Anotacións arquivadas do mes de Novembro de 2007
O prezo político do “por qué no te callas?”

E non só político, tamén económico e social. Ninguén dubida, eu non polo menos, do extremadamente chabacano, maleducado e autoritario, cada vez menos amante da liberdade, que é Hugo Chávez. Tampouco dubida case ninguén, aínda que eu aquí si que discrepo, do acertado da intervención do Rey no último cumio iberoamericano, cando Chavez non deixaba falar a Zapatero e Juan Carlos dixo aquilo de "por qué no te callas?"
Vivimos nun país amante do puñetazo sobre a mesa, de ser mas chulo que ninguén, máis machito que o veciño e do "se sienten, coñooooo…!" Eu creo, aínda que sexa menos efectista para o público, na diplomacia respetuosa, silenciosa e mesmo calada, tendo incluso que tragar ás veces algo de orgullo; creo que é a máis produtiva.
Por iso non creo acertado, por moi aplaudido que sexa pola testosterona nacional, que un Xefe de Estado resposte ás impertinencias doutro con linguaxe e actitudes de pelexa quinqui. Quedamos moi guay, de campións, de machitos… pero onte Hugo Chávez anunciou que Venezuela conxela as relacións con España. Que pensarán os empresarios que invisten os seu cartos na República Bolivariana? e os seus traballadores? e o noso PIB?
A evolución kitsch de Darwin

Dando unha volta polo Segrel do Penedo, o blog da Biblioteca do Instituto de Fene, atopei un post de Antonio Rivera, profesor de ciencias que nos meus anos de alumno volvía tolas ás rapazas, sobre a Teoría da Evolución aplicada ó máis kitsch da nosa cultura.
Seguro que nada intuiu Darwin no século XIX sobre os resultados futuros da súa selección natural no campo dos bonecos folclóricos, pero hoxe a súa teoría pode explicar perfectamente o paso da goma á porcelana, da tela á pintura, do bonequiño hortera que che regalaba a túa tía para adornar a parte superior do televisor, sempre, iso si, ben colocadiño sobre un tapete de ganchillo, á refinada, cara e estilosa figura de Sargadelos. Repararía nisto algunha vez o grande Díaz Pardo?
Gracias, Antonio ;-)
25 de novembro

Hoxe, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, rescato unha das primeiras campañas que se editaron neste país, aló polos inicios dos 90, para denunciar a violencia machista. Unha campaña creativa e impactante como poucas que a min, persoalmente, me reportou algunha mala nota cando a usei como base para un traballo que fixen nos meus anos de estudante na Facultade de Publicidade e Relacións Públicas; á profesora, pertencente a unha coñecida secta ultracatólica, pareceulle "soez y de mal gusto".
A min ségueme parecendo xenial e, ademais, serve fantasticamente para sensibilizar e denunciar unha realidade que desgraciadamente segue máis de actualidade que nunca. Se traballamos tódolos días pola igualdade, erradicaremos a violencia machista.
Novos tempos na FEGAMP (II)

Xa remataou! Hoxe foi unha xornada intensa en Compostela. A VII Asemblea da FEGAMP ameazaba bronca, pero ó final todo se desenvolveu tranquilamente. O novo presidente, logo de anos de dominio da dereita, é o alcalde socialista de Ames, o bo de Carlos Fernández, por riba de todo, un político moi competente.
Ferrolterra terá tamén o seu oco na nova FEGAMP. Vicente Irisarri, Alcalde de Ferrol, representará á federación no Consello da FEMP, eu, como número cinco da lista presentada polo PSdeG-PSOE, fun elixido membro do Consello Federal, o mesmo órgano no que tamén ingresa o Alcalde de Ares, como número 20 da candidatura socialista. Unha oportunidade, sen dúbida, para que a voz dos nosos concellos e desta comarca sexa escoitada no máximo órgano de representación municipal.
Non houbo consenso para elixir a nova dirección, houbo tres candidaturas e cada quen ten a representación que proporcionalmente ten no país. O acordo sería mellor, pero non a calquera prezo e o prezo do BNG era presidir dous anos a FEGAMP, de aquí ás eleccións autonómicas, en detrimento do PSdeG, cando os socialistas temos maioría na Asemblea, 880 votos do PSOE fronte a 218 do BNG. Non sería xusto nin lóxico. Agora a traballar xuntos.
Novos tempos na FEGAMP

Levo todo o día en Santiago, na VII Asemblea Xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) Comecei o día con sorpresa agradable, presidindo a Asemblea co Alcalde de Vilar de Barrio, somos o alcalde máis novo e máis veterano de Galicia; el do PP, un home de Baltar, como puiden comprobar polo agarimoso saúdo que lle brindou ó entrar na sala, e eu do PSdeG. Temos pouco que ver política e xeracionalmente, pero creo que é un home entrañable, un bo tipo, non obstante, aínda rimos e nos axudamos unhas cantas veces.
Agora estou na planta superior do Pazo de Congresos. Estamos reunidos tódolos alcaldes socialistas, comentando as últimas novidades sobre candidaturas, os últimos retoques ás enmendas que debateremos nas comisións encargadas de elaborar o documento político, decidindo os nomes dos compañeiros e compañeiras que nos representarán na dirección da FEGAMP…
Á marxe da crispación, pouco entendible para min, que está sementando o BNG ó longo de toda a xornada, de non ocorrer nada raro, o PSdeG, hoxe con maioría absoluta na Asemblea, dirixirá a nova FEGAMP, marcando un novo episodio histórico no cambio político que está a vivir Galicia dende hai uns anos.
20 de novembro de 2007
Interesante e intelixente, coma sempre. Gracias, Darío!
Sé un home!

Noraboa a Carmen Basadre, Concelleira de Muller e Servizos Sociais, e ó Concello de Lugo pola edición desta campaña contra o machismo. O eslogan, "Non sexas un macho… sé un home", ademais de orixinal e directo, paréceme que resume e ilustra perfectamente a diferencia entre a actitude dun home machista e a dun que non o é. Faime pensar tamén canto ten mudado dende hai uns anos aquilo de "ser un home de verdade", que hoxe afortunadamente case significa o contrario do que hai un par de décadas.
A verdade é que se agradece a frescura e a creatividade neste tipo de publicidade institucional, xeralmente tan anodina, tan gris e tan baleira de contido, tanto que ás veces parece que se fai por puro compromiso e por necesidade de xustificar un gasto determinado, sen que preocupe demasiado a súa eficacia. Non é o caso do Concello de Lugo, que segue con esta a liña de campañas anteriores como "El polvo es cosa de dos" (para compartir as tarefas do fogar) ou "Igualdina", as pastillas que curan a violencia machista.
Paco Vázquez e Fidel Castro

Sempre pensei que estes dous nomes tiñan moi pouco que ver, por iso me chamou especialmente a atención a fotografía que me enviou o meu amigo Jose dende A Habana. Alí, no Hotel Nacional, existe un recuncho chamado "Hall of Fame" (vestíbulo da fama) no que se van engandindo fotografías dos personaxes máis famosos que cada ano pasan polo establecemento. En 2003, ó lado de Michael Mann, aparece Paco Vázquez, xenio e figura ata en terras castristas.
