, Losada increpó a los policías y guardias de seguridad que vigilan el acceso a San Caetano porque éstos impidieron la entrada al recinto a varias personas que, siguiendo órdenes de la Vicepresidencia, trataban de entrar en el recinto para cambiar los rótulos ya colocados y recuperar la denominación anterior.

Fuentes policiales confirmaron ayer a El PAÍS que la policía está elaborando un informe sobre el incidente supuestamente protagonizado por Antón Losada en la garita de acceso al complejo de San Caetano.

Só se me ocurre un adxectivo, vergoñento, e unha solución, matriculalo nunha galescola a ver se aprende algo de educación e boas formas. É o mellor exemplo de como crear problemas da nada, da anécdota. Bravo, Losada!

Actualizado ás 16:21 do 17/02/2007:

O cantar de xesta de Antón Losada continúa. Hoxe El País informa de que axentes da Policía Autonómica entregaron onte no Xulgado de Garda de Santiago o atestado que relata os insultos e ameazas que supostamente o Secretario Xeral de Relacións Institucionais proferiu contra varios efectivos do corpo de policía que custodian as instalacións da Xunta en San Caetano.

Pero o meu episodio favorito de Antón Díaz de Vivar e este:

Todavía ayer el rótulo que da entrada al departamento de Anxo Quintana aparecía con algunas de las letras semiborradas. Algunos testigos confirmaron a este diario que fue el propio secretario de Relacións Institucionais el que minutos después del incidente “se subió a una banqueta y se puso a raspar la parte de abajo del cartel” donde se leía da Igualdade e do Benestar.

Non podo escribir o que me suxire a imaxe, pero alguén pode imaxinar unha escea máis cutre do Goberno?

Que rostro, Rajoy!

Trio das Azores

Non sei se escoitastes o que dixo Mariano Rajoy hoxe cando lle preguntaron se o PP, agora que Aznar recoñeceu que non había armas de destrucción masiva, se desculpará pola Guerra de Irak:

“Yo es que estoy en otras cosas. No estoy ni en Felipe V, ni en lo suevos, ni en lo que pasó en España hace muchos años. Creo que éste es un asunto que cuando el presidente del Gobierno lo saca… igual que saca la memoria histórica. Oiga, pero no podemos darles a los españoles, hombre, un mensaje de futuro, que ya somos la octava potencia económica del mundo, que hemos crecido muchísimo, nuestro nivel de convergencia y por tanto nivel medio de bienestar ha crecido, por ahí debemos seguir, tenemos que hacer reformas estructurales, tenemos que preocuparnos de la economía, tenemos que hacer una política exterior propia de un país civilizado. Pero qué debates son éstos sobre eso de las fosas que va a hacer ahora Mayor Zaragoza con Mario Soares y con Cosío (…) éste es un país civilizado, coño”

A verdade é que, por unha banda, estou feliz porque vexo que o tema, unha traición tan grande con esta ó espírito da maioría de españois, aínda lles escalda, pero sinto lástima e mesmo rabia da clase de dirixentes políticos que ten a dereita. Como se pode soster este discurso sobre Irak e logo estar dando o coñazo tódolos días coas mentiras do 11-M e a autoría de ETA? Só se un é tan hipócrita, tan repugnante politicamente e tan irresponsable como é Mariano Rajoy, cada vez máis fiel sucesor do Aznarismo.

Ponzos S.O.S.

Praia de Ponzos

Divagando pola rede, cheguei a ¡Hay que salvar Ponzos!, un blog centrado na protección desta praia ferrolá e do seu humidal, zoa de especial protección para as aves (ZEPA) e lugar de importancia comunitaria (LIC). De que hai que salvala? Pois da súa inclusión inicial no borrador do Plano Galego de Acuicultura, xunto con outros moitos espazos do noso país, como posible ubicación para unha piscifactoría; hai xa un proxecto concreto dunha grande empresa que pretende instalar aquí unha planta de engorde de rodaballo.

Ponzos, ó pe do Cabo Prior, é dos poucos anacos de costa absolutamente virxe que conservamos, un lugar dunha riqueza ecolóxica incalculable e, xa máis sentimentalmente, unha ampla praia da que aínda se pode gozar en contacto directo coa natureza, sen as masificacións típicas doutros areais; un recuncho que, ademais de sol e auga, proporciona relaxación e liberdade, é das pouquísimas zoas nudistas que aínda quedan.

Vaia dende aquí todo o meu apoio para salvar ponzos e para impedir que industrias, que se poden instalar perfectamente noutros lugares, destrocen pequenos paraísos como este.

Actualizado ás 20:34 do 13/02/2007:

Con respecto a algún comentario que relaciona contradictoriamente este post cun de Lage sobre Plano Galego de Acuicultura, quero apuntar tres cousas: 1. A miña posición, coincidente coa do PSdeG, sobre o desenvolvemento da acuicultura en Galicia é a que expón perfectamente Lage, compatibilizar esta actividade coa protección do litoral 2. Ponzos está incluído no BORRADOR dese Plano Galego de Acuicultura, do que se trata é de que non estea no Plano definitivo 3. A Consellería de Pesca xa ten manifestado que non incluirá nese Plano final ningún espazo protexido.

Polo tanto, non hai contradición, aínda que se a houbese nada pasaría, entre o que dicimos Lage e máis eu e, o máis importante, hai moitas posibilidades de que a Consellería elimine o humidal de Ponzos do Plano Galego de Acuicultura.

Actualizado ás 09:08 do 14/02/2007: 

Lage, quen ademais de amigo e blogueiro é o voceiro de pesca do PSdeG no Parlamento de Galicia, escribiu unha anotación no seu blog na que deixa clara a decisión da Consellería de Pesca de non incluír ningún espazo protexido, e polo tanto tampouco Ponzos, no Plano Galego de Acuicultura. 

Non sei se Lage estará de acordo, pero atreveríame a dicir que con estes artigos e comentarios case asistimos a unha interpelación parlamentaria virtual, con iniciativa popular incluída. Creo que é un bo exemplo de como o blogomillo pode valer á política e á relación dos políticos cos demais cidadáns e cidadás. Noraboa polo teu traballo, Lage.   

Páxina seguinte »