Anotacións arquivadas do mes de Setembro de 2007
Os “bio”combustibles

Precisamente esta semana, no transcurso dunha xuntanza do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Ferrol, falamos de biocombustibles. Analizamos as posibilidades de negocio do Porto de Ferrol no tráfico de aceites vexetais para a fabricación de biodiésel e varios celebramos a aposta por sectores de mercado ecolóxicos que, ademais de ser un negocio puro e duro para Ferrolterra, nos permitisen avanzar algo máis na senda do desenvolvemento sostible.
Hoxe matizo o meu optimismo inicial, por algo que xa sabía, pero que a cómoda sociedade occidental te condena con frecuencia a esquecer. Leo en Público unha reportaxe magnífica na que a veterinaria española Karmele Llano denuncia o arrase literal que está a padecer a selva tropical de Indonesia, precisamente para obter aceite de palma co que fabricar biodiésel. Desaparecen árbores e todo tipo de animais e, por se fora pouco, xurde na zona un negocio paralelo, o maltrato e tráfico ilegal de primates.
Parece que o desenvolvemento sostible está bastante reñido coa economía global. Sempre que produzamos a grande escala, aínda que pareza que estamos optando por unha solución ecolóxica, estamos destruíndo e repetindo a eterna condena deste planeta, explotar e empobrecer ós países máis pobres para que os países ricos podan ser cada vez máis ricos. Isto non é sustentabilidade!
A pinza de Barreiro II
Hoxe Barreiro volve á carga. Fala dos 15.000 € que o Goberno Galego sumará á nómina dos seus funcionarios que exercesen cargos públicos ou de libre designación. Pese ó dito no artigo do outro día, hoxe apoia firmemente o plus para os traballadores da Xunta:
…puede decirse que el problema es la ignorancia: la de los que ignoran que su propio sueldo está lleno de retribuciones complementarias de escasa o nula objetividad; la de los que no saben explicar que quieren hacer lo que ya se hace en la Administración central y en la mayoría de las autonomías, y la de los que, en vez de enterarse de qué estamos hablando, prefieren hablar de los altos cargos como si perteneciesen a la banda de Alí Babá. Y es que el escándalo y la ignorancia son dos caras de una misma moneda.
Darlle 210 € para o aluguer ós rapaces e rapazas que gañan menos de 22.000 € ó ano é intolerable, condea ás mulleres a seguir maltratadas, non permitirá que melloremos a calidade do noso ensino e manterá na ruína ás viuvas do noso país; todo por culpa do caprichoso Goberno de España que se empeña en "emancipar a futuros yuppies". Agora ben, gastar 15.000 € máis na nómina de moitos dos nosos funcionarios non só non é criticable, senón que é incluso digno da máis sonora alabanza, porque, claro, eles teñen unha vida moito máis dura que a dun mozo/a mileurista. Un chisco de coherencia, por favor!
A pinza de Barreiro

Vou ter a ousadía de cuestionar á Torre Vixía, ó profesor e protagonista da historia contemporánea do noso país, a Xosé Luís Barreiro Rivas. Creo que nun dos seus habitualmente brilantes artigos en La Voz de Galicia "se le fue la pinza" moito moito. Fala Barreiro dos 210 euros mensuais que aprobou o Ministerio da Vivenda para axudar á xente moza a pagar o aluguer da súa casa:
…para darles una alegría a los jóvenes, nos dan un sablazo a los viejos o dejan que se deterioren nuestros sueldos, nuestras pensiones o los servicios imprescindibles […] Cuando hagamos las cuentas de las mujeres muertas por la violencia de género, nos van a decir que la ley es maravillosa, que somos ejemplo para el mundo, pero que faltan recursos. Pero este año no será verdad, porque antes de optar por resolver ese grave problema, se prefirió […] darles 210 euros a los jóvenes que, siendo formalmente mileuristas, viajan en un potente coche que les regaló su papá.
