Anotacións arquivadas do mes de Maio de 2007
Arte Electoral

Quería dende hai días deixarvos unha imaxe como esta. Dende que empezou a campaña vin xa carteis de tódolos candidatos “retocados” a man por artistas urbanos, varios meus tamén, claro, e sempre reaccionamos igual, substituíndoos por un novo no que aparezamos impolutos, tal e como nos deixou o estudo fotográfico.
Este que vos ensino está no adro da Igrexa de Perlío, moi preto da miña casa, e gustoume especialmente, resultoume simpático; puxéronme o pelo que xa me empeza a faltar, unhas gafas de sol parecidas ás que uso para conducir e unhas boas cellas. Nun retoque posterior, non sei se a mesma persoa, engadiu un prominente bigote verde.
Onte á noite repuxemos os carteis que hai ó seu redor, pero este deixámolo e, polo que a min atingue, quedará así ata o remate da campaña, como mostra da arte plástica que florece estes días polas rúas de Fene ó abeiro da cartelería electoral.
Grazas ó artista anónimo por mellorar a foto do cartel e grazas pola mensaxe de ánimo que nos deixa no lateral ;-)
A discriminación das mulleres fenesas
Onte organizamos un acto no Parque do Río Cádavo, no que Lola Villarino, Presidenta do Parlamento, as mulleres da nosa candidatura e eu mesmo presentamos o apartado de muller do programa electoral para estas eleccións municipais.
Simplemente, quero deixar neste blog uns poucos datos sobre a realidade das mulleres fenesas, tan discriminadas como as do resto do país: o 51´3% dos habitantes de Fene son mulleres, sen embargo, a súa taxa de ocupación é a metade da dos homes e a taxa de desemprego, o dobre. Un dos datos máis graves é que as mulleres de aquí que desempeñan traballos cualificados son só o 7`5%, fronte ó 92´5% dos homes, pese a que temos máis mulleres que homes con titulación universitaria.
Creo que unha realidade tan grave, que afecta a máis da metade da nosa poaboación, é argumento suficiente como para crear unha concellería da muller, que se encargue exclusivamente de facer real a igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes de Fene.
Arrancamos!
Hoxe é o primeiro día oficial de campaña electoral; día marcado a estas horas polo cansazo e os ollos fatigados. Onte á noite organizamos a tradicional pegada de carteis, aínda que o primeiro deles non se pegou, voou, como podedes ver na fotografía que nos sacou Xaime. Botamos tamén fogos artificiais para celebrar a chegada destes quince días que, de seguro, nos han conducir ó cambio político en Fene. Logo si que tivemos pegada clásica, con basoira, cola e buzo, por todo o concello. Acabamos ás 4:00 da mañá.
Hoxe ás 12:00 tódolos candidatos vémonos de novo as caras en Radio Fene, para debater durante unha hora sobre os nosos programas e as nosas ideas para este concello. Vou tomar un café, acabar de espertar e repasar os últimos apuntes para a radio.
E ti… Quen ves sendo?

