Entroido Fenés

Onte foi o día grande do Entroido en Fene. Se teño que dicir a verdade, o certo é que esta festa é das que menos disfruto, salvo o mércores de cinza de cada ano en Fene. Comparsas, disfraces elaborados, buzos (”bazaneros” en xerga ferrolá), petardos, cheiro a pólvora, fogos de artificio, música e moito moito barullo danlle un toque único á praza do Concello. O meu momento favorito é a lectura do testamento do Entroido, xusto antes de que o queimen, que, como de costume, foi unha fina crónica da vida política local e nacional. Déixovos algunha das mellores estrofas:
Touriño Manso e Quintana / tiveron un gran follón / primeiro arderon co lume / e logo as inundacións.
Menos mal que salvou todo / o xefe da oposición / que andou de apaga lumes / vestido de… mangueirón.
Con Fraga bicaban nenos, / hoxe nacen moi pouquiños / por iso Anxo Quintana / anda bicando velliños.
Sete mandatos de alcalde / e non ten un pelo branco / quere bater na poltrona / a Fidel e máis a Franco.
PP e PSOE renovan / cabeceira no cartel / veremos que cacho levan / no reparto do pastel.
O pepero é avogado / contan que en leis é doutor, / quere chegar á alcaldía. / Debe ser un soñador!
Iván Puentes rapaz novo / ten arelas por gañar. / Menos présa compañeiro, / xa poderás recuncar.
Da Esquerda Unida nin falo / pois teñen repetición / xa fai tempo que esgotaron / en Galiza a munición.
Algún compañeiro de corporación dicíame que este ano fora moi light o testamento, pero a verdade é que con moita retranca tocou os puntos clave.
Este Entroido foi dos mellores que lembro. A miña noraboa a tódolos organizadores, especialmente a todos/as aqueles/as que de xeito voluntario traballan duramente para que os demais podamos gozar desta festa.
2 comentarios
Deixa unha resposta


Supoño que inclúes un link a “La Voz de Galicia” en plan Juanjo de la Iglesia co seu mítico “Curso de ética periodística”.
Para quen seguimos a actualidade local, dende hai tempo, E a do Antroido non é a excepción. Manuel Cortés non estivo onte en Fene para presentar o concurso de comparsas. No seu lugar veu Xesús Ron. Creo que todo o mundo se enteirou que Xesús Ron non é “Negreira”, agás en “La Voz de Galicia” que repite erro na portada das páxinas da edición local e no pé de foto da edición en papel.
Coincido no do testamento. Magnífico e con moita retranca. Unhas das estrofas que máis me gustaron foron:
“Jorge dí nas súas memorias
que o desbotaron os malos
leva o título honorífico
de ser “ El médico a palos”.
Vivindo das nosas arcas
quero saber a razón
porque hoxe Radio Fene
chámase Radiofusión.”
Iván, coñecinte non hai moito na sede en santiago. Daquela aínda eras secretario de organización das xuventudes socialistas. Non sei se te lembrarás de min. Son Rocío de A Estrada. Unha rapaza que foi preguntado para formar as xuventudes na Estrada. Por desgracia, aínda segue en proxecto aínda que espero que por pouco tempo. A xente non se anima como eu esperaba, pero bueno, iso é algo co que supoño que xa había que contar ¿non? Non hai moito que me enterei que eres candidato á alcaldía de Fene. Quero desearche sorte e estou segura de que serás un bo alcalde. Agora quédanos unha tempada de moito traballo. Eu tamén estou participando no programa electoral e vou de número 15 nas listas.O 27 de maio vai ser un día importante para todos nós. Espero poder celebralo. Bicos.