Anotacións arquivadas do mes de Xaneiro de 2008
Canto vale a obxección de conciencia? Sobre 500 euros

Á calor do debate que, afortunadamente, se está a producir sobre a despenalización controlada do aborto, La Voz de Galicia cóntanos que na Residencia, no hospital público Arquitecto Marcide de Ferrol, non se practicou unha soa intervención de interrupción voluntaria do embarazo nos últimos 22 anos, non porque non haxa mulleres que o demanden, que as hai, senón porque tódolos doutores e parte do servizo de xinecoloxía son obxectores de conciencia.
Temos que crelo e toleralo sen máis? Creo que non. Xa non entendo como a obxeción de conciencia duns supostos profesionais, baseada en principios e crenzas relixiosas, polo tanto individuais, pode vulnerar impunemente a miña liberdade dentro do sistema sanitario público; pero aínda que así fose, a obxección de conciencia neste caso, simplemente, non ma trago. É difícil de crer, incluso cientificamente, que o SERGAS concentre a tódolos doutores obxectores, tanto que non haxa un só que non o sexa, e que, pola contra, a sanidade privade teña a virtude de agrupar a todos os que non o son. Dito doutro modo, é difícil crer no reparo moral dos profesionais cando este só existe nos hospitais públicos e se esfuma previo pago de 400 ou 600 € en case calquera centro privado.
Así, o aborto é hoxe un negocio que pagan as mulleres directamente ou o SERGAS cando as deriva a algún centro concertado, responsables, segundo La Voz, de aproximadamente o 90% das interrupcións practicadas en Galicia. Non o sei, pero sospeito que sería interesante averiguar se algún do persoal que obxecta na sanidade pública logo practica abortos na privada ou en cantos centros concertados de carácter relixioso se realizan intervencións deste tipo a cambio de cartos.
Non podemos continuar con esta hipocresía interesada economicamente, a sanidade pública ten que garantir o dereito de calquera muller a interrupir voluntariamente o seu embarazo, polo de pronto nos tres supostos recoñecidos legalmente: perigo para a saúde da nai, perigo para a saúde do feto e violación. Xunto con isto, a verdadeira liberdade das mulleres, á marxe de dogmas católicos, veríase recoñecida coa aprobación dunha lei de prazos: interrupción libre e voluntaria durante as primeiras semanas de embarazo; sen supostos, simplemente liberdade dunha muller para elixir sobre a súa propia vida e o seu corpo.
A esquerda elixirá Presidente

Hai neste país a crenza de que o centro, ese terreo ideolóxico tan equilibrado, equidistante, equilátero, ecuánime… que se existise debería, por eslamiado, deixar de facelo, é o que decide o resultado das eleccións. En cada campaña vemos como as forzas de esquerda e dereita xogan a moderarse para captar o voto dos supostos cidadáns de centro, as estrelas vermellas desaparecen da propaganda do BNG e florecen os lemas bilingües, lexibles en galego e castelán, os do PP falan do país e do galeguismo no que non cren e o PSOE tradicionalmente ten centrado as súas campañas en temas asumibles para un amplo espectro ideolóxico.
Eu comparto a teoría do estatístico César Molina, que fala da “esquerda volátil” para referirse ó pequeno conxunto de votantes que pululan entre PSOE, IU, BNG no caso de Galicia, ou a abstención; cidadáns de esquerdas que rexeitan frontalmente ó PP, pero que teñen tamén unha actitude crítica con respecto ó PSOE. Para el, e para min tamén, son estes cidadáns, e non o centro, ós que deciden se en España goberna a esquerda ou goberna a dereita. As últimas eleccións xerais son unha boa proba, Zapatero gañou pola esquerda, falando de dereitos sociais, de igualdade de xénero e sexualidade, de non á guerra, de dereitos territoriais… O PP obtivo case os mesmos votos que nas eleccións do 2000, cando Aznar gañou por maioría absoluta, pero no 2004 perdeu, simplemente porque a esquerda se mobilizou.
Máis en A Nosa Terra: A esquerda elixirá Presidente.
Ata sempre, compañeiro Vigo!

Hoxe pola tarde moitos veciños/as de Fene e do resto de Ferrolterra despedimos a Enrique Vigo, compañeiro do PSOE, pero sobre todo unha extraordinaria persoa que comprometeu os seus 96 anos de vida á loita constante pola liberdade e a democracia no noso país, a costa a meirande parte das veces da súa propia liberdade.
Vigo foi dos poucos militares que se mantiveron fieis á República en Ferrol tralo golpe de estado franquista en xullo de 1936; o principio dunha longa loita. En fin, unha persoa, un veciño, ó que lle temos moito que agradecer e unha traxectoria vital e política que nunca deberá ser esquecida.
Que atraso de Igrexa, meu Deus!