…un joven arquitecto de 27 años, que habla tres idiomas, viaja todos los años al extranjero y todos los fines de semana a la movida de Sanxenxo, y que está haciendo prácticas en el estudio de un tío suyo que le paga mil euros. […] hemos decidido que al joven hay que solucionarle la papeleta -¡pobriño!-, mientras obligamos a la viuda a buscarse la vida. También seguiremos hablando del deterioro de la sanidad, del imposible cumplimiento de la ley de dependencia, de la educación peor financiada de la OCDE, de la falta de seguridad en las calles y otras cosas. Pero ninguno de esos servicios sociales ha sido considerado prioritario sobre la necesidad de emancipar a futuros yuppies que en sus gastos personales no tienen como prioridad la emancipación.
Barreiro, noutros días tan lúcido, creo que dende a Torre Vixía non eres quen de ver a realidade da mocidade galega, ou tal vez si, pero ves só a realidade que te rodea, a dun mundo de clase alta aburguesada que xoga a dicir "jo tío, que rollo, soy mil eurista!", pero esa non é a vida da meirande parte dos mozos e mozas de Galicia, ós que, créme, lles entusiasmaría a idea de poder ser mileuristas e falar tres idiomas.
Unha tertuluia que promete

Chega setembro e a vida volve á normalidade invernal; sempre odiei este mes. A radio, unha das miñas paixóns profesionais, faime máis levadeiro este tempo no que xa me empeza a faltar a luz. Hoxe empecei unha nova tempada como tertuliano de Matinal Líder, o espazo que tódalas mañás conduce Javier Sánchez de Dios en Radio Líder-Punto Radio.
Os compañeiros e compañeiras de tertulia deste ano a verdade é que me inspiran dabondo, prometen mañáns ácidas e tensas, pero sobre todo animadas: a senadora Belén do Campo (PP), os profesores Carlos Pajares (PSdeG-PSOE) e Xesús Veiga Buxán (BNG) e os parlamentarios Susana López Abella (PP) e Bieito Lobeira (BNG) Dinamita pura para empezar animado a última mañá da semana laboral.
Se vos apetece escoitarnos, podedes sintonizarnos tódolos venres a partir das 9:00 e ata as 10:00 h. no 105.9 da FM en Ferrolterra e na Coruña, no 101.8 en Compostela e no 90.7 en Vigo. A ver que vos parece.
A sensibilidade do ladrillo
María (nome inventado) ten 68 anos e todo o traballo, os sacrificios e a memoria dunha vida concentrados na súa vella casa de pouco máis de 50 metros cadrados. A porta de madeira áspera, supoño que de carpintería caseira, xunto coa ferruxe que adorna o entorno son testemuña da súa escasa pensión, coa que vive e mantén en pé os curvados muros da vivenda, uns muros que repousan, por tres dos catro lados da casa, sobre altos edificios que minimizan aínda máis o pequeno espazo de María.
María non ten estudos, non entende de desenvolvemento urbanístico e vive soa. Hai días recibiu a visita dunha promotora que quere urbanizar a zona e comprar a súa casa. Ela non opuxo grande resistencia, non está para iso, simplemente pediu a cambio un apartamento no edificio que se levantará na súa parcela. A promotora non cede. Ela di que lle vale unha vivenda con menos metros que a súa, pero que o quere é un sitio no que poder vivir, non quere quedar na rúa, soa e con 68 anos. A oferta da promotora é insultante, 6 millóns de pesetas. María mantense firme e dinlle que o pense, que igual lle expropian a casa. Ela non sabe que iso non se pode facer e derrúmbase; nos últimos sete días case nun durmiu.
Hoxe, a primeira hora, María estaba na porta do meu despacho. Entre choros contoume o que lle pasaba e díxome que viña ó concello, porque xa non sabía a quen pedirlle axuda. A impresión que me causaron as súas bágoas impotentes é difícil de describir. Non me paraba de repetir que non quería quedar na rúa, que non a podían deixar así. Non soporto os abusos de poder que se cometen contra xente boa e indefensa, como María. A rabia e o mal corpo que me deixou a súa historia aínda me dura agora. Nos próximos días verémonos coa promotora a ver se somos quen de achar unha solución consensuada. Espero que si!
