Anotacións arquivadas do mes de Outubro de 2007
25 anos da noite máis feliz de España
Esta mañá, na clausura da Escola de Educación Ambiental das XSG, cruzaba unhas palabras con Javier Losada e Carmen Marón sobre a noite do 28 de outubro de 1982. Javier lembra a dor de cabeza que lle provocou a "celebración" e Carmen a festa rachada que se organizou na cidade. Zapatero, con 22 anos, traballou aquel día de interventor e eu, que tiña só dous anos, non lembro nada, pero aquela noite empezou a época na que ía medrar, na que me ía formar como persoa, ó mesmo ritmo que o país superaba contrarreloxo o atraso provocado por corenta anos de dictadura, aquela noite o PSOE gañou as súas primeiras eleccións xerais e empezaron os 14 anos de goberno con Felipe González á cabeza.
No século pasado houbo varias noites felices, a de proclamación da II República, a da morte do dictador, a das primeiras eleccións do actual período democrático, a da derrota dos golpistas do 23-F… pero creo que en ningunha noite a felicidade foi tan intensa e xeralizada como naquela de hai 25 anos. A victoria do PSOE non foi a simple victoria dunha opción política, foi a victoria que deu carpetazo á transición, que significou o punto de arranque da modernización e democratización plena de España, a victoria na que millóns de españois depositaron os seus soños dun país máis xusto, máis libre e máis igual, soños hoxe cumpridos plenamente.
Un dos protagonistas dese proxecto, Alfonso Guerra, lembra 25 anos despois o seu traballo nunha interesante entrevista que hoxe publica Público. Creo que, pensemos como pensemos e á marxe dos fanatismos dalgúns, o xusto hoxe é dicirlle a Alfonso e a Felipe, moitas grazas!
Me dijo mi primo… que non faga máis o ridículo!
Esta semana saltou á fama o primo de Rajoy, catedrático e musa particular duns amigos e compañeiros de traballo ós que inspirou para facer tres vídeos sobre estes consellos de curmán nada sabios. Bo traballo, rapaces!
¿É posible que Rajoy faga máis o ridículo? Espero que si, basicamente para que polo menos podamos rir e soportar con bo humor a crispada e infumable campaña electoral coa que nos ameaza o PP ata marzo.
Actualizado ás 02:05 do 28/10/2007:
Tal e como lembra Manuel na súa resposta a este post, o Presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, fiel ó seu patrón de presidente atípico, saliu ó paso das declaracións de Rajoy: «Mi primo, que cuida vacas, está acojonado ante el cambio climático».
N-VI: aqueles marabillosos anos

Para min, a N-VI nos 80 era a estrada que me levaba de vacacións, por ela marchaba coa miña familia a Ponferrada, a Madrid e, como non, a Benidorm. De Ferrolterra saía, para aqueles tempos, axiña, ata Lugo alongábase en grandes rectas e, antes de deixar Galicia, serpenteaba para salvar a fronteira, que nos parecía case insalvable, de Pedrafita. Logo, xa en León, entretíame contando o número de pontes que atravesaban unha e outra vez o Río Valcarce, trece, nove, dez…. nunca me daban as contas igual. Finalmente, as infinitas e aburridas rectas de Castela, nos levaban ata o noso destino.
Este domingo, logramos que Nacho se decidise a cruzar a Ponte do Eume e pasamos o día no Bierzo. Á volta, quixemos revivir aqueles marabillosos anos e, en lugar de coller a A6, decidimos viaxar de Villafranca a Lugo pola antiga nacional. No CD do coche soaba Mecano, Miguel Bosé, Alaska… mentres a vella estrada, cuberta de follas de outono, nos ía pasando, como nunha sesión de diapositivas, imaxes únicas, vellos e típicos pobos de estrada, carballeiras, montañas pintadas cos ocres desta época, regatos, pontes e túneles inmensos no pasado, hoxe ridículos ó lado dos da autovía, xente… e en xeral o encanto dunha gran estrada pola que hoxe case non pasa ninguén. Conseguimos trasladarnos, por un bo momento, ós míticos anos 80.
Tardamos ata Lugo case unha hora e media, o mesmo que nos levaría ata Fene pola A6, pero a viaxe mereceu moito moito a pena. Recoméndovos que se algún día tedes a oportunidade, fagades algo similar. Actualizará moitos dos vosos recordos da nenez ou, en todo caso, vos permitirá adentrarvos nun mundo de estrada que xa non existe, pero do que aínda se conserva íntegro o seu espírito.
La Isla del Quesito

