Eixo Ferrolterra - A Coruña

Asistín onte á noite á presentación da candidatura do PSdeG-PSOE da Coruña, unha lista na que ademais de Javier Losada, para min, xunto con Orozco, o mellor Alcalde de Galicia, vai, a parte dalgunha amiga máis, unha persoa e unha política excepcional, Loli Rodríguez, amiga, Secretaria Xeral das XSG e Presidenta do Consello da Xuventude, que tivo unha brilante intervención no acto de onte. Espero que teña moita sorte nesta nova porta que abre na súa traxectoria, porque vale moito e porque o merece.
Vinme para Fene, sobre todo, cunha declaración de intencións do Alcalde que comparto plenamente, traballar dende os concellos, polo menos dende os socialistas, polo impulso do eixo Ferrolterra - A Coruña. Trátase de artellar unha grande área metropolitana entre os dous extremos do Golfo Ártabro, que, cunha poboación similar á de Vigo, convertiríase no motor económico e social de polo menos o Norte de Galicia.
Como xa dixen noutra ocasión, é hora de que deixemos de ignorarnos mutuamente e que empecemos a colaborar en transporte, creación de emprego, servizos sociais, vivenda, infraestruturas… A verdade é que o reto paréceme apaixoante.
2 comentarios
Deixa unha resposta


Oes se es alcalde e queres facer un eixo con Javier Losada non te esquezas do Barbanza. Nos tamén queremos entrar nese eixo.
Sabes, Blas, que o Barbanza sempre está no meu pensamento, especialmente Boiro. Faremos pois unha triple entente: Fene - A Coruña - Boiro.