Anotacións arquivadas do mes de March de 2008
“Pájara” de milfollas en Ombre

Levo desde antes do Nadal mentalizándome para ir ó ximnasio e recuperar a forma perdida nos últimos anos (eufemismo de teño que adelgazar) pero non atopo oco; oco que probablemente atoparía se me gustasen os ximnasios, pero non é o caso. Hoxe, animado por Miguel e Alex, ademais de pola chegada da primavera, aínda que sexa con frío e chuvia, animeime a retomar unha das miñas vellas afeccións, a bici, e participei na Marcha Popular polas Fragas do Eume, que organizou, moi ben por certo, a Peña Ciclista Leboreira.
O traxecto era doado, 28 kilómetros, do paseo marítimo de Pontedeume ó Mosteiro Caaveiro e, a verdade, é que ía con moitas ganas, pensando en compensar a miña baixa forma física coa mocidade e o coñecemento da ruta, que xa a fixera nun par de ocasións. Ademais, na saída puiden charlar con persoas ás que lle teño unha grande estima, como Xulio Abelleira, Secretario Comarcal de CC.OO. e José Seco, ilustre montañeiro fenés, co que quedei en darnos en canto podamos o luxo dunha boa camiñata polos Picos de Europa. Na foto, Cuquito, Miguel, Xulio e eu lucíamos a mellor das frescuras dominicais, pero pronto viraron as tornas.
Polos repeitos de Ombre, antes de entrar no Parque Natural, xa me din conta de que 93 kilos sobre a bici non se transportan tan ben como os meus habituais 82 e, sobre todo, de que, tal e como me advertira Lidia antes de saír da casa, non foi boa idea almorzar os restos da súa tarta de cumpreanos, aínda que fose unha deliciosa tarta de milfollas con crema e froita feita en Perlío. Baixando de Ombre ao Parque o meu estómago non puido máis e, mareado, abandonei no centro de recepción de visitantes, onde o bo Nacho, que como sempre está xusto onde o necesito, me recolleu e me devolveu á casa.
Custoume abandonar, pensando nos vaciles posteriores dos compañeiros de marcha, sobre todo de Miguel, pero non podía máis e pensei que ata Induráin no tour ten flaqueado; así que alí quedei. O ano que ven, volverei para completala e antes, o domingo 13 de abril, participarei na Marcha Cicloturista que organizamos dende o Concello de Fene. Adicarei algunha hora estes días a entrenar, porque aquí si que non quero abandonar e, sobre todo, estade seguros de que non almorzarei milfollas. Quedades todos/as invitados a vir, espero vervos por alí!
Auga, de botella ou da billa?

Ata hai pouco sempre tiven clara a resposta a esta pregunta, de botella. Eu, que loito contra a teoría científica de que a auga é insípida, porque para nada me sabe igual unha que outra marca, nunca levei, nin levo, demasiado ben ter que comer ou simplemente saciar a sede con auga da billa, repúgname o sabor a cloro e, incluso unha vez evaporado este, o sabor da auga non me resulta agradable. Por iso, sempre consumín e consumo auga embotellada.
Hoxe leo en Público que o Goberno Británico vai deixar de comprar auga de botella en tódalas súas sedes, debido ó seu grande impacto ambiental. Greenpeace asegura incluso que para envasar un litro de auga se consumen cinco en todo o proceso, ademais de xerar 600 veces máis CO2 que outro procedente da billa, polo que se pode afirmar que o consumo de auga de botella non é sostible.
No Reino Unido hai xa toda unha campaña política e social a prol do consumo de auga da billa, en España o Ministerio de Medio Ambiente hai xa anos que non merca auga embotellada e concellos como o de Donosti regalan ós seus restaurantes xarras para promocionar o consumo da excelente auga municipal. Tamén é certo que, como din os produtores, a auga embotellada do Reino Unido é auga da billa envasada, mentres que no noso país é auga de manantial, subterránea, sen ningún tipo de tratamento, fronte á outra, que é auga superficial, de río, tratada para poder ser consumida.
En calquera caso, parece que, a medida que vaiamos construíndo un país sostible, teremos que ir afrontando debates coma este, aparentemente intrascendente ata que nos abren os ollos, e que supoño que non tardará demasiado en plantexarse aquí na primeira liña. En España hai 93 empresas que embotellan auga e que empregan a 4.500 persoas.
Descubrindo a fraga do Belelle

Esta mañán acompañei a máis de 300 nenos e nenas de primaria dos diferentes colexios de Fene na celebración dos días da árbore e da auga, organizada pola Concellería de Medio Ambiente. Baixamos pola fraga do Belelle dende Marraxón ata a central hidroélectrica, quizais o lugar de Fene no que mellor se pode aprezar a importancia e a simbiose das árbores e da auga.
Os nenos/as de cada centro, asesorados por Antón, o xardiñeiro municipal, plantaron árbores autóctonas en diversos puntos do camiño: loureiros, carballos, érbedos… Ademais de deixar a súa pequena pegada no camiño, que irá medrando con eles, e de sensibilzarse coa protección do medio natural, pretendíamos que os nosos nenos e nenas descubriran lugares tan fermosos do concello coma este e se identifiquen xa con el para sempre.
A fraga do Belelle, colonizada esta mañán por centos de pequenos seres humanos, tiña unha cor e un son diferente, quizais pouco natural, pero dende hoxe teremos sensibilizada a toda unha nova xeración de feneses e fenesas coa protección dun dos espazos máis ricos e naturais do noso concello, que debe seguir así toda a vida.
Temporal en Riazor