Xaime ten un compañeiro de traballo de Fene que hai unhas semanas lle contou que no noso pobo hai un lugar chamado "La Isla del Quesito". Dende aquel día está intrigado por decubrir, a través deste post, como é esa illa surrealista que coñecemos todos os de Fene.
A historia é ben sinxela. O río de Magalofes servía para regar os numerosos herbales que había no fondo de Perlío. Preto do Campo de Fútbol dos Pinares o cauce se bifurcaba e xusto nese lugar, nun momento indeterminado da nosa historia, alguén puxo un triángulo de formigón para desviar mellor a auga, pola esquerda o río fluía cara ó mar e pola dereita a auga corría por unha canle de rego que daba servizo ás fincas da zona. Finalmente, a erosión fixo que tamén houbese sempre un pequeno fío de auga que pasaba pola base do triángulo.
La Isla del Quesito é pequena, uns tres metros cadrados, pero era un lugar máxico, enclavado nunha fermosa zona de fraga, no que case tódolos nenos e nenas de Perlío temos pasado tardes enteiras. Encima do Quesito falamos, rimos, brincamos e caímos algunha vez ó río. Era tamén o lugar máis lonxe ata o que íamos en bici dende a nosa casa ou, sendo xa adolescentes, a pasear cos amigos falando das últimas historias do cole. Supoño que, a falta dunha costa máis agreste, o Quesito achegábanos ó soño que case todos tivemos de nenos de vivir nunha illa, eses lugares fantásticos coroados por dúas palmeiras que só existían nos libros de texto.
Hoxe non hai illa. Os herbales non se regan, moitos deles están sendo edificados, e xa non é preciso desviar o río. Como vedes na imaxe, a canle da dereita desapareceu, pero o Quesito segue aí, como unha ruína que aínda nos lembra o esplendor de tempos pasados. É un deses espazos de fantasía que cando pechamos os ollos compón o álbum da nosa infancia.
Borra a Franco do mapa!

Da historia non o imos, nin debemos, borrar, pero si que temos que limpar, por decencia e xustiza, os nosos pobos de todo tipo de exaltación fascista. Neste senso, a nova Lei de Memoria Histórica obriga a institucións e particulares a retirar toda a simboloxía franquista do seu entorno.
Para axudar nesta tarefa de limpeza, o xornal Público creou na súa web unha sección titulada "Limpia tu ciudad de símbolos franquistas", na que os lectores podemos enviar fotos de tódolos recordos da dictadura que haxa nos nosos pobos e, así, ir configurando un mapa coa súa localización.
Esta que vedes na imaxe é a cruz de homenaxe ós caídos por España que se construiu en Fene en 1953. Baixo a cruz aparece o xugo e as frechas da Falanxe e no corpo inferior, o escudo de España co paxarraco negro. Logo de que se teñan retirado tódolos símbolos dos edificios oficiais e se teña variado o nome dalgunhas rúas, esta cruz é o único monumento franquista (interpretando a palabra monumento nun senso moi amplo) que sobrevive no noso concello.
Está no adro da Igrexa Parroquial do Divino Salvador de Fene, propiedade do Arcebispado de Santiago, razón pola que se mantivo en pé ata agora. Supoño que a Lei de Memoria Histórica convertirá de novo este lugar sagrado no que nunca debeu deixar de ser, un lugar de encontro de tódolos veciños crentes, con independencia da súa ideoloxía. Se o pensamos ben, é aberrante que o entorno dunha igrexa serva para facer apoloxía dun réxime tirano e asasino como o Franquista.
Rematamos coas bandeiras

Parece que o patriotismo da Hispanidade vai, se fora católico diría que grazas a deus, rematando, pero os seus efectos psicolóxicos aínda permanecen nalgúns coma min. Onte inauguramos a primeira Galescola de Fene e mentres recibíamos ós nenos e nenas no centro non deixaba de mirar, coa sombra de Rajoy na miña mente, para o logotipo.
Facendo autocrítica e tocando un pouco as narices, pregúntome ¿Que pasaría se no edredón que parece na imaxe, baixo o que durmirán tódolos nenos e nenas, ou na toalla, en lugar da bandeira de Galicia, aparecese bordada a bandeira de España?
Unha deputada do PP institucionalmente analfabeta e un torreón colonizado

