ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de July de 2007

Canto deben cobrar os políticos?

"Ves, son todos iguais, o primeiro que fan, antes de nada, cando chegan ó goberno e poñerse o seu soldo!" Creo que esta é a frase máis repetida despois de cada elección municipal. Habería que matizala. É certo que no primeiro pleno que se celebra logo das eleccións se fixan os salarios, pero non porque sexamos todos iguais, senón porque a lei ordena facelo así.

A mala imaxe que hai en xeral da política fai que este tema sexa un dos máis susceptibles de demagoxia barata, xa que, cobren o que cobren os políticos, sempre se dirá que cobran demasiado. Eu son dos que penso que, en xeral, os políticos non están ben pagados (ollo, tampouco mal) para a importante e esgotadora labor que desempeñan; de feito, o salario habitual de calquera deles non ten comparación co salario que percibe calquera traballador da empresa privada con igual ou incluso menor responsabilidade e seguro que con moita menor xornada laboral.

Como cada inicio de lexislatura sempre vemos o mesmo, alcaldes criticados, "escarniados" case, polo salario que fixan ou oposicións que saldan as súas diferenzas políticas co goberno deixando sen soldo ó Alcalde, todo elo combinado con moita moita demagoxia, teño que dicir que estou a favor de que os salarios dos alcaldes/as e dos concelleiros/as se fixen por lei. Así evitaremos os escándalos por exceso ou por defecto e garantiremos que todos os que o desexen, ricos ou non, se podan adicar á política dun xeito digno. Creo que a todos nos beneficia que a política non sexa un clube exclusivo dos máis acaudalados, dos que se podan adicar a ela sen cobrar, e que os políticos se adiquen de xeito pleno ó noso pobo, a gobernarnos, a mellorar a nosa calidade de vida.

Por certo, en Fene, en aras dunha maior transparencia, ademais de no BOP, que ninguén le, publicamos na web do Concello os salarios dos políticos, que este ano, pese a ser inferiores ós de concellos de igual categoría, non subimos nin un céntimo debido á mala situación económica. Non hai ningunha dedicación parcial e, de 12 concelleiros que hai no goberno, só dous teñen dediación exclusiva, eu como Alcalde (2.400 € ó mes) e a Concelleira de Servizos (1.600 € ó mes). Salarios decentes, si, pero nada espectacular; como ocorre na maioría de concellos.

Fene no “cuponsito”

Á miña vea friki gustaríalle ver a Carmen Sevilla presentando no Telecupón o "cuponsito" coa imaxe de Fene. En calquera caso onte compartín rolda de prensa con Carlos Fernández Lamigueiro, director da ONCE en Ferrol, para  dar a coñecer o cupón de hoxe, que saiu á rúa coa imaxe da Casa do Concello de Fene, obra do xenial Alberto Campo Baeza.

A ONCE distribuiu por toda España 5.700.000 cupóns coa imaxe de Fene; imaxinade o que supón iso como campaña de promoción. Estou convencido de que Fene pode ter o seu espacio no sector do ocio e do turismo e por iso valoro especialmente a iniciativa da ONCE, que, como dixo Lamigueiro, responde ó desexo de dar a coñecer un concello que non só é un lugar de paso.

De non telo xa, non sei se estaredes a tempo de mercalo, porque onte en Fene xa estaba agotado (eu atopeino nun bar de Pontedeume) e hoxe di o xornal que xa non queda en ningún concello da comarca. En calquera caso, espero que toque, pero que toque unha boa cantidade para non vernos na tesitura que me contaba o outra día unha muller que mercou un cupón coa imaxe do seu municipio, cupón que foi premiado cunha pequena cantidade, polo que a muller estivo varios días debaténdose entre cobrar o premio e desfacerse do boleto ou conservar este e renunciar ós cartos. Ó final quedouse co cupón.

Moita sorte a todos e todas e, se non vos toca, gardade o cupón, que seguro que nuns anos terá un certo valor como peza de colección, polo menos para ilustrar os libros da historia de Fene ;-)

Que secuestren este blog!

A miña condición de republicano, pero sobre todo a miña condición de demócrata, fai que considere a tódolos homes e mulleres iguais en dereitos e deberes, por iso non entendo que 30 anos despois da restauración da democracia en España a ultraxe á Coroa continúe sendo un delito. Liberdade, Igualdade e Solidariedade!

Ecos do pasado

Tremendamente defraudado, así saín onte á noite da Praza do Obradoiro. Fora ilusionado, supoño que por cuestión xeracional, máis por Sabina que por Serrat, pero en todo caso coa esperanza de desfrutar dun bo concerto escoitando a dous dos poetas máis comprometidos e xeniais do noso país, pero marchei coa sensación de que esa imaxe non é máis que un eco do pasado.

Puiden escoitar seis cancións antes de que Sabina e Serrat nos deixaran tirados e marcharan de novo ós seus cómodos aposentos do Hostal dos Reis Católicos. O problema non foi que a xente marchara, ó contrario, seguíamos a bailar baixo a choiva, que tampouco era para tanto, o problema foi que, pese ó orballo de todo o día e ás predicións que pronosticaban este tempo dende había unha semana, o escenario estaba descuberto e os instrumentos e as voces se mollaban. Hai que ser moi inxenuo para non pensar mal!