O futbolístico non é o único temporal que arrecia este ano en Riazor, o luns A Coruña padeceu un de verdade, con olas xigantescas que se comeron parte do paseo e da avenida do Orzán-Riazor. As fotos andan rulando xa pola rede, déixovos unha das que me pareceu máis chamativa, case parece un decorado de película americana.
É certo que o paseo xa foi derribado polo mar noutras ocasións, pero desta Galicia rexistrou o récord histórico nacional de altura das ondas na costa, case 20 metros de altura máxima en Cabo Vilán, por certo, máis de 14 na zona na que se está a construír o porto exterior da Coruña. Como diría miña nai, o tempo vai tolo!
Empezaremos a traballar xa en serio na loita contra o cambio climático ou seguiremos a consideralo unha "frikada" dos ecoloxistas e de catro políticos? Gracias, Pamen ;-)
Chamamento ó voto na Folla Parroquial de Pontedeume

Déixovos o texto que publica hoxe, xornada de reflexión, a folla parroquial de Pontedeume. Logo dunha longa arenga a Rouco Varela con motivo do seu retorno á cúpula da igrexa española, di a revista parroquial:
Tenemos y debemos de votar todos, y hemos de hacerlo según nuestras convicciones morales y religiosas. El Papa nos dice "todos, creyentes y no creyentes, hemos de trabajar en la búsqueda humilde de Dios". "Dios es Amor". Toda la moral cristiana se basa "en el Amor a Dios y al prójimo", y esto hay que tenerlo muy presente a la hora de votar. Votar con responsabilidad y criterio propio.
Non é que me pareza moi forte, sobre todo despois do visto por parte dalgúns bispos nos últimos meses, pero a xornada de reflexión, na que están prohibidas por lei ata as campañas institucionais de promoción do voto, non parece a data máis axeitada para que a igrexa, non só o fomente, senón que o oriente.
Actualizado ás 11:26 do 20/03/2008:
Parece que este post, no que simplemente transcribo literalmente o contido dunha folla parroquial, que non é das peores nin moito menos, xunto con aqueles que escribín o día da Hispanidade falando dos excesos "rojigualdos" do PP eumés na casa do concello e máis no torreón, xeraron bastante polémica entre os "populares" de Pontedeume, tanto que no seu blog me dedicaron un fermoso post titulado PUENTESdeume, no que, como podedes supoñer, alaban a miña capacidade política e blogueira, con frases tan refinadas, obxectivas e democráticas como estas:
En Pontedeume, estamos hartos de que el alcalde de Fene, critique a nuestro pueblo en su página cuando le dé la gana. Un poco de respeto. Desde que tomó posesión de su cargo, el señor Puentes se ha caracterizado entre otras cosas, por sus críticas a Pontedeume y a su gobierno, ahora también a su párroco.
Cosas como estas, y algunas otras, evidencian que al alcalde de Fene se le “llena la boca” con Pontedeume, cosa que aquí nos molesta. No nos molesta por la crítica o la opinión (gracias a Dios hay libertad de expresión) nos molesta, porque se trata de un alcalde vecino…
Opinión: Querido Iván, ya todos conocemos tus sucios trucos. A pesar de todo, me gustaría felicitar al Partido Sucialista: ya tienen un nuevo Stalin al que adorar como borregos. VIVA PONTEDEUME, SU ALCADE Y EL TORREÓN ESPAÑOL!
Hai xa moitos anos que Pontedeume se librou do xugo dos Andrade e hoxe o pobo pertence ós seus veciños/as, non ó PP local nin ó párroco, polo tanto non intentemos provocar conflictos que non existen e non confundamos as críticas a accións puntuais dun determinado colectivo con críticas a todo un pobo, porque afortunadamente a sociedade eumesa é moito máis rica, plural e aberta que os destinatarios dos meus comentarios. De feito, sen saír da blogosfera eumesa, a eumesfera, como a bautizaron os amigos de Pontedeume na Rede, podemos atopar blogs que comparten a crítica expresada nest post, como o titulado Inxerencias, que se publica en Pontedeume, retrato dunha vila.
Será o mellor chan industrial de Galicia

Desde antes do Nadal, Blas e máis eu levábamos planificando a visita do Presidente da Xunta a Fene; foron varias as datas apuntadas inicialmente e varios os motivos que as desbotaron, pero hoxe Emilio Pérez Touriño realizou a súa primeira visita ao noso concello. Este xoves, no mitin de Zapatero na Coruña, pechábamos con el e o seu equipo os detalles da mesma, que tivo como motivo central a principal preocupación dos feneses e a principal aposta do Goberno Municipal, a diversificación económica e a creación de emprego en Fene.
Lembrou Touriño que Ferrolterra disporá a corto prazo de 8 millóns de metros cadrados de chan industrial, o que supón "a oferta de solo máis importante, mellor comunicada e mellor situada de toda Galicia". Para elo serán claves os 2 millóns de metros cadrados cos que contará Vilar do Colo, unha vez que se acometa a ampliación de 1.200.000 metros que os concellos de Fene e Cabanas temos proxectada co Ministerio da Vivenda. Ampliación para a que hoxe o Presidente da Xunta nos brindou todo o seu apoio.
Como xa dixen en moitas ocasións, o futuro próspero de Fene, a fin da súa perda de poboación, de emprego, de ingresos… pasa por diversificar, por seguir exprimindo ó máximo o que nos dea o sector naval, pero sobre todo por saber ser competitivos noutros sectores, por crear outros motores ecónomicos de futuro que nos permitan despegar dunha vez por todas e para iso, o primeiro paso é dispor de chan industrial.
Por iso hoxe estou especialmente contento, porque o gran Vilar do Colo, o polígono mellor situado de Galicia, está xa máis cerca. Esta é só a primeira pedra, logo debemos saber aproveitar a oportunidade e planificar ben os usos do polígono.
