Anotacións arquivadas do mes de Marzo de 2007
Primeiro anuncio oficial da precampaña

Seguindo as recomendacións de Blas de falar da campaña electoral dende o outro lado, déixovos en primicia, recén saído do novo Mac de Xaime, o primeiro anuncio que fixemos para a campaña electoral en Fene. É o cartel para as valas exteriores.
Confesareivos que, polo pesadiño que me puxen, para seleccionar a imaxe en cuestión o bo de xaime tivo que tirar case 200 fotos. Pasamos dúas tardes diante da cámara e tres diante do ordenador, entre biberón e biberón de Xaimiño, amañando a luz, corrixindo algún erro, compoñendo o anuncio… É moito o traballo que hai detrás dunha simple foto e un eslogan.
Na campaña todo será máis profesional e menos caseiro: fotografías de estudo, axencia de publicidade, actos programadísimos, asesoramento para todo… pero tamén menos divertido. Teríades que ver as risas que boto con Xaime cando intento corrixirlle os tonos das cores que el non aprecia; igualiño que cando hai anos quedábamos ata altas horas deseñando carteis para as Xuventudes Socialistas.
Pleno en directo

Hoxe ás 12:30 o Concello de Fene celebra pleno extraordinario para debater e aprobar o Orzamento Municipal para 2007. A sesión será retransmitida en directo por Radio Fusión (Radio Fene); así que, se estades a esa hora entre Ferrol e A Coruña e non tedes moito que facer, podedes escoitarnos no 107.7 da FM.
En moitas ocasións, para dar cumprimento ó que eu creo que debe ser unha emisora municipal, solicitei que Radio Fene retransmita en directo tódolos plenos, para acercar a política municipal ós cidadáns e para que tódolos veciños, sen necesidade de vir ata a Casa do Concello, podan escoitar e informarse do que uns e outros dicimos e defendemos. A resposta é sempre a mesma, non é posible por falta de persoal, a pesar de que a radio emprega só para Fene a cinco traballadores (sen contar ós varios de Radio Fusión). Supoño que este pleno é distinto, pero só porque ó Goberno lle interesa vender as obras que aproba.
Contareivos, probablemente mañá, como queda todo. Espero que non vos aburramos; o de hoxe promete ser un debate vivo e, se non, sempre está o PP para animar a sesión con algunha das súas ocorrencias de última hora. Hai algo que me intriga, non sei como van xustificar hoxe o seu voto en contra, porque non viñeron a unha soa das Comisións de Facenda nas que se foi elaborando, coas propostas de PSdeG-PSOE, BNG e EU, a proposta de orzamentos que hoxe chega ó pleno. Espero que non me saian con De Juana Chaos!
Márketing Católico

Atopei, nun dos kilométricos paseos que da un por Madrid para chegar a un sitio que está “ahí al lao; cerquita, cerquita”, este anuncio que chamou a miña atención. Colga do campanario da Igrexa ubicada entre a Avenida de Concha Espina e a Rúa Padre Damián, xusto detrás do Santiago Bernabeu, e anuncia a revista 21rs, publicación cristiá de periodicidade mensual.
Pareceume orixinal tanto o eslogan como o soporte nada convencional do anuncio, unha igrexa. Por certo, se visitades a súa web veredes que a maioría dos que respostan ás enquisas que teñen colgadas cren que á Igrexa lle sobra patrimonio, non condean a eutanasia ou pensan que a falta de credibilidade da xerarquia eclesiástica é a principal causa de que a Igrexa sexa a institución na que menos confiamos os españois.
De como experimentei os efectos secundarios da política do PP