Se a isto lle sumamos que, durante os algo máis de 30 minutos que cantaron, un e outro non pararon de facer supostas gracias co acento dos galegos, repetindo ata a fartura os tópicos asociados ó noso pobo, comprenderedes que prefira seguir escoitando a Sabina en CD e a Serrat nalgunha gala veraniega que pille facendo zaping unha noite aburrida de televisión. Xa poden repetir o concerto, que eu non me tomarei a molestia de volver a Santiago para velos.

Xuntanza cos Barallobre

Foto: La Voz de Galicia. César Toimil.

Onte pasei o día en Barallobre, recibindo e ensinando esta parroquia ás máis de 70 persoas que se achegaron a Fene para compartir xuntanza con homes e mulleres de todo o mundo que levan este raro topónimo no seu apelido.

Mentres camiñábamos da Igrexa á Casa da Maleta fun charlando cunha Barallobre do Puerto de Santa María e cun Barallobre de Madrid, que estaban asombrados coa beleza de Fene. Mentres eles camiñaban coa boca aberta admirando a espectacular vista da Ría dende o Souto Grande, as hortensias, as silvas ou a herba verde, pensei nos centos de conversas con xente de aquí sobre se Fene é bonito ou non e pensei que non estaba tan equivocado tódalas veces que dixen crer no potencial turístico do noso concello.

Tres dos Barallobre de fóra de Galicia marcharon pregándome que lles facilitase información sobre casas á venda en Fene, porque estaban decididos a volver regularmente para pasar tempadas máis longas no noso concello.

Sempre o crin, pero hoxe estou máis convencido de que traballando ben podemos lograr que o turismo sexa unha boa fonte de ingresos e emprego para Fene. Simplemente, como noutras cousas, temos que crer na nosa capacidade e iniciativa.

Nacho e Lidia

Nacho e Lidia en Caldas

Cando fixen esta foto, na Festa dos Socialistas Galegos de 2005, acababa de coñecer a Nacho e a Lidia, pode incluso que ese fora o primeiro día no que vin a Lidia; eles seguro que xa pensaran máis de mil veces en casar, pero daquela aínda nin vivían xuntos.

En setembro esta imaxe cumprirá dous anos, só dous anos, pero hoxe non quero imaxinar a miña vida sen velos cada fin de semana, sen escapar cada ratiño libre a xunto de Nacho para compartir risas, penas, venturas e desventuras políticas, cañas, paseos… penso, incluso, en que pasei 25 anos sen saber que existía, 25 anos nos que estivemos moitas noites de sábado separados só por unhas cantas baldosas brancas do antigo Odeón de Pontedeume, sen decatarnos un do outro; ou quizais si, eu pensando quen sería aquel “chulito” de Pontedeume e el quen sería aquel “gili” de Fene que viña ó seu pobo.

Con Nacho chegou á miña vida Lidia, que xa daquela me pareceu unha rapaza impresionante e da que hoxe teño a sorte de poder dicir ademais que é a miña amiga. Nacho e Lidia casaron esta fin de semana, unha fin de semana que nos deixaron a min e a Marta compartir con eles dende que nos vestimos para ir para a Igrexa o sábado pola mañá ata a noite de hoxe (domingo). Tiven algún complexo de lapa, pero fun tremendamente feliz vivindo con eles unhas horas tan especiais; a súa invitación, o seu xesto, como diría Bunbury, caloume fondo.

Cando lin na misa a Primeira Carta do Apóstolo San Pablo ós Corintios, pronunciei a última frase, “aguanta sin límites”, mirando fixamente ós ollos de Lidia; era unha coña da que xa faláramos. Sei que non van ter que aguantar nada, simplemente porque a súa relación funciona. Por iso quero darlles a noraboa publicamente e desexarlles a maior felicidade posible; polo menos tanta como a que eles me dan a min cada día.

Gracias ;-)

Estou xordo dun pé!

Dixo o cantante do grupo que tocou na cea-mitin que organizamos os socialistas de Fene na última campaña electoral: “espero que Iván sexa moito mellor como Alcalde que como bailarín.” E é que quen me coñece sabe que o baile non é precisamente unha das miñas mellores virtudes. Eu sempre insisto, non sei bailar! Frase trala que sempre se escoita: non te preocupes, eu lévote! O problema é que tampouco sei deixarme levar, pero teño que facer o ridículo para demostralo!

Traio ó blog todo isto porque esta fin de semana un traballador do Concello, tan bo bailarín coma min, díxome, mentres poñíamos en común as nosas carencias no transcurso dunha desas situacións nas que se supón que debemos mover ritmicamente os nosos corpos ó son da música, que, como cantan Fito & Fitipaldis en “Me equivocaría otra vez“, estou xordo dun pé:

Quieres bailar conmigo
puede que te pise los pies.
[…]
Yo bailaría contigo
pero es que estoy sordo de un pie.

Pareceume moi orixinal e moi ben traída a metáfora. Espero poder curar algún día esta xordeira, ou polo menos aprender lingua de signos para ir tirando e non quedar en ridículo cada vez que alguén me saque a bailar.