Anotacións arquivadas do mes de Abril de 2007
Pelotón Socialista polo Patrimonio da Humanidade

Tódolos cidadáns e tódolos representantes políticos da comarca estábamos convocados hoxe pola mañá por Radio Voz Ferrol (105.4 da FM) para participar na Marcha Ciclista en Apoio da Candidatura de Ferrol a ser declarado Patrimonio da Humanidade. Foi un trazado bastante sinxelo polo centro da cidade; moitísimos cidadáns e bastantes políticos participamos nesta xornada que foi realmente divertida, unhas horas das máis amenas e relaxantes das que teñamos pasado últimamente que, a min polo menos, me serviron para desconectar algo da frenética actividade electoral destes días.
Quédome sen dúbida co tramo que fixemos por dentro do Arsenal, un recinto descoñecido para a inmensa maioría dos ferroláns e ubicado na zona máis privilexiada da cidade, toda a franxa costeira. Foi unha delicia ver o outro lado do muro, descubrir o impresionante patrimonio que temos agochado e facelo, aínda por riba, pedaleando ó lado de Alberto, arqueólogo e candidato do PSdeG en Valdoviño, que nos ía explicando a historia do Arsenal, e de Vicente Irisarri, que nos contaba entusiasmado un dos proxectos estrela da súa candidatura á Alcaldía de Ferrol, o bulevar que quere facer en parte da zona hoxe ocupada por Defensa.
Seguro que mañá máis de un dos políticos terá maniotas, porque a algúns ben se lles notaba que non collían a bici dende hai tempo, pero a causa terá merecido a pena. A declaración de Ferrol como Patrimonio da Humanidade, a posta en valor de toda a súa riqueza, pode ser xusto o que necesitemos, primeiro para que nós mesmos valoremos moito máis a cidade que temos e logo para que os de fóra borren a imaxe xeralmente gris e negativa que teñen dela.
Ó final da marcha, os candidatos socialistas fixemos foto de familia, perfectamente uniformados coa camiseta de Radio Voz. De esquerda a dereita: Santos (As Somozas), Alberto (Valdoviño), Valentín (As Pontes), eu (Fene), Irisarri (Ferrol), Julián (Secretario Xeral de XSG Ferrol) e Juan (Mugardos).
Xuntanza de Palilleiras en San Valentín

O Centro de Promoción Social de San Valentín (Fene) organizou este sábado a XII Xuntanza de Palilleiras de Ferrolterra, que como tódolos anos, foi un éxito. Non teño nin idea de bolillos, pero entre Amalia (a 5 da nosa candidatura), Héctor (un rapaz fantástico do CPS co que botei onte unhas cantas risas e que, por certo, é candidato polo BNG) e a muller que aparece na imaxe explicáronme algo desa arte que, como me dicía unha das palilleiras, é moi fermosa, pero moi moi lenta.
Ó final tocoume entregar o premio ó grupo de palilleiras máis afastado de Fene; dinllo a unhas mulleres que viñan desde Guadalajara. Estaban tan contentas que ata se quixeron facer unha foto con nós para levarlla de recordo á súa profesora de bolillos.
Á marxe do motivo central da xuntanza, co que máis satisfeito me quedo é coa constatación, unha vez máis, de como o traballo organizado dunha sociedade como o CPS é capaz de xuntar e de unir a toda unha parroquia na organización dun evento coma este. Iso é o que lle da vida e sentido ás entidades sociais e o que nos demostra que, pese ó que algúns nos digan, o movemento asociativo non está nin moito menos morto, aínda que é certo que podería estar mellor.
Grazas!

Grazas foi a primeira palabra que dixen este venres cando me puxen detrás do atril. Celebramos o acto de presentación da candidatura do PSdeG-PSOE de Fene para as eleccións municipais do 27 de maio. Grazas polas fermosas e sentidas palabras que me adicaron María e Loli nas súas intervencións, que me emocionaron sinceramente. Grazas ós amigos/as que viñeron, algúns dende lonxe de Ferrolterra, a estar comigo neste día. Grazas polo recoñecemento e o opio público que Ricardo Varela, co que traballei dous anos na Secretaría de Organización Nacional do PSdeG, me amosara uns minutos antes dende o mesmo atril. E sobre todo, grazas ós centos de persoas, de veciños e veciñas, que nos acompañaron.
Vai facer xa 10 anos que ingresei na Agrupación Socialista de Fene e dígovos, sinceramente, que nunca vira un acto como o do venres. As sillas agotadas, moitísima xente de pé e incluso algúns que quedaron fóra. Como dixo Ricardo, alí cheirábase cambio, espero que dentro de 30 días esa ilusión sexa aínda maior e que podamos celebrar a victoria electoral. Algo estase a mover en Fene.
Grazas tamén a Blas, por todo ;-)
Primeira cola e primeiros carteis