Pasei esta fin de semana en Madrid, participando na Convención Municipal do PSOE e aproveitando a viaxe para verme con algúns responsables do Partido e do Goberno e tratar con eles diversos asuntos de Fene. Tiña ganas de visitar a cidade para tomarlle o pulso ó ambiente político que se respira por aló, enrarecido e anormalmente crispado, segundo me dicían varios amigos “madrileiros” (xentilicio que para Nancho Novo define ós galegos asentados na capital).
Gústame Madrid, sobre todo polo acolledora que é, porque sempre te integra, nunca te discrimina por ser de fóra. Esta foi a primeira vez que me sentín violento alí e que incluso tiven coidado co que dicía en según que lugares. Estiven tres días atopando constantemente pintadas falanxistas, recunchos de rúas con flores lembrando ás víctimas de De Juana e clamando venganza, bandeiras españolas colgando dos balcóns, xente que saía á rúa con bandeiras franquistas, berros de “ista, ista, ista, Zapatero terrorista” no metro… Non sei se Felipe González atinou ó cualificar este ambiente de prebélico, pero a verdade é que asusta e que se me fixo case insoportable.
Tal é a paranoia que provoca a apropiación da simboloxía do estado, especialmente da bandeira, por parte do PP que o sábado, baixando polo Paseo da Castellana en medio dos milleiros de bandeiras, camisetas, bufandas, pintadas e berros de ¡Viva España! que subían cara ó Bernabeu, sentinme tremendamente incómodo. Necesitaba saír daquel ambiente, sentíame, sen que ninguén me dixese directamente nada, obxectivo de algo. ¿Por que, se simplemente se trataba de persoas correntes que vestían as cores dun país que tamén é o meu?.
Quédome cunha anécdota. Mentres tomaba un café con varios compañeiros do PSOE e das JSE de Madrid, entrou no local un grupo de siareiros con bandeiras de España anudadas no pescozo. Algúns dos que estaba con nós advertiu de que do noso pescozo tamén colgaba algo, as credenciais de acceso á Convención do PSOE, e recomendou que as sacáramos. Entón, un dos siareiros achegouse a min e rindo díxome: “no te preocupes, amigo, que todos los que llevamos las banderas no somos iguales”. Quedei avergoñadao e sen palabras.
Comprendín así que o do PP está afectando, creando paranoias non moi fundadas e facéndonos ver como certa unha realidade de crispación social que é mentira, pura invención, pero como nos dixo Pepe Blanco a uns cantos que compartimos con el xantar de traballo o sábado, o problema dos dirixentes do PP é que confunden ós seus militantes con toda a cidadanía e que confunden Madrid con España. A realidade do país é ben distinta e o comentario do siareiro é a esperanza á que me aferro para saber que a política deste PP fascista, por moito que aparenten o contrario, triunfará.
Partido Popular Comunista de Fene

Parece que definitivamente Ternera Gallega, como lle chama un bo amigo xornalista a Terra Galega, o “partido” ad hoc de Xoán Gato (Alcalde de Narón), presentará candidatura en Fene. A prensa de hoxe confirma o que se rumoreaba dende hai días polo pobo, Gato, dentro da chanfaina ideolóxica que é Terra Galega, opta en Fene pola coalición popular-comunista; a candidatura “naronista” estará encabezada por José Piñeiro (”Pepe O Leñeiro”), ex concelleiro e militante do Partido Comunista e de Esquerda Unida, e por Antonio García Riero (”O Tintorero”), ex concelleiro, militante e candidato a alcalde durante anos por Alianza Popular primeiro, e logo polo PP.
Valoro persoalmente tanto a Pepe como a Antonio, creo que son dúas boas e traballadoras persoas, pero ¿é posible conciliar a ideoloxía de ambos nun mesmo proxecto político? Dende logo que non, porque entón as ideas non servirían de nada. Lamento que sexan dúas pezas máis na avariciosa e utópica suma de Gato para desembarcar no Goberno Provincial e poder “caciquear” a Deputación da Coruña.
Non importan as ideas, non importa o proxecto político, non importan as necesidades do pobo, non importa siquiera gobernar, non importa nada, porque Terra Galega é un proxecto concebido unica e exclusivamente para arrapañar uns pouquiños votos en cada concello de Ferrolterra que lle dean ó Alcalde de Narón o escano provincial co que leva tantos anos soñando. ¿Quen pode confiar o presente e futuro do seu pobo a este chiringuito?.
Creatividade sueca para loitar contra a anorexia
Coñecín hoxe, a través de La Voz de Galicia, unha boa campaña sueca de loita contra a anorexia e os transtornos alimentarios. Di La Voz que organizacións doutros países están xa solicitando os dereitos para poder emitila.
Sinxela, clara, algo dura e, sobre todo, creo que efectiva: “non te fies de como te vexas”.
A percepción funcionarial da realidade

