ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de Decembro de 2007

Franco, heroe de videoxogo

Sabíamos o que era reescribir e falsear a historia, especialmente a do golpe de estado franquista, grazas ás paradigmáticas aportacións de Pío Moa e César Vidal, pero agora tamén nós podemos adaptar a historia da Guerra Civil ós nosos intereses. Onte, mercando o regalo de Reis do meu sobriño, descubrín un videoxogo chamado Sombras de Guerra, inspirado no golpe de 1936. Primeiro pensei en mercarllo, pensei que, postos a guerrear, mellor que xogase con soldados de aquí e en batallas históricas que con Marines, que me dan algo de repelús; igual aprendía algo máis que a pegar tiros. Axiña desbotei a idea.

Resulta que un pode escoller loitar como membro do bando fascista ou do republicano, entre os que hai personaxes destacados, chamados heroes, como Francisco Franco ou o Xeneral Mola. Imaxinei ó meu sobriño loitando na tele ó lado de Franco e comprenderedes como inmediatamente decidín mercarlle o videoxogo dos Marines dos Estados Unidos, que dan repelús, pero polo menos, loitan contra os fascistas na II Guerra Mundial e a prol da democracia en Europa, Call of Duty.

Non quero polemizar demais, pero non me parece moi instructivo que un neno que decida pasar o tempo con este xogo poda elixir entre demócratas e fascistas, poñéndoos no mesmo plano. Podemos buscar o exemplo de sempre, que dirían din os medios e os políticos dun videoxogo no que puidésemos podemos xogar como membros do exército nazi, ser xeral das SS? Xeralmente móntase un bo escándalo. En cambio cando falamos da nosa historia seguimos tendo complexo de chamarlle ás cousas polo seu nome. Quen dixo que non facía falta a Lei de Memoria Histórica?

A coherencia do mazapán

Durante a noiteboa, como ocorre sempre dende que ese parásito se instalou no meu corpo, o móbil non parou de sonar; tanto que o tiven que poñer en silencio, queimando o último cartucho para modular o rictus de “ímoste matar” que se instalara no rostro dos meus familiares. Non paraban de chegar mensaxes, salvo excepcións, pretendidamente sentidas, orixinais e ata disque simpáticas.

Cando as velas da mesa xa estaban a medio gas e a opinión dos comensais era unánime sobre o destrutivo que para a política do noso país teñen sido Rajoy e Acebes, decidín enviarlle a uns cantos coñecidos do PP unha sms que me enviara minutos antes un amigo do Congreso: “Te deseo felicidaz, prosperidaz y una Feliz Navidaz. Con z de Zapatero!” Unha parvada cun único fin, provocar benevolamente.

A resposta dunha compañeira de batallas popular, “pero non é unha festa conservadora?”, fixo que polos inescrutables camiños das miñas neuronas empezase a divagar sobre o sentido de que os ateos ou agnósticos felicitemos estas festas. Na mesa estaban falando agora de mortes e enfermidades, unha charla que non me enganchou, así que seguín dándolle ós miolos sobre as contradicións entre o que me parece a min positivo e o que socialmente aceptamos como tal.

Máis en A Nosa Terra: A Coherencia do Mazapán.

Descubre Fene!

Seguro que moitos de vós, a maioría probablemente, cando pensades en Fene pensades en atascos de tráfico, ASTANO, dúas ou tres estradas pechadas por edificios… en definitiva, nun pobo pouco atractivo, pero Fene ten moito máis. Creo que é dos concellos menos coñecidos, aínda que case todos saibades onde está e teñades pasado infinidade de veces por el. Fene ten, tanto na costa como no interior, unha riqueza paisaxística e natural formidable, descoñecida incluso para moitos dos nosos veciños e veciñas. Por iso o Goberno Municipal, da man da área de turismo, está a desenvolver a campaña Fene, Descúbreo!

Onte inauguramos o camiño de Marraxón á Fervenza. Investimos uns 121.000 € de fondos PRODER para recuperar ambientalmente esta senda duns 1.200 metros, que descende polo canón do Río Belelle e comunica a cámara de carga da central hidroeléctrica de FENOSA coa propia central e coa espectacular fervenza que forma o río na zona. A medio camiño, ademais de desfrutar de espectaculares carballos, madroños e vistas asombrosas da fervenza a diferentes alturas, atoparemos un merendeiro no que descansar e gozar coas marabillosas vistas e sons dunha das fragas mellor conservadas de Galicia.

Asegúrovos que é un bo plan para pasar un destes días de ponte. É moi doado chegar: dende o casco urbán de Fene, na Avenida Naturais (estrada N-651 Ferrol - A Coruña) colledes, na mesma esquina do Xulgado de Paz, a estrada que leva a Sillobre e Lavandeira (hai sinais que indican estas dúas parroquias). Seguides uns dous kilómetros por esta estrada e xusto despois de pasar o cemiterio parroquial de Sillobre, atoparedes unha frecha de madeira que pon "Camiño Marraxón".

Dende aquí, simplemente debedes seguir as frechas idénticas que vos levarán ata o lugar de Marraxón, onde vos recomendo que fagades unha pequena parada. Xusto no lugar no que está o sinal municipal co nome de Marraxón, veredes un pequeno cartel de madeira que indica ó Coto do Rei; subide polo camiño de terra e descubriredes as mellores vistas da Ría. Colledes de novo o coche e un chisco máis aló unha nova frecha de madeira xa nos desvía da pista asfaltada; aparcades e seguides o camiño a pé. Deste punto á fervenza, contando diversas paradas para recrearvos, tardaredes uns 45 minutos. Descubride Fene!

Centenario e estrea de A Nosa Terra

Hoxe, celebrando o seu centenario, estreouse o novo A Nosa Terra, un xornal que conserva a esencia dunha cabeceira con tanta historia, pero que decide modernizarse, adaptarse ós novos tempos e pluralizarse.

A edición dixital da Nosa Terra convértese en diario, fronte ó tradicional semanario en papel. Con este primeiro "número" tamén debuto eu como colaborardor; todo un pracer e unha honra. Neste primeiro artigo, aproveitando a proximidade do Día da Constitución, doulle unhas voltas á necesidade de ir dando pasos cara á transformación de España nun estado federal; déixovos o primeiro parágrafo:

Acostumados como estábamos na Aznaridade, en palabras do xenial Vázquez Montalbán, a sacralizar o texto constitucional de 1978 e a que a cepa política dominante o declarase intocable e perseguise como herexe a quen ousase cuestionar algo dos seus sacrosantos artigos, sorprende que Rajoy propoña a estas alturas unhas vinte reformas da Carta Magna. Sorprende, e a min ademais me asusta, porque todas elas están destinadas a blindar aínda máis o texto e a tirotear o titulo VIII, o que estrutura territorialmente o Estado, o que recoñece os dereitos de países como o galego e o mesmo que a Alianza Popular de Don Manuel xa foi incapaz de votar antes de que nacese o que escribe.

Máis en A Nosa Terra: As Rémoras do Estado Federal. Grazas, Blas e Xurxo ;-)

Outono en Ferrolterra

Pasei este día coa familia nas Pontes, na casa duns amigos do Aparral. Antes de marchar, saín con Hugo e Jennifer, unha rapaza americana moi agradable, moza de Hugo, que aprende castelán e galego a toda mecha, a dar unha volta polo lugar. Pronto chegará o inverno e o monte quedará totalmente espido, pero aínda podemos atopar recunchos tan clasica e fermosamente outonais coma esta corredoira que pasa pola beira da casa; escenas de película, como dicía Jennifer cando o vento deixaba caer as follas secas dos carballos sobre ela.