Ademais dunha interesante crónica sobre a situación actual da Igrexa, Rumor de Sotanas, e dunha boa análise das loitas polo poder na cúpula da Igrexa española, entre os sectores máis reaccionarios, a Igrexa da Confrontación, e os máis aperturistas, A Igrexa do Diálogo, o diario Público este domingo contrastou o que sobre un mismo tema din os libros de texto de Educación para a Cidadanía e os escritos da Conferencia Episcopal. O dos bispos non ten desperdicio:
Democracia: “El justo orgullo de vivir en régimen de libertad no ha de impedirnos ver el fenómeno preocupante de una cierta mitificación de la democracia (…) No todo lo que se hace y se decide por ese procedimiento tiene de por sí la garantía de ser también justo y conforme a la dignidad de la persona. Esto dependerá de que lo decidido esté efectivamente de acuerdo con el orden moral objetivo, que, como hemos recordado, no está sometido al juego de mayorías y de consensos, sino que radica en la verdad de la condición humana”.
Homosexualidade: “Hay formas regresivas y degeneradoras de vivir y ejercer la sexualidad que han de ser calificadas como inmorales (…) No podemos abordar aquí todos los abusos de la facultad sexual, sino recordar ciertas formas de conducta desviada en este campo (…), como son las relaciones prematrimoniales, la masturbación, la homosexualidad…” O Bispo de Tenerife hay unhas semanas: “Puede haber menores que sí lo consientan y, de hecho, los hay. Hay adolescentes de 13 años que son menores y están perfectamente de acuerdo y, además, deseándolo. Incluso, si te descuidas, te provocan”.
Divorcio: "Si el proyecto de ley al que nos referimos (Ley del Divorcio) llegara a promulgarse tal como está formulado, quedaría seriamente comprometido el futuro de la familia en España y gravemente dañado el bien común de nuestra sociedad. (…) El divorcio no es, en principio, un derecho de la persona. La regulación civil del divorcio es, a lo más, “un supuesto remedio a un mal social”. (…) El divorcio, mas que “un remedio al mal que se intenta atajar”, se transforma en “una puerta abierta a la generalización del mal”.
Conclusión, ós bispos si que lles fai falta estudar Educación para a Cidadadnía. É incrible que teñamos que seguir financiando con cargo ós Orzamentos Xerais do Estado a unha institución tan perxudicial para a sociedade como esta curia arcaica e dexenerada.
Clariño

Resposta de Fernando Blanco, Conselleiro de Industria, sobre REGANOSA na entrevista que lle fai La Voz de Galicia:
A miña é a única consellería que non lle deu un permiso, e agora parece que a planta púxena eu. O que pasa é que si estou a favor, asúmoo, aínda que no meu partido e nunha parte do electorado teña un custe. ¿Que íamos facer, pechar una empresa con 60.000 millóns de investimento?
Alcalde, estoy muy nervioso!

Onte volvín a crer nos Rei Magos. Recibín a Melchor, Gaspar e Baltasar na Casa do Concello, onde esperaban a súa chegada centos de nenos e pais que concentraban nese intre toda a felicidade do mundo. Era un rebulir de ledicia e nervios, expectantes por saber que regalos atoparían uns e outros esta mañá o espertarse.
Mentres agardábamos, os nenos e nenas que andaban por alí, tremendamente nerviosos, convencérome do fantasticamente bos que foron este ano, fixéronme comer caramelos e contáronme como me coñecían polas fotos que durante a pasada campaña electoral colgaban das farolas; algunha nena foi tan sincera que me dixo que eu era "un poco más feo y más gordito que en los carteles". Pero cando mellor o pasei foi cando, xa dentro do salón de plenos, cos reis tomando asento nos seus tronos e un remuíño enorme de nenos e nenas diante nosa agardando a sentarse no colo dos magos para relatarlle tódalas súas peticións, un neno, que xa non podía máis, tiroume da man e díxome con cara de angustia: "alcalde, alcalde, estoy muy nervioso!".
Nese momento, igual que cando as espectaculares carrozas entraron pola Avenida do Concello, sentín desexos de volver a ser neno e de volver a sentir o que sentía tal día como hoxe. Creo que foi dos días que máis feliz me sentín como Alcalde; é case imposible facer algo que se traduza en tanta alegría como a que os nenos senten cando ven ós Reis Magos. Todo feito, ademais, con pouquiños cartos e co traballo insaciable dunha comisión de veciños que durante meses colaboran co Concello na organización desta data. Feliz día para todos e todas!
Gol de Obama

A primeira persoa coa que falei de Barack Obama foi Xavi Fariña; hai máis dun ano. Eu estaba entusiasmado coa decisión de Hillary Clinton de presentarse ás eleccións, máis que polo entusiasmo que me poda producir ela, porque a vía como a única esperanza de poder poñer fin nos EE.UU. e no mundo, porque estas eleccións teñen moito de mundiais, ó negro período de goberno republicano, e Fariña faloume entón dun senador demócrata por Illinois que tamén se ía presentar ás primarias, un político que a el lle encantaba, era Barack Obama, o home que onte barreu a Hillary no caucus de Iowa.
Canto máis fun coñecendo, máis me gustou o perfil de Obama. Creo que é o único político de primeira liña dos demócratas que se pode aproximar ó que entendemos en Europa por socialdemocracia. Un persoa progresista, con ideoloxía e claramente diferenciado do ultraconservadurismo republicano, pero tamén lonxe da ambigüidade e complexos patrióticos dos seus compañeiros de partido.
Apasiónanme a política e a sociedade norteamericana, teñen a mesma capacidade para sorprenderme tanto negativa como positivamemte. Sigo crendo que Hillary será finalmente a candidata, pero espero que Barack For America teña a forza suficiente como para ser Vicepresidente, unha vez que parece que case todo o mundo da por sentado que serán os Democrátas os que gañarán as eleccións. O reto é arriscado, porque, nunha sociedade en xeral tan conservadora e tradicioanalista, do que estamos a falar realmente é de que os norteamericanos terán que elixir entre o primeiro presidente negro ou a primeira presidenta muller. Empézase, por fin, a ver a luz ó final dese longo e tenebroso tunel chamado Bush!