Onte non orballou e, por fin, puidemos saír a facer a primeira pegada desta precampaña. Se che gustan as eleccións, botas de menos sempre a cola, os carteis e as saídas nocturnas cos compañeiros para percorrer todo o concello nun par de horas.
Saímos da sede ás doce da noite e voltamos sobre as dúas da mañá; polo medio moitas risas, moitas anécdotas lembradas e algunhas discrepancias sobre os lugares onde pegar entre os defensores de ir “á feito” e os máis selectivos. Ó chegar á sede, como sempre, tomamos unha Coca-Cola comentamos algúns dos episodios máis divertidos e marchamos a durmir.
Hoxe amenceu Fene cos primeiros carteis electorais pegados; queda un mes xusto para o Día D e a campaña xa saltou á rúa. Dende hoxe ata daquela, moito traballo e moitas risas, espero ;-)
A tope co traballo electoral

Teño que pedirvos desculpas por ter algo abandoado o blog estes días, pero é que o traballo electoral vai cada día a máis. Moito que facer, pero tamén cada día máis divertido. Xa chegamos a esa fase na que a sede é un fantástico barullo de compañeiros entrando e saíndo, traballando en mil cousas dende primeira hora da mañá ata ben entrada a noite. Risas, berros, bromas e moita ilusión é o que se respira no noso local.
Son case as 12 da noite. Tiñamos previsto saír a pegar carteis para o acto de presentación da candidatura (este venres ás 20:00 na Casa da Cultura) pero o orballo fastidiounos o plan. Así que, logo de tomar unha de raxo e outra de chipiróns no Roibén, volvemos para a sede e estamos dándolle á divertida tarefa de mollar e arrincar dos paneis de madeira os carteis das últimas eleccións, os das autonómicas, para volver nuns días a pegar os novos carteis que colgaremos nas farolas de todo Fene. Na imaxe podedes ver a Carlos, a Jose e a Gabi; non sae, pero tamén anda por aí, Antón, o Secretario Xeral, organizando todo o cotarro.
Teño unha amiga, Silvia, que di que para ser militante dun partido hai que ser algo friki. Ás veces penso que ten algo de razón, porque é difícil definir doutro xeito a alguén que a estas horas, en lugar de estar na cama ou vendo a tele, está na sede raspando carteis, pero o certo é que se pasa moi ben. Vou botar unha man. Ata mañá!
Sebastián comunícase con Gallardón polo Youtube
Atopei hoxe na web de Miguel Sebastián, candidato do PSOE á Alcaldía de Madrid, un recurso propagandístico novidoso, tanto no soporte, o youtube (aínda que xa cada vez menos) como na forma, unha especie de guión de vídeo caseiro no que o candidato de xeito totalmente informal se dirixe directamente ó contrincante, neste caso Alberto Ruíz Gallardón.
Ven moi ó pelo dun comentario que deixou ZERO VACAS no post anterior sobre Manda-Ti, co que estou basicamente de acordo. Aínda así, supoño que por non empregado ata agora na política deste país, o estilo do vídeo de Sebastián non me acaba de enganchar, paréceme demasiado agresivo, algo que ás veces funciona se vai acompañado da dose oportuna de humor, pero creo que non é o caso. Creo que non farei o mesmo co Alcalde de Fene ;-)
Superheroe
Nos últimos días este blog estivo sometido a alta tensión electoral, máis dende logo da que me gusta, así que para distensar, recargar as pilas e para relaxar o espírito de precampaña déixovos o vídeo do mítico “Superherooooooeeeeee…” de Blood Filloas, o grupo fenés que uniu a milleiros de galegos da primeira xeración Xabarín.
Atopei o vídeo buscando páxinas para completar a Fenesfera, a nova sección deste blog na que irei recompilando, coa vosa axuda, todas aquelas páxinas que garden calquera tipo de relación con Fene.
Domingo electoral