Fun hai un par de semanas á Deputación, a resolver uns problemas que temos coa piscina municipal, e vin no taboleiro sindical da terceira planta unha nota que me deixou os ollos coma pratos. Quixen collela para escaneala e ensinárvola, pero non foi posible. Volvín hai uns días e xa non estaba. En calquera caso, lembro perfectamente o que poñía; era un escrito anónimo que alguén lle adicou ós sindicatos e que dicía:
UGT y CC.OO. en connivencia con el Gobierno Provincial pretenden que trabajemos de lunes a viernes desde las 9:00 hasta las 15:00 y un sábado de cada tres.
¿Estamos en Europa o en el Tercer Mundo?
Sei que pagan xustos por pecadores, que a inmensa maioría dos funcionarios son xente responsable que se adica ó seu traballo e que as tonterías dunha minoría como esta manchan a imaxe dun colectivo moi numeroso; pero é posible que o traballo dentro dos muros dunha administración pública altere tanto a percepción da realidade como para que poda existir unha soa persoa que se atreva a afirmar tal barbaridade?
Sexo Político
Cando nalgunha cea ou momento desenfadado teño comentado e ironizado sobre como sería a vida sexual dalgúns políticos, algúns como Loli ou Nacho, logo de rir, sempre me din ¡Que cousas máis raras imaxinas! pero estou seguro de que a casi todos vos pasou algunha vez que outra pola cabeza. Os de Polonia de TV3 puxéronlle imaxe ós meus pensamentos.
UGT gaña as eleccións sindicais en ASTANO

Onte foi xornada electoral en ASTANO, tocou renovar ós 13 membros do seu Comité de Empresa. Logo de moitísimo tempo, dende a reconversión dos anos 80, a UGT volveu ser o sindicato máis votado. UGT obtivo 4 membros no comité, CC.OO. 3, Alternativa Indepenente 2, a CIG 2 e a USTG tamén 2.
Noraboa a tódolos compañeiros do sindicato. Espero que esta victoria, agardada dende hai tanto tempo, supoña tamén o inicio de “novos tempos” na factoría, que se traduzan en máis traballo e máis prosperidade para o Concello de Fene.
Eixo Ferrolterra - A Coruña

Asistín onte á noite á presentación da candidatura do PSdeG-PSOE da Coruña, unha lista na que ademais de Javier Losada, para min, xunto con Orozco, o mellor Alcalde de Galicia, vai, a parte dalgunha amiga máis, unha persoa e unha política excepcional, Loli Rodríguez, amiga, Secretaria Xeral das XSG e Presidenta do Consello da Xuventude, que tivo unha brilante intervención no acto de onte. Espero que teña moita sorte nesta nova porta que abre na súa traxectoria, porque vale moito e porque o merece.
Vinme para Fene, sobre todo, cunha declaración de intencións do Alcalde que comparto plenamente, traballar dende os concellos, polo menos dende os socialistas, polo impulso do eixo Ferrolterra - A Coruña. Trátase de artellar unha grande área metropolitana entre os dous extremos do Golfo Ártabro, que, cunha poboación similar á de Vigo, convertiríase no motor económico e social de polo menos o Norte de Galicia.
Como xa dixen noutra ocasión, é hora de que deixemos de ignorarnos mutuamente e que empecemos a colaborar en transporte, creación de emprego, servizos sociais, vivenda, infraestruturas… A verdade é que o reto paréceme apaixoante.
