Anotacións arquivadas do mes de June de 2007
O novo goberno de Fene
Expresións de entusiasmo e ánimo, xunto con “porqués” incrédulos, combinánse esta semana dende que o PSdeG-PSOE e o BNG asinamos o acordo para gobernar Fene os próximos catro anos. Seguro que tanto a uns como a outros nos gustaría ter gobernado en solitario, pero os veciños/as decidiron co seu voto que non houbese maiorías absolutas e que, polo tanto, tivese que haber necesariamente pactos.
O PSOE, como forza máis votada, pode formar goberno co PP, algo que ideoloxicamente non é asumible para min e creo que para ninguén de esquerdas, ou co BNG. As razóns polas que entendo que este acordo co Bloque é positivo son:
- Permitirá cumprir o compromiso de cambiar Fene, xa que o pacto inclúe un Programa de Goberno no que se recollen todas aquelas medidas que os socialistas comprometemos na campaña electoral.
- Creo que o máis importante para cambiar as políticas son as persoas, máis que as siglas: dos 5 concelleiros do BNG só 1 ven da anterior etapa e dos 7 do PSOE só 2 estivemos na ultima corporación. É dicir, á marxe das siglas, o novo goberno de Fene inicia de verdade unha nova etapa no concello.
- Poderíase optar polo goberno en minoría e os pactos co BNG dende a oposición, pero un goberno de coalición é sempre máis forte e máis estable, é dicir, investirá máis tempo e recursos en traballar e solucionar problemas dos veciños que en dilatar discusións estériles semanas ou días para aprobar calquer asunto por mínimo que sexa.
- O PSOE e o BNG son as dúas formacións políticas máis votadas en Fene; representan a case un 65% dos veciños/as e suman 12 dos 17 escanos do Concello.
Presenteime ás eleccións convencido de que había que cambiar Fene e creo que esta é a mellor vía para facelo, por iso decidimos compartir o goberno. Non vos minto, ademais, se vos digo que estou entusiasmado con este novo equipo, tanto cos concelleiros/as socialistas como cos nacionalistas; creo de verdade que seremos un só goberno e que, sobre todo, seremos quen de traballar a tope para transformar este concello.
Un último dato: hoxe constituímos a Xunta de Goberno Local, a cabeza do goberno, formada polo Alcalde e os catro Tenentes de Alcalde; o maior dos seus membros ten só 39 anos e a media de idade deste órgano é de 33 anos. Máis renovación e máis mocidade é case imposible; gústame!
600 sinaturas por hora

Este sábado pola tarde celebraremos en Fene a clausura das escolas de natación cunha festa acuática na Piscina de Centieiras. Hoxe tocoume asinar os 600 diplomas que prepararon os traballadores/as de Cultura e Deportes para entregarlle ós participantes; algún que pasou pola Alcaldía non foi quen de resistirse á tentación de retratarme co “tocho” de títulos diante.
Fin de semana activo
Tiña unhas ganas especiais de que chegara esta fin de semana para desconectar algo; a axenda mesturaba ocio e política, era apretada, pero atraínte. Empecei o venres co concerto de Maná no Monte do Gozo; sábado tocou luminaria na Asociación de Veciños de Perlío e logo festa de San Xoán en Oleiros, na casa duns primos de Marta e Nacho; hoxe subín a primeira hora da mañá con Xaime á Capelada para ver a rapa das bestas, onde a pé de curro atopei a Vergara, o novo Alcalde de Cedeira, co que tiven unha interesante e amable charla e pensei, como sempre que o vexo, que falta está a política de persoas tan íntegras e capacitadas como el!
Rematei o día clausurando o Campionato de España de Automodelismo, que se celebrou durante esta fin de semana en Fene. Aprendín que o que a simple vista parece un xogo de rapaces move a moita xente e moitos cartos. Compiten coas normas da FIA, “como Fernando Alonso”, dicíanme; cada participante dos que viñeron, case todos de fóra de Galicia, traía máis de 6.000 euros en material (coche, repostos, combustible…) había boxes, punto de verificación, repostaxe contrareloxo… Noraboa a toda a organización por traer este evento ó noso concello!
