ivanpuentes.com

Xuntanza de Palilleiras en San Valentín

XII Xuntanza de Palilleiras de Ferrolterra

O Centro de Promoción Social de San Valentín (Fene) organizou este sábado a XII Xuntanza de Palilleiras de Ferrolterra, que como tódolos anos, foi un éxito. Non teño nin idea de bolillos, pero entre Amalia (a 5 da nosa candidatura), Héctor (un rapaz fantástico do CPS co que botei onte unhas cantas risas e que, por certo, é candidato polo BNG) e a muller que aparece na imaxe explicáronme algo desa arte que, como me dicía unha das palilleiras, é moi fermosa, pero moi moi lenta.

Ó final tocoume entregar o premio ó grupo de palilleiras máis afastado de Fene; dinllo a unhas mulleres que viñan desde Guadalajara. Estaban tan contentas que ata se quixeron facer unha foto con nós para levarlla de recordo á súa profesora de bolillos.

Á marxe do motivo central da xuntanza, co que máis satisfeito me quedo é coa constatación, unha vez máis, de como o traballo organizado dunha sociedade como o CPS é capaz de xuntar e de unir a toda unha parroquia na organización dun evento coma este. Iso é o que lle da vida e sentido ás entidades sociais e o que nos demostra que, pese ó que algúns nos digan, o movemento asociativo non está nin moito menos morto, aínda que é certo que podería estar mellor.

Non hai comentarios pero ainda estás a tempo

Deixa unha resposta