ivanpuentes.com

E ti… Quen ves sendo?

Foto: Rafael Estévez. La Voz de Galicia.

Esta é a pregunta que se fan nestes días moitos veciños cando revisan as candidaturas dos diferentes partidos, que xa empezan a chegar ás casas. É tamén o título dunha columna diaria que a edición ferrolá de La Voz de Galicia adica dende hai unhas semanas a presentar en primeira persoa ós candidatos/as dos diferentes concellos de Ferrolterra e a outros persoeiros: ¿Quién vengo siendo?.

Hoxe tocoume a min explicar “quen veño sendo”:

¿Quién soy? Vou facer 28 anos, e nacín, estudei e vivín sempre en Fene, salvo os catro anos que estudei Publicidade e Relacións Públicas en Pontevedra. De neno soñaba con ser maquinista de Renfe, pero xa desde os 12 anos tiven claro que de maior quería ser xornalista. Por diferentes motivos, aos 18 acabei matriculándome en Publicidade e os dous últimos cursos compaxinei os estudos co meu traballo na TVG; alí estiven catro anos como redactor das canles internacionais. Despois decidín cambiar de aires e empecei a traballar na Administración Pública, algo que compaxinei ata agora co meu labor como membro da Secretaría de Organización do PSdeG-PSOE. No meu tempo libre gústame pasear pola comarca, ir ao cine, ler ou charlar cos meus amigos; falar é un dos meus deportes favoritos. O que máis me gusta é viaxar, descubrir sempre sitios e persoas diferentes.

¿Por qué estoy en política? Cando presentei a miña candidatura para estas eleccións, a secretaria xeral de Xuventudes dixo na súa intervención que eu tiña un soño, cambiar o mundo. Esa utopía pesou moito cando, hai dez anos, decidín afiliarme ao PSOE. Penso que só é posible cambiar o mundo transformando o que tes máis cerca, por iso son concelleiro desde hai catro anos, e por iso espero ser alcalde. 

Son unhas entrevistas moi persoais e moi desenfadadas que dan outra visión e outras claves sobre os candidatos. Descubrín cousas moi interesantes lendo algunha.

2 comentarios

  1. Azu | 15 de Maio de 2007 - 12:21 pm

    Nunca olvides esa utopía que será o verdadeiro motor do cambio, da transformación e da mellora. Fene terá entón unha gran persoa como alcalde.

  2. ivan | 15 de Maio de 2007 - 10:56 pm

    Grazas por quererme tanto, Azu, xa sabes que es correspondida ;-)

Deixa unha resposta