Nesta fin de semana de bandeiras, probas de españolismo e chorradas á maneira, escoitei en Hora 25 un debate entre Óscar López, deputado do PSOE, e Ana Belén Vázquez, deputada do PP por Ourense, sobre a apropiación política dos símbolos do Estado. A deputada galega, que vergoña me da, defendendo a necesidade imperiosa de que Rajoy dixese as burradas que dixo no famoso vídeo, chegou a afirmar que dende que en Galicia goberna o PSdeG-PSOE co BNG "la bandera de España dejó de ondear en todos los edificios públicos e instituciones de la Xunta de Galicia" e que no conxunto do Estado atopamos "millares de pueblos en los que se está retirando la bandera y se intenta no hablar de España." Sei que parece incrible, pero escoitádea vos mesmos.
E Rematamos case como empezamos a ponte, en Pontedeume. Alí o Goberno Municipal do PP, non satisfeito con forrar a casa do concello coa bandeira de España, decidiu tamén colocar unha xigantesca enseña nacional sobre o Torreón dos Andrade, bandeira que hoxe segue a ondear, tal e como vedes na foto que me achegaron os amigos de Pontedeume na Rede. Así, sobre un edificio público no que o único trapo que se izara ata a data fora o da familia Andrade, símbolo tamén do pobo, ondea con esforzo, debido ás súas esaxeradas dimensións, a bandeira de España soa, sen compañía, facendo realidade, aquí si, nun concello gobernado polo seu partido, aquilo do que se doía a deputada ourensá en Hora 25, que non se respectase a Lei da Bandeira de España e a Lei de Símbolos de Galicia, que obrigan a empregar nos edificios públicos as tres bandeiras, a de España, a de Galicia e da Unión Europea.
Conclusión: a dereita fai o mesmo que critica, pero substituíndo as perversións patrióticas doutros polas propias.
Un concello plural e democrático versus un concello do PP

Este é o aspecto que tiñan hoxe, día da Hispanidade, o balcón do Concello de Pontedeume (primeira imaxe) e o da Casa do Concello de Fene (segunda fotografía). En Pontedeume, ó máis puro estilo Berlanguista de Villar del Río, o goberno do PP decidiu desplegar unha inmensa bandeira de España, tan longa e ostentosa como o fanatismo español que desprenden estes días os populares, supoño que para cumprir como vos lacaios coas instruccións que Rajoy difundía a través do ridículo vídeo no que xogou a ser Xefe do Estado por un día. En Fene, tamén celebramos este día, pero non precisamos disfrazar o concello.
Poderase dicir que a bandeira de España en Pontedeume non debería molestar a ninguén, moito menos ós que nos sentimos plenamente españois, pero si, a min, e a moita outra xente coa que falaba onte, nos molestou. Non era unha simple bandeira, para iso xa está a do mastro, era unha bandeira e un xesto non casual, transmitían desafío, provocación, partidismo e apropiación dos símbolos e das institucións comúns, algo que non debemos tolerar. O 25 de xullo non había unha bandeira galega no mesmo lugar e todos sabemos que de non estar nas datas que estamos, ese pano non estaría aí; foi unha provocación innecesaria.
Se ademais engado que, segundo varios testigos, quen colocou a esaxerada bandeira de España no Concello de Pontedeume podería ser un coñecido simpatizante e colaborador dunha organización de estrema dereita, a paiasada deixa de ser tal para converterse en algo máis grave. A ver se o ano que ven, pasadas as eleccións xerais, este país está algo máis sereo e respectamos as institucións como o que son, a representación democrática de tódolos cidadáns con independencia da súa ideoloxía.
Que delicia, Iñaki!
Só podo dicir bravo, bravo, bravo, Iñaki! Nin mensaxe de Rajoy, nin desfile das Forzas Armadas, nin actos de homenaxe á bandeira, o máis grande deste Día da Hispanidade é a contestación de Gabilondo ó vídeo de Rajoy. Que estilo ten este home!
Hispanidade
Algúns impostores, pantasmas de salvapatrias trasnoitados, palmeados e babados cada día polos aprendices dos seus admirados "cazaroxos", asasinos e golpistas para o resto, desexan converter este día nun día de carraxe e persecución ideolóxioca, nun día no que reivindicar dereitos e privilexios que tiveron no pasado, a costa de aniquilar os dereitos dos demais cidadáns. Por iso, hoxe quero lembrar que este país é de todos, dos que durmen envoltos na súa bandeira, dos que só vemos as enseñas como distintivos dun territorio, sen que nos cause unha emoción especial a súa contemplación, e mesmo dos que non se identifican con este estado.
Nunca biquei nin bicarei, salvo obriga, ningunha bandeira, nunca chorei ó escoitar ningún himno, non pertenzo a ninguna patria, máis que á da humanidade, e non me porei firme o día da Hispanidade. Logo de cumprir gustosamente as miñas obrigas como Alcalde coa Garda Civil de Fene, celebrarei este día como a meirande parte de españois, aproveitando a ponte para descansar, sen escoitar a patriotas estúpidos que me digan o que teño que facer.
Que tristes e que perigosos os políticos que, como diría Carlos Goñi, "se corren disparando su cañón" ou, neste caso, falando de España. Saúde e liberdade! (engadiría tamén república, pero nos tempos que corren…)