UPD: “un partido inequívocamente nacional, en términos españoles”

Estamos a ver como as toupas, que viviron quentiñas durante catro anos en cómodas galerías, saen á luz estes días para poñer en marcha o seu particular minuto de gloria, trazado meticulosamente nos últimos anos. Primeiro foi Rosa Díez a que anunciou, por fin, que abandonaba o PSOE para liderar o partido que apadriñaba a Plataforma Basta Ya! Soubemos logo que esa nova formación, xa inscrita oficialmente, se chama UPD, "Unidad, Progreso y Democracia", "un partido inequívocamente nacional, en términos españoles", en palabras da Rosa que xa non é socialista, e un partido que ten como única finalidade "desalojar del poder a Zapatero"; romanticismo político en estado puro!
Agora estamos na fase na que outras toupiñas seguen á Toupa Díez. Comunicou xa a súa incorporación a UPD Mikel Buesa, presidente do Foro de Ermua, ademais de candidato do PP nas pasadas eleccións e, con tensións extremas que veremos en que acaban, parece que tamén Ciutadans, aquel partido que xogou a ser progre nas autonómicas de Cataluña, acabará engrosando as filas de UPD. Pouco a pouco todos "los españoles de bien" unidos contra ZP; veremos se polo camiño co que topan non é cos febles cimentos de Rajoy en vez de cos do Presidente. De feito, a dereita, "palmera" habitual da Díez, xa se empeza a mosquear.
Haberá que esperar algunhas semanas máis para saber, entre outras cousas, se algunha toupa que anda orfa por Galicia se anima a presentar lista de UPD por algunha das nosas catro provincias. Non creo, pero…
A Cabeza de Don Manuel

Si, a cabeza do Ministro de Franco, do baño en Palomares, de la "calle es mía", das sonecas no escano do Parlamento… a cabeza na que colle o Estado parece que, pese ó evidente paso do tempo, segue a ser das máis brilantes que ten a dereita deste país.
Evidentemente nunca coincidín con Fraga ideoloxicamente, pero sempre admirei a súa capacidade política, fronte á estupidez e o analfabetismo castizo de moitos dirixentes do PP. En medio da liorta pola sucesión de Rajoy, que xa é triste que a un candidato lle pase isto a 6 meses dunhas eleccións, Don Manuel está poñendo cada día o seu grao de sentido común, dicindo o que moitos, creo eu que todos os que teñen seso, levan pensando catro anos para salvar ó PP do radicalismo suicida no que se ten instalado:
Fraga en Cabanas o 27 de agosto: "Un partido no se puede hacer con un solo hombre. Yo nunca pedí que se hiciera sólo conmigo (…) Naturalmente hace falta más de uno y hay que ir preparando las sucesiones. Eso yo lo sé bien."
Manuel Campo Vidal, Crónica Política de La Voz de Galicia: "El líder popular canario, José Manuel Soria le preguntó a don Manuel que cómo veía el momento actual de su partido. «Gallardón, querido amigo Soria, Gallardón», le respondió ante el pasmo del inquirente. Como quiera que lo atribuyó a un despiste, cometió el error de repetir la pregunta, lo que le supuso un análisis de esos que Fraga despacha en quince segundos: «Le digo que Gallardón. Los socialistas ganaron por mayoría absoluta en el 82 y tantas veces como les dejamos ocupar el centro. Tendremos que contar con gente que el electorado perciba como de centro o volveremos a perder»."