Nótase que as eleccións están cada vez máis cerca en que, por exemplo, case non lembro a última fin de semana na que non tivésemos polo menos un acto público. Hoxe comecei literalmente o día con Nacho, chamoume cedo ó móbil para que o acompañase ó Hotel Eumesa; ás 12:00 presentábamos alí a candidatura do PSdeG-PSOE na vila, encabezada por Agustín Vilariño, e quería comprobar que todo estaba en orde.
Os Albertos, como lle chama Blas ós compañeiros (feneses, por certo) encargardos da luz e do son de tódolos actos do PSdeG, daban os últimos retoques, mentres Nacho, Bernardo e máis eu pechábamos flecos do protocolo e do programa do acto. Ó final, un éxito, con mención destacada para o vídeo que Nacho fixo da candidatura, vídeo ó que se entregou durante toda esta semana sen descanso e que a piques estivo de provocar que Lidia, con razón como sempre, decidise separarse xa antes incluso de casar con el.
A tarde paseina con Xaime e con Marta en Cabanas. No piñeiral da praia fixemos a foto para o cartel de precampaña de Koke, María José Cabana, a candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía, elixida polos militantes da súa Agrupación esta mesma semana. Apetecíame facer esta foto, porque Koke, ademais de amiga, é unha muller loitadora e de principios que se merece todo o bo que lle pase na vida e na política; espero vela moi pronto de Alcaldesa.
Como podedes ver na imaxe deste artigo, na sesión fotográfica estivo tamén Xaimiño, o neno de Xaime, que ten que ir aprendendo o oficio e que luceu entre os turistas as novas gafiñas de sol que lle mercaron os seus país. Que enchido me sentía con el no colo mentres paseábamos polo piñeiral!
Acabamos o día en Redes (Ares), nunha ventá da casa dos pais de Nacho e Marta, na que Xaime me fotografiou para compoñer unha das imaxes máis orixinais da campaña do PSdeG en Fene, que poderedes ver nunhas semanas.
O vindeiro domingo estaremos en Madrid, na Festa Mitin que o PSOE organiza na Praza de Touros de Vistalegre para celebrar os 128 anos do noso partido. Como dixo hoxe Agustín Vilariño, os primeiros afectados da nosa decisión de participar na política son as nosas parellas e a nosa familia; a verdade é que moito nos aturan!
“Virgen santa, Virgen pura, haz que apruebe esta asignatura…” (ou que gañe as eleccións)

Cando vin a foto de campaña do Alcalde de Fene, veume á mente algo que lle vía escribir nas libretas a algúns compañeiros de clase durante os meus anos de EGB: “Virgen Santa, Virgen Pura, haz que apruebe esta asignatura y con la ayuda de Santo Tomás, haz que apruebe todas las demás”. Era o último intento, a última esperanza, de poder superar o exame dunha materia que se presentaba realmente complicada.
Non descubro nada novo se vos digo que o BNG de Fene leva anos usando de xeito partidista e electoralista a situación de ASTANO. É elección tras elección case o único argumento que Rivera Arnoso esgrime contra o PSOE, pero o tempo pasa, os socialistas de Fene non comemos nenos nin temos rabo e os medos que se pretenden estender non callan entre os veciños.
Chegados a este punto a pregunta que me fago é ¿Está o BNG tan asustado polo resultado electoral que o cravo ardendo, a última esperanza, que atopan ós que aferrarse é fotografíar ó Alcalde coas instalacións de ASTANO de fondo? Fixádevos como a ponte grúa enmarca a cabeza do candidato; non é moi estético dende logo.
A normalide política de Porqueira

Hoxe, na tertulia de Radio Líder - Punto Radio, dicía que estaba satisfeito de que por fin os medios de comunicación, concretamente La Voz de Galicia, sacase á luz un escándalo que se repite antes de cada convocatoria de eleccións municipais, os extraños movementos no censo electoral que teñen como resultado altas masivas en concellos de pouca poboación e xeralmente gobernados polo Partido Popular. Práctica que en sitios como Ares lle teñen valido a este partido para conservar a súa maioría absoluta en 2003.
Hoxe La Voz segue afondando no tema e publica unha surrealista entrevista con Susana Vázquez, Alcaldesa de Porqueira, tránsfuga e candidata do PP nesta vila:
-¿Pero eso le parece ético?
-Entiendo que haya gente que lo considere inaceptable, pero yo no lo veo así. Yo quiero que mi pueblo crezca, es algo positivo.-Pero, es una trampa.
-Siempre pasa. Es algo normal antes de las elecciones.-Pero en muchos casos los nuevos censados, luego se van.
-Sí. Es cierto. A mí me preocupa cada vez que alguien se da de baja en el censo. Pero después de las elecciones es normal. En todo caso, los nuevos censados en A Porqueira tienen vinculación con el pueblo. Pasan aquí fines de semana, vacaciones o tienen familia.
E o di tan pancha! Hai días que un non pode máis que alucinar con isto da política.
