ivanpuentes.com

Anotacións arquivadas do mes de April de 2008

Pradolongo

A pesares do moito que teño que madrugar mañá, non quero deitarme sen antes falarvos un anaco de Pradolongo, a nova longametraxe de Tamara, unha marabillosa amiga da que xa vos teño falado, que protagoniza este filme de Ignacio Vilar con Rubén Riós e Roberto Porto.

A historia é das que a un lle penetran no máis fondo a medida que vai avanzando a metraxe e das que, como as boas esencias, provocan sensacións que quedan atrapadas e que afloran en forma de constantes réplicas ó longo dos días seguintes. É unha película diferente, orixinal, quizais non tanto pola historia, que é cotiá, como polo ambiente e o xeito de narrala. Como dicían Tamara e o director na presentación que fixeron este venres en Fene, estamos acostumados a ver no cine historias de americanos, pero non historias de galegos, rodadas aquí e que reflictan as nosas costumes, a nosa forma de ser. Isto fai que a película chegue, que nos identifiquemos con ela.

Sobre Tamara creo que obxectivamente podo dicir que está espectacular. Estou seguro de que máis cedo que tarde esta muller triunfará plenamente, porque é realmente boa profesional, ademais de excelente persoa. Desde aquí quero transmitirlle todos os ánimos posibles nestes duros días de promoción e moitísima sorte con esta película, que en Galicia xa está arrasando en taquilla. Nunca perdas a inocencia tan impura coa que nos acarician os teus ollos e a túa alma!

Se vivides por Ferrolterra, podedes ver Pradolongo nos Cinebox do Centro Comercial Odeón (Narón). Recoméndovola!

Espectáculo no Eume, a pesares da sequía

Esta tarde subín á Presa de Goente (As Pontes) para comprobar o que onte me dixeran Nacho e Alex, que estaba unha vez máis desbordando; a impresionante fervenza que se forma é dos espectáculos "naturais" máis fermosos que se poden ver no inverno de Ferrolterra. A pesares das poucas chuvias deste ano, é certo, a presa está chea e a auga leva xa uns días saltando por riba do muro.

Como xa vos dixen nalgunha ocasión, se nunca vistes isto, merece a pena. Nun post que escribín o ano pasado, explicaba o doado que é chegar.

28 anos despois

Igual que nesta imaxe, hai hoxe 28 anos a miña nai e máis eu pasábamos a tarde nunha habitación do Hospital Arquitecto Marcide; ela cre lembrar que na 322. Aquel día eu tiña unhas poucas horas de vida e ela estaba a se recuperar do tremendo esforzo que tivo que facer durante 8 meses para que eu puidese chegar a nacer.

Hoxe o hospital xa non é do INSALUD, é do SERGAS e a pranta xa non é a terceira, senón a quinta, pero a situación non variou moito. Ela, traballadora infatigable, está de novo a recuperarse para seguir loitando, desta dunha operación de xeonllo; eu, algo máis grandiño, paso as tardes ó seu lado, pero en lugar de comer e durmir, axúdolle coa rehabilitación, paseamos, falamos, lembramos…

Aínda que seguro que non sería o que desexase se puidese ser quen de decidir o noso destino, hoxe, por primeira vez, ela e eu celebramos o meu cumpreanos exactamente no mesmo lugar no que hai 28 anos celebrábamos o seu feliz parto. Dime que se atopa moi ben, menos cansa que entón, pero que quen lle dera ter os 39 anos daquela tarde de 1980. É maravillosa!

Moitas grazas a todos e todas os que hoxe me felicitastes e me fixestes chegar dun ou doutro xeito o voso cariño e moitas grazas tamén a todos aqueles que, tendo intención de felicitarme, vos esquecistes; compréndovos, porque sabedes que a min sempre me pasa ;-)

Os machistas non defraudan…

…non defraudan nunca a pouca fe de reciclaxe mental que moitos temos depositada neles. Hoxe confesábame unha destacada dirixente do Goberno Galego que cando escoitou o martes a Carme Chacón dicir aquilo de  "Coronel, mande firmes!" formigoulle o corpo coa emoción; algo semellante sentín eu.

As plumas máis destacadas da caverna mediática da dereita deixaron onte publicadas milleiros de letras que arrecenden a machismo rancio. Podían criticar ó goberno con centos de argumentos, pero, para non defraudarnos unha vez máis, atacaron ó novo executivo desprestixiando ás súas mulleres, especialmente a Carme Chacón, seguro que o nomeamento que máis lle doe á testosterona resesa destes tipos. Destaco o publicado por Pedro J. no editorial de El Mundo:

"el gran problema que se va a plantear a corto plazo para que la ministra pueda asumir sus responsabilidades […] es su próxima maternidad. Es absurdo que pueda plantearse una situción límite como el derribo de nuestros helicópteros en Afganistán, el asesinato de los agentes del CNI en Irak o la muerte de los soldados en el Líbano con una ministra de baja maternal […] No podrá asistir durante muchos meses a las reuniones de sus colegas en la OTAN, estará impedida por su embarazo para visitar a los soldados españoles […] y sumirá a su departamento en una fase de provisionalidad mientras se pone al día y compatibliza la tarea ejecutiva con la atención a su bebé."

A que ninguén se cuestionaría tal estupidez se un ministro home tomase posesión cando estivese a punto de ser pai? Claro que non, porque nin Pedro J. nin moitos outros entenden como obriga dos homes o coidado dos seus fillos, pero si de Carme Chacón e do resto de mulleres. Outro ídolo ideolóxico da dereita, Luis María Ansón, non quixo ser menos que o seu director e nunha columna titulada "Zerolo, ministro de Defensa" soltou babosadas coma estas:

"A Zapatero no se le ha ocurrido hacer a Pedro Zerolo ministro de Defensa. ¡Qué fallo! Hubiera resultado más provocador, más progresista, más ingenioso que el nombramiento de la simpática guapita treinteañera. […] Sobre todo, porque Zerolo tenía pensado nombrar a su ilustre marido subsecretario del ministerio y Jefe del Estado Mayor de la Defensa."

Ademais dunha certa repugnancia, sinto lástima de que aínda neste país alguén poda publicar tales barbaridades machistas e homófobas sen avergoñarse. Son os mesmos que tamén oubean en contra da creación do Ministerio da Igualdade, pero son a mellor proba da súa necesidade e do atinado da política de Zapatero.

En Fene, sen “pájara” e sen milfollas

Así de frescos rematamos este domingo a Marcha Ciclista que organizou a Concellería de Mocidade, Ocio e Deporte de Fene; frescos porque, esta vez si, din chegado ó final, pero tamén pola choiva que nos caeu durante o camiño. A pesar do mal tempo, unha boa chea de veciños/as se animaron a pedalear e darlle todos xuntos unha pequena volta ó noso concello. Foi unha boa mañá de domingo!