Fraga en La Razón este domingo: Yo apoyo a Rajoy, pero es evidente en esta disputa que ha surgido en torno a Gallardón que hay que ir pensando en el futuro. En dos o tres relevos, como yo he hecho siempre. Le di paso a Mancha, luego reuní aquí a cinco personas para decidir que Aznar fuese el relevo. Lo he hecho siempre. Tenía las sucesiones preparadas. ¿Por qué se me va a negar el derecho de recordarles ese principio dentro de la plena adhesión y lealtad al actual líder? Sería bueno que Gallardón pudiese mostrar en el Congreso su categoría.
Vexo tan claro o que di Fraga que creo que só a ignorancia ou a vanidade desmedida dalgúns pode facer que quen teña a capacidade de tomar decisións no PP non o faga nesta dirección. Entendo que, pola boa saúde da nosa democracia, é necesaria unha dereita forte, con capacidade e vontade real de traballo, e entendo que único xeito de logralo é seguir os pasos que apunta Don Manuel, aínda que, chegado ese día, o PP poda ser quen de novo de gañar unhas eleccións; algo que me amolaría ideoloxicamente, pero que é necesario en toda democracia que sexa merecente de cualificarse como tal.
Lamatumbá en Fene. Festa!
Chega a Fene un dos mellores grupos do país, Lamatumbá, que pese á marcha dalgún dos seus compoñentes orixinarios seguen a ser dos que mellor música e máis festa fan. Se vendo este vídeo non vos formiguea o corpo có mono dunha boa festa, algún podería dicir que o sangue non flúe polas vosas veas.
Hoxe ás 22:00 h. na Praza do Concello. Estades todos e todas convidados; é de balde grazas ó patrocinio da Fundación Caixa Galicia ;-)
Actualizado ás 01:21 do 03/09/2007:
Acabo de chegar do concerto e veño flipado, non polo ben que estiveron, que xa o esperaba, senón porque entre a xente atopei á miña nai (case 67 anos) movéndose ata onde os seus osos extraordinariamente traballadores llo permiten e gozando da música como calquera das moitas mozas e mozos que brincaban ó son de Lamatumbá. Comentoume ó marchar o moito que lle gustara o concerto e, por suposto, o guapiños que son tódolos rapaces que tocaron.
O dito, uns xenios!
Rajoy anuncia o seu particular golpe de Estado

Leo, teño que confesar que con bastante temor, que Rajoy promete cambiar a Lei Electoral, se gaña as eleccións xerais de 2008, para que goberne sempre a lista máis votada. Unha medida que, sen dúbida, resposta á incapacidade do PP para falar e chegar a acordos de goberno con calquera outra forza política, incapacidade derivada do radicalismo casi fascista no que están ancorados dende hai uns 6 anos os seus dirixentes. Asústanme moito, moito, aqueles políticos que tentan corrixir os seus erros ou vencer as súas incapacidades modificando a lei, elaborando unha lexislación que sirva só ós seus intereses.
Rajoy, que é un dos políticos máis febles, e polo tanto máis perigosos cando do que se trata é de dirxir un tugurio de inconscientes tan superlativos como a actual cúpula do PP, afirmou hoxe en Soutomaior que pactará co PSOE o modelo territorial, a política antiterrorista, o mantemento do estado do benestar… Todo, menos a Lei Electoral, é dicir, o xerme do noso propio sistema democrático. Alterar a esencia da nosa democracia, modificar as regras para facerse co poder que a un non lle dan os cidadáns ten un nome claro, golpe de estado, aínda que desta as pistolas non furen o teito do hemiciclo.
Estou convencido de que Rajoy nunca será Presidente, pero se o fora e fixese a aberración que hoxe se atreveu a dicir en público, os cidadáns só teríamos un recurso, unha resposta efectiva, a nosa voz, o noso berro na rúa para restaurar a democracia. Se non sabe como gobernar ou como gañar unhas eleccións, que marche e deixe no cargo a un dos moitos políticos válidos e capaces que ten o PP, tristemente apartados e silenciados nos últimos tempos, pero que, por favor, non nos toque unilateralmente a democracia, nin un sistema estable que tanta dor, berros silenciosos e séculos nos costou acadar. Botaremos de menos a Fraga?