Esta é a pregunta que se fan nestes días moitos veciños cando revisan as candidaturas dos diferentes partidos, que xa empezan a chegar ás casas. É tamén o título dunha columna diaria que a edición ferrolá de La Voz de Galicia adica dende hai unhas semanas a presentar en primeira persoa ós candidatos/as dos diferentes concellos de Ferrolterra e a outros persoeiros: ¿Quién vengo siendo?.
Hoxe tocoume a min explicar “quen veño sendo”:
¿Quién soy? Vou facer 28 anos, e nacín, estudei e vivín sempre en Fene, salvo os catro anos que estudei Publicidade e Relacións Públicas en Pontevedra. De neno soñaba con ser maquinista de Renfe, pero xa desde os 12 anos tiven claro que de maior quería ser xornalista. Por diferentes motivos, aos 18 acabei matriculándome en Publicidade e os dous últimos cursos compaxinei os estudos co meu traballo na TVG; alí estiven catro anos como redactor das canles internacionais. Despois decidín cambiar de aires e empecei a traballar na Administración Pública, algo que compaxinei ata agora co meu labor como membro da Secretaría de Organización do PSdeG-PSOE. No meu tempo libre gústame pasear pola comarca, ir ao cine, ler ou charlar cos meus amigos; falar é un dos meus deportes favoritos. O que máis me gusta é viaxar, descubrir sempre sitios e persoas diferentes.
¿Por qué estoy en política? Cando presentei a miña candidatura para estas eleccións, a secretaria xeral de Xuventudes dixo na súa intervención que eu tiña un soño, cambiar o mundo. Esa utopía pesou moito cando, hai dez anos, decidín afiliarme ao PSOE. Penso que só é posible cambiar o mundo transformando o que tes máis cerca, por iso son concelleiro desde hai catro anos, e por iso espero ser alcalde.
Son unhas entrevistas moi persoais e moi desenfadadas que dan outra visión e outras claves sobre os candidatos. Descubrín cousas moi interesantes lendo algunha.
Repaso de Gabilondo a Aznar
Quería escribir algo sobre as patéticas declaracións de Aznar sobre o alcohol e as campañas de tráfico, pero hoxe envioume Dario, un amigo e compañeiro de traballo, a apertura de Noticias Cuatro do día de autos; todo o que diga soará ridículo ó lado do pedazo repaso que Gabilondo lle da ó chulito de Aznar. Mirádeo!
O Equipo
Déixovos un dos vídeos que pasamos durante o acto deste venres, precisamente o que elaboramos para presentar á candidatura. Son un equipo de xente extraordinaria, cunhas ganas de traballar enormes; non me deixan de sorprender día a día.
Teño que dicir que o vídeo é obra de Xaime. Como sempre, pedímoslle o material para xa e a última hora; o pobre foi algún día a traballar case de reenganche. Graciñas por todo, rapaz!
Primeiro Orballo de Maio
Ademais dos maios de Canido, o Primeiro de Maio é a xornada que nos trae manifestacións de traballadores/as de todo o mundo, defendendo a liberdade, a igualdade e os dereitos sociais para todos e todas.
Salvo algún ano que andaba por fóra, sempre empezo este día coa UGT de Ferrol e os compañeiros/as do PSdeG de toda a comarca. Primeiro, ofrenda floral ó fundador de ámbalas dúas organizacións, Pablo Iglesias, no monolito do Cantón de Molíns. Logo, manifestación con CC.OO. dende o Inferniño ata a Praza de Armas.
Ademais da choiva e o frío, o negativo deste ano, como noutros, foi a falta de unidade sindical. Por unha banda, UGT, CC.OO., PSdeG-PSOE, IU e varios colectivos máis, por outra, a CIG. Á marxe das nosas diferencias, esta debería ser unha xornada reivindicativa na que todos xuntos nos puidésemos manifestar reclamando máis dereitos para os traballadores e traballadoras de todo o mundo, porque niso estaremos de acordo, digo eu.
Os acordes da Internacional, que inundaron a Praza de Armas máis que a choiva, lembráronos de novo que outro mundo é posible e que, sobre todo, debemos traballar día a día por el. Hoxe celebramos, ademais, que temos un emprego de máis calidade e máis estable, aínda que quede moito por facer.
Francia esquece ata o maio do 68

Sarkozy promete enterrar Mayo del 68: “Prometo introducir la moral en la política. Sí, la moral, una palabra que no me da miedo. La moral, algo que después de mayo de 1968 no se podía hablar (…). Los herederos de Mayo del 68 habían impuesto la idea de que todo vale, que no hay ninguna diferencia entre el bien y el mal, entre lo cierto y lo falso, entre lo bello y lo feo; habían intentado hacer creer que el alumno vale tanto como el maestro (…), que la víctima cuenta menos que el delincuente (…), que no podía existir ninguna jerarquía de valores (…), que se había acabado la autoridad, la cortesía, el respeto; que no había nada grande, nada sagrado, nada admirable; ninguna regla, ninguna norma, que nada estaba prohibido”.
Non entendo como o país da Revolución, da V República e do mes de maio no que a utopía se fixo realidade (en parte), o exemplo para min a seguir de estado do benestar, de conciencia social, de democracia e de participación cidadá pode facer presidente a un tipo como Sarkozy. Aínda confío no milagre de Ségolène Royal.

