Pelotón Socialista polo Patrimonio da Humanidade

Tódolos cidadáns e tódolos representantes políticos da comarca estábamos convocados hoxe pola mañá por Radio Voz Ferrol (105.4 da FM) para participar na Marcha Ciclista en Apoio da Candidatura de Ferrol a ser declarado Patrimonio da Humanidade. Foi un trazado bastante sinxelo polo centro da cidade; moitísimos cidadáns e bastantes políticos participamos nesta xornada que foi realmente divertida, unhas horas das máis amenas e relaxantes das que teñamos pasado últimamente que, a min polo menos, me serviron para desconectar algo da frenética actividade electoral destes días.
Quédome sen dúbida co tramo que fixemos por dentro do Arsenal, un recinto descoñecido para a inmensa maioría dos ferroláns e ubicado na zona máis privilexiada da cidade, toda a franxa costeira. Foi unha delicia ver o outro lado do muro, descubrir o impresionante patrimonio que temos agochado e facelo, aínda por riba, pedaleando ó lado de Alberto, arqueólogo e candidato do PSdeG en Valdoviño, que nos ía explicando a historia do Arsenal, e de Vicente Irisarri, que nos contaba entusiasmado un dos proxectos estrela da súa candidatura á Alcaldía de Ferrol, o bulevar que quere facer en parte da zona hoxe ocupada por Defensa.
Seguro que mañá máis de un dos políticos terá maniotas, porque a algúns ben se lles notaba que non collían a bici dende hai tempo, pero a causa terá merecido a pena. A declaración de Ferrol como Patrimonio da Humanidade, a posta en valor de toda a súa riqueza, pode ser xusto o que necesitemos, primeiro para que nós mesmos valoremos moito máis a cidade que temos e logo para que os de fóra borren a imaxe xeralmente gris e negativa que teñen dela.
Ó final da marcha, os candidatos socialistas fixemos foto de familia, perfectamente uniformados coa camiseta de Radio Voz. De esquerda a dereita: Santos (As Somozas), Alberto (Valdoviño), Valentín (As Pontes), eu (Fene), Irisarri (Ferrol), Julián (Secretario Xeral de XSG Ferrol) e Juan (Mugardos).
Non hai comentarios pero ainda estás a tempo
Deixa unha resposta

