Pleno en directo

Hoxe ás 12:30 o Concello de Fene celebra pleno extraordinario para debater e aprobar o Orzamento Municipal para 2007. A sesión será retransmitida en directo por Radio Fusión (Radio Fene); así que, se estades a esa hora entre Ferrol e A Coruña e non tedes moito que facer, podedes escoitarnos no 107.7 da FM.
En moitas ocasións, para dar cumprimento ó que eu creo que debe ser unha emisora municipal, solicitei que Radio Fene retransmita en directo tódolos plenos, para acercar a política municipal ós cidadáns e para que tódolos veciños, sen necesidade de vir ata a Casa do Concello, podan escoitar e informarse do que uns e outros dicimos e defendemos. A resposta é sempre a mesma, non é posible por falta de persoal, a pesar de que a radio emprega só para Fene a cinco traballadores (sen contar ós varios de Radio Fusión). Supoño que este pleno é distinto, pero só porque ó Goberno lle interesa vender as obras que aproba.
Contareivos, probablemente mañá, como queda todo. Espero que non vos aburramos; o de hoxe promete ser un debate vivo e, se non, sempre está o PP para animar a sesión con algunha das súas ocorrencias de última hora. Hai algo que me intriga, non sei como van xustificar hoxe o seu voto en contra, porque non viñeron a unha soa das Comisións de Facenda nas que se foi elaborando, coas propostas de PSdeG-PSOE, BNG e EU, a proposta de orzamentos que hoxe chega ó pleno. Espero que non me saian con De Juana Chaos!
2 comentarios
Deixa unha resposta


este ano os do pp prescinden da candidata de sillobre poñia o cartel se non recordo mal na candidatura do ano pasado. bueno non sei si prescinden ou non se levan moy ben dentro do partido, polo abogado de magalofes donde busca os votos convidando a xente a tomar bos viños en restaurantes de magalofes facendo gala da boa vida desaogada que leva co seu bmw o seu cabalo e o traxe que non so luce os domingos.creo que non teredes competencia cos do pp,por que a xente dase conta de que tipo de xente falamos.A ver si fene da un cambio merecido dando paso a xente con novas ideas .
Que bo, Dani!
Vexo que non fuches aínda agraciado cun dos polos laranxa que regala o PP a todo elector que se lle pon a tiro, porque non o comentas entre a boa referencia de artimañas electorais que sinalas.
Dende hai tempo os candidatos do PP van visitar algunhas casas para deixar os polos coas dúas pes e a gaivota bordadas. Empezaron por Magalofes e a semana pasada parece que caeron algúns tamén polo mercadillo de Perlío, facéndolle competencia desleal á venda ambulante.
Como me dixo unha señora cando lle deron os polos, “sonche de boa calidade e unha vez que lles saque as letras einos usar, pero o meu voto non o levan aínda que me reghalen a caixa enteira”.