Ademais da festa de Oleiros, que supuxo un xeito totalmente diferente, pero moi divertido, de celebrar o San Xoán, o mellor foi o concertazo de Maná. Daniel, o técnico de cultura do Concello, cando lle contei que mercara entradas, chamoume hortera, pero non me defraudaron. Tocaron as novas, como Manda una Señal, e clásicos como Clavado en un Bar, que fixo viaxar a miña mente ata os 16 anos, cando no Odeón de Pontedeume vivía con esta letra os meus primeiros encontros coa noite. Impresionantes as 30.000 persoas no auditorio Monte do Gozo!
Un concello de verdade
Hoxe fai unha semana que prometín o meu cargo como Alcalde de Fene e xa comprobei o que sabía, Fene é un concello de verdade. Lonxe do que significa ser concelleiro en calquera das grandes cidades, máis semellante á pomposa política autonómica ou estatal, nas vilas e pobos o ritmo é frenético, un ten que ser como a Santísima Trinidade, político, funcionario e veciño nun só corpo.
Iso é o que máis consume, teño bastante máis cansanzo e uns cantos kilos menos que hai sete días, pero tamén é o máis gratificante, resolves problemas constantemente e estás en contacto directo coa xente, non te aíllas da sociedade nin perdes a noción real do mundo, algo que pasa moi acotío noutras esferas da política e que me parece nefasto.
Na imaxe deste post podedes ver o que facía 10 minutos antes de que dese comezo a sesión de investidura, nin repasar a miña intervención, nin consellos de última hora dos máis sabios do Partido, uniformado cos guantes dunha das limpadoras do concello (que hoxe descubrirá quen llos ensuciou) e sacando co Aladín que me trouxo Pili, a Secretaria Accidental, a ferruxe que acumulaba a prata do bastón de mando logo de 28 anos sen traspaso de poderes en Fene, sen ser usado polo tanto. Éche así; afortunadamente!
Rumoroloxía

Lembro bastante estes días as clases de Teoría da Información que o doutor Fernández Areal nos impartía en primeiro de carreira. A súa teima era que distinguísemos perfectamente entre a información (veraz e obxectiva) e os demais tipos de comunicación; para elo non paraba de repetir: “los hechos son sagrados y las opiniones libres. Scott, 1921.”
É incrible a rapidez e efectividade coa que o rumor, “un subtipo de comunicación”, diríanos Areal, se abre paso á calor dun proceso electoral. Chega a ser divertido. Dende o día das eleccións ata hoxe xa escoitei de todo, dende que non vou ser Alcalde porque aínda non rematei a carreira e entón vou marchar dous anos para Santiago a rematala, deixando na Alcaldía ó candidato do BNG, ata que está a piques de saírme unha causa xudicial pendente que me obligará a pasar tres anos no cárcere, quedando como Alcalde o candidato do PP.
Cando ven alguén e me conta estas cousas que oe nun bar, na farmacia, no super… alucino; sempre penso en quen e como será a primeira persoa que o di e en como se iría deformando o chisme ó pasar dun a outro. Parece que o rumor si que é unha potente arma de propaganda electoral.
Actualizado ás 12:33 do 08/06/2007:
O culebrón vaise complicando. Máis dunha semana despois da xornada electoral aínda seguen aparecendo novas teorías que tentan explicar, á marxe de criterios puramente racionais e políticos, o resultado das urnas. A última é moi boa: o PSOE legalizou en España os matrimonios homosexuais, colectivo ó que disque pertenzo -a próxima vez, por favor, que me fagan bisexual; seguro que á miña moza lle parece mellor- e por este motivo tódolos gays de Fene nos votaron en masa, provocando a victoria “inesperada” do PSOE.
Tendo en conta que tivemos 2.878 votos, o único que podo pensar é ¡Menudo armario que hai neste pobo! Por certo, aproveito para saúdar, como protagonistas involuntarios desta teoría, a tódolos gays, lesbianas, bisexuais e transexuais de Fene; teremos que traballar moito nestes catro anos dende o concello para extender e facer plenamente efectivos os seus dereitos como cidadáns/